Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasamos das lareiras á cultura globalizada (7)

martes, 08 de agosto de 2023
.../...
A lareira, un Altar, outro.

As lareiras eran moito, pero non o eran todo pois nelas oíase pero non se vía, a diferenza do que pasa agora con esa entremetida á que chamamos "tele", e por veces, "telegaita". Poño por caso, para ver un morreo de rapaces tiven que ir á escola, e mellor me fóra non velo pois ata que me casei maldito un conseguín: ¿Eran virtuosas, ou non me querían? ¡Coido que as dúas, asemade!

No recreo, en días fríos, cruzábamos o curral, a cen, para acudir á lareira, na cociña vella de Candal, onde a señora María Manuela, sen omisión algunha, ¡Deus llo pague, que de seguro xa lle ten pagado, tan santa que era!, non regateaba estelas para que non se lle apagase a fogueira dos rapaces. Un daqueles días, despois de quentar as mans, sentín unha necesidade, outra, así que crucei a eira para ir ao horto, alí por detrás das loureiras. ¡Que espectáculo, miña madriña: o Antonio de Maceda, un mangallón, que seguía indo á escola por xenerosidade de don Jesús, que nunca llela negou aos mozos, así estivesen licenciados do Exército, á hora do recreo escapulíase, a saber por onde e para onde, que nunca o vin quentando as mans; estaba alí no horto, pegadiño á criada da casa..., dándose un morreo, ao estilo destes que se ven agora na Tele!

Eu, non sei se pícaro ou discreto, agacheime detrás dos ramallos dunha loureira, cos ollos tan abertos coma os dun león; evacuei, abotoei o calzón, pero..., eles seguían! ¡Que boa cousa debía ser aquilo para que tanto tempo lle botasen, e logo que nin oían ni vían a intromisión do neno!

Ao día seguinte, coa mala idea de espreitar desde as ventás do colexio, díxenlle ao mestre que non ía saír ao recreo para rematar aqueles problemas que nos puxera no encerado, que se me atravesaran. ¡Mentira; o que se lle atravesara ao traveso era a malicia de ver un novo capítulo daquela serie tan erótica! Os problemas do encerado remateinos, e ían ben, pero o que ía mal era a miña espreita pois aquel día..., non acudiron ao horto! ¡Igual estaban na palleira, arrincando feo para dárllelo ás vacas! Cando volveron a entrar, os do recreo viñan coloradiños, nenos e nenas, pero en particular Antonio, o mocetón; tampouco souben se aquel día estivera na lareira, cos cativos, ou arrincando herba; se foi isto último moita deberon arrincar, para que tan colorado viñese!

Aquel ensaio debeu ser frutífero, pois non tardaron en casar, ben namorados supoño, a xulgar pola cantidade de fillos que criaron. ¡Teño claro que ían, que se comportaban Pasamos das lareiras á cultura globalizada (7)así, con boas intencións, pero..., a min déronme un mal exemplo, aínda que sen querer, pois, o dito, tiven que chegar ao casamento para catar un bico, co que me gustaban as rapazas!
-.-

As lareiras serviron para moitas cousas, sendo as súas principais funcións quenta-lo corpo e estimula-lo espírito, ¡a universidade xeral! Das lareiras, e sen case transición, pasamos ao televexo, que vén a ser a universidade global, fría e caótica. Con iso e con todo, pouco se leva escrito delas, e pouco sitio se lles reserva nos nosos museos, etnográficos incluídos, así que teño para min que, onde tanto queda por dicir, algo poderei engadir, apoiado, documentado, nas miñas vivencias persoais, patrimoniais, e por tanto, transmisibles.

Daquela comezarei as lembranzas con esta evocación da cociña da Olga, evocación do gran debuxante Augusto Trillo, que por iso a poño aquí.

O pazo da Olga foi o fogar daqueles antepasados meus, os Gómez de Neira. Cociña de pazo, como lle correspondía, e por ende, con campá de pedra, pero as labregas, as casas do común, tardaron en ter extractora porque situaban a lareira medio a medio da casiña, sen sobrados enriba, que dese xeito cumprían coa función polifacética de: rodearse das cortes do gando, quentándose reciprocamente, o gando á xente, e a xente ao gando; evitando perigos de incendio, aínda que se atizase con toxos; de paso, tódalas habitacións do sobrado recibirían calefacción nas súas cabeceiras, e luz exterior nas fiestras. ¡Non se me diga que estaba mal descorrido!

Outra función das lareiras da que pouco se ten falado, acaso por un pudor mal entendido, é que tamén fixeron de sala de partos. ¿Si; e por que? Lóxico e sinxelo: Nas cociñas estaban as cambariñas dos avós, de par das cambadelas, dos presebes do gando, cerradas e coas táboas afumadas, pero abertas pola dianteira. O seu xergón era o mellor da casa, de lá branca, pura e ben escarpullada. Nese sitio discreto e cómodo recollíase a parturiente tan pronto comezaba coas dores; por saba baixeira, pelicas de ovella. Ao tempo, os homes da casa saían en busca da parteira, coa egua aparellada se vivía lonxe; no ínterim, a avoa acendía o lume, se non o estaba, para que o neno atopase un ambiente similar, e non se arrefriase no intre de apertarlle o cordón umbilical co conseguinte fío de liño. ¡Así nacín eu, eu mesmo, que llo preguntei á miña nai a primeira vez que vin parir unha vaca!

-¿Mamá, tamén me lambiches, como fai a nosa Teixa?

-Non, filliño, que a ti lavoute, con auga morna, a señora Manuela do Rego; precisamente desa pota, da grande, desta que temos nas trepias!

Os afortunados tivemos dous templos para unha mesma relixión: O familiar e mailo parroquial. No meu caso concreto, por te-la fortuna de ser pobre, mentres vivín na casa patrucial gocei do altar familiar, ¡a lareira!, con meu avó de oficiante. A outra sorte foi que en Montecubeiro viñamos dos frades, ¡dominicos, nada menos!, así que nacín co seu signo na fronte: ¡Ora et labora!
Pasamos das lareiras á cultura globalizada (7)
O templo familiar, xa digo, esfargallouse co plaxio dos ricos, ¡dos chamados ricos!, que contaminaron o país importando cociñas bilbaínas con mesa marmórea, e daquela, ¡adeus lareira, adeus mesa de levante! Baixa-la mesa, mesmo diante da cociña, e poñerlle os manteis, era moi parecido ao que facía o noso Párroco na igrexa, na outra, pero máis nosa era a fogareña, limitada ao grupo familiar. Os da parroquia tamén eran irmáns, tamén, pero cun ADN distinto, máis..., diverso!

A veces é bo comeza-la casa polo tellado, e neste caso teño a tentación de comeza-la cociña na mesa de levante, pois dela conservo a inveterada costume de meu avó, ¡avó e padriño, dous títulos excelsos!, de bendicir a mesa: -Señor, acepta estes froitos, que da túa man nos viñeron, e a Ti chos ofrecemos, para que, fortalecendo o noso corpo, teña bo asento o noso espírito. Amén." ¡Deus, que aperta lle vou dar cando volvamos a vernos! Pero iso será se chego á súa altura, que a del era moita, e coido que é imposible que encollese Aló Arriba; antes ao contrario, pois dou por seguro que, de albeite, ascendérono a..., a Cura de Almas! Aquí Abaixo, a diferenza de dous tíos seus, ¡por culpa daquel Mendizábal!, non chegou a ter unha coroa peluda, pero Arriba seguro que lla deron de estrelas.

Naquela mesa, na de levante..., que? Pan nunca nos faltou, aínda que na guerra, ou máis ben despois dela, por culpa das cotas e das requisas, houbo que engadirlle patacas á fariña para que as fornadas chegasen ata a nova colleita, que sempre se facía esperar; ¡nunca veu antes do mes da Sega! Co que levo soutado, de landras e de castañas, entendo que podíamos logra-la ceba sen quitarlle o salvado ao noso pan de cada día, pero viña así, de costume, que ninguén nos dixera, ¡e menos o muiñeiro, que cobraba a maquía en fariña, nunca en farelo!, que o pan integral é..., máis pan! O peor foi que a madriña, ¡sería de tanto parir fillos, de tanto compartir o seu calcio!, quedouse sen dentame de moi nova, que xa a coñecín desdentada, e para roe-los codelos do pan víase negra, sendo roiba! Menos mal que o avó lle aconsellaba botarlle as rafas ao caldo, e así, máis que mastigar, a pobre engulía.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES