Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Salve, intemporal carballo!

viernes, 07 de julio de 2023
Poucos saberán quen aí te puxo. On non te plantou ninguén? Foi landra perdida a que por un casual caeu aí e afondou logo secretamente na lama acochada polas noites de invernía e os días incertos? En calquera caso, a gadaña do lameiro ou a montesía peta da roza respectaron a túa inerme existencia. E ti, zugando así no teu propio humus... de aí non te moviches! Só iso serviu para moldear o teu propio xorne.
E agora, tras moitas xistras invernais e a sabedoría monacal aprendida no día a día, aí estás, firme, ti, pastor de vidas que nacen, medran ou desaparecen. Sempre igual a ti mesmo, es ti secreta forza do noso ir e volver, das nosas seguranzas e esperanzas, do noso pasar tamén a mundos ou inframundos descoñecidos.
Sigue aí firme, mudo carballo amigo, peñor de eternidades! A fonte dos secretos aneis internos do teu ignoto e infindo cerne valerá seguramente para encher de petróglifos sempiternos as rochas vivas dos nosos montes. Pois precisamos, carballo amigo, prehistoria e historias vivas pra o presente e pra o que aínda terá que vir.
En realidade, a túa sempre ignota idade non a podemos medir co tempo senón con secretos anacos de eternidade que contigo se fundiron. Pasaron nenos e mozas que baixo a túa sombra nun tempo riron e danzaron. E tamén vellos e patrucios que cun neto de viño na man, baixo a túa sombra poderosa e ó teu abeiro, antigos aconteceres lembraron, esperando que pola túa parte con humildes frangullas da túa propia eternidade os agasallaras. E velaí que segues a estar aí, sen coma eles pasares deixándonos de ti orfos!
A verdade é, firme e amado carballo, que ó che agarimarmos o teu peito firme ou os teus rexos brazos, algo da túa baril existencia se nos debeu meter na entraña oculta de nós mesmos. É iso o que xustamente precisamos para non desfalecermos ante tanta cousa que vemos, ouvimos ou aturamos. Ti es así intemporal carballo, mais compañeiro e alentador do noso sempre curto vivir. E tamén firme, sonoro e seguro monumento á permanencia dun país, o noso, maltreito e esquecido.
Si, prefírote a ti, calado monumento a un vivir desde sempre desenvolvido no medio e medio da natureza, da que ti es egrexio expoñente. Prefírote, si, ós sutís e loados modos de nos afastarmos desta agarimosa terra, destruíndo a súa beleza e mailas augas e aires que a conforman. Es ti así pastor e ilustrado guieiro do noso humanamente vivirmos, con seguranza e esperanzas. Só algo che pediría: antes de eu faltar, non faltes ti!
Así o sentira eu mesmo algún día cando en tempos mozos houben de partir. Daquela non eras ti aínda o amoroso carballo de Padroso, alí onde á túa beira medraría o vigor e a tenrura do teu veciño e amigo Bieito Ledo, senón un seu irmán maior que os nados na parroquia estradense de Sabucedo chamamos "o carballo das Moreiras", que co seu robusto porte señorial ergue a súa frondosa presenza enfronte mesmo da miña casa natal.
Foi tralo verán de 1952 cando ía eu emprender unha algo longa migración mundo adiante. As miñas inquedas e fantasiosas interioridades leváronme, en tan singular situación, a buscar e escoller seis ou sete brancos e cativos pelouros, semellantes a aqueles cos que os rapaces á porta da escola xogabamos á pedriña. Eran para min coma perlas. Apolitei con elas no peto polo carballo das Moreiras e a unha certa altura, nun amplo burato que a idade e as chuvias tiñan feito no vello compañeiro depositei case relixiosa e ritualmente as pedriñas escolleitas. Quedaban case coma nun niño de merla á espera dunha longa incubación. Tiña a ilusión e a esperanza de volver tocalos, bicalos pra baixalos logo comigo tras ignotos andares nunha futura e posíbel volta ó soidoso lugar onde accedera a este mundo. Parecíame dalgún xeito que aquilo que facía era algo así como afincar a áncora nun fondo firme e seguro, que impediría que a lancha do meu vivir fora desprendese definitivamente das súas orixes...
Non podía fallar, xa que logo, ó emotivo reencontro co carballo, avó e amigo, á volta daquel longo peregrinar. Once anos pasaran dende aquela e non dispuña xa eu da mesma axilidade da despedida, mais apolitar si que apolitei ó tamén, coma min, xa algo máis vello carballo. Busquei coa man e remexín cun casual garabullo nos húmidos buratos do varudo tronco do carballo con contida emoción, mais non me foi posíbel dar co agachado tesouro. No ancestral carballo eran agora moitos máis os buratos e estaban ademais todos eles atacados de folla vella, landras, bugallos e un enguedellado envurullo de lixo que chuvias e ventos paseniñamente foran nel depositando.
Consoloume polo menos telo intentado. O vello carballo tiña tamén perfecto dereito a gardar no seu peito os nosos mutuos segredos.

[En O carballo de Padroso (Vigo, Ir Indo, 2023), pp. 65-67]
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES