Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De novo, a poesía atravesa o tempo (I)

jueves, 06 de julio de 2023
As cunchas baleiras de Branca Novoneyra publicado por Chan da Pólvora

Branca é do Courel e de Santiago, de Elba e Uxío, da danza e a poesía. Ela vai de Picaversos ao Laboratorio de Movementos, da política a dirixir o festival dos Eidos do Courel... Branca Petra.

Di Antón Lopo que neste libro se recollen dez anos de escrita silenciosa, pasados pola peneira dos días, tal como facía o pai, seleccionados unha e outra vez os poemas, analizados repetidamente, para ir quitándolle as cascas, deixándoos case baleiros, depurándoos, decantándoos... Di tamén que "isto demostra que o que quere é concentrar a palabra, tensala, probala no tempo e, se é verdadeira gardala, para construír a linguaxe simbólica e mítica da poesía da imaxinación, a utilidade da beleza da que fala Kathleen Raine, a mente salvaxe de Gary Snyder e o pensamento raposo de Ted Hughes".
De novo, a poesía atravesa o tempo (I)
Dúas mentes cheas de poesía e conceptos (Branca e Antón), reunidas ao redor dun libro, dous artistas de noso, que erguen as ponlas ao ceo como brazos que bailan recollendo as correntes máis actuais e internacionais pero sen perder o don da palabra propia, a raíz que os entronca á terra na que xerminaron. Lopo e Novoneyra, Lemos e Courel mirándose mentres nos reflicten.

Voan os temas: enfermidade e dor, política... o realismo político, porque "hai pirámides que aínda nos escravizan" ou "O nacemento avisa da sublevación", "Esvaramos pola Cabeza da Estrela / nos bordos líquidos das ideoloxías". A política activa e municipal que, agora, se abandona como antes a enfermidade obrigou a conxelar o baile, a danza contemporánea e poética que a levaba a voar coma un anxo pensativo sobre o verso.

Fala a autora de "permanecer na resistencia da melancolía" pero tamén deixa entrar o humor "e Venecia ábrese en canal". Observa: "Ise meu outro rostro sen cicatrices, perfecto." Sente: "Cruzámonos cos veciños mortos", "A quietude expándese nas fotografías". Fainos pensar, lévanos a darlle voltas a cada verso ou poema porque cando se sintetiza ao lector ou lectora pode tocarlle facer o exercicio contrario, expandir o significado. Podemos facelo no título, As cunchas baleiras que atopamos na praia e recollemos para unha colección que non ten fin, as que xa perderon o froito e están ocas, desocupadas, abandonadas; as cunchas que imos deshabitando ata convertelas en esqueletos. Podemos facelo co poema:

NO TERRITORIO
a enerxía
inmóbil
pola tristeza.

Entendo eu que nese territorio ou eido, a enerxía que podería crear, producir, xerar cambios, mellorar a realidade... está inmóbil, quieta, inactiva pola tristeza. Porque igual a tristeza é o resultado de non darlle alas ao voo. Porque igual Galicia está inalterable, cravada por unha tristeza fonda que lle impide reaccionar. A depresión pode ser iso, non poder moverse, aínda sabendo que o movemento é a alternativa á tristeza, que esa é a saída, que hai que espertar coma o galo para poñer a andar o canto.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES