Carballeira do Campo do Medio
Cabada Castro, Manuel - martes, 04 de julio de 2023
Carballos do meu querer,
tempo levades chantados,
nin polo raio fendidos
nin coa ardentía crebados.
Baril e vizoso o porte
e solemne o voso estar.
A eivados dades acougo,
sombra pra as nenas xogar.
Danvos frescor na calor
dúas fontenlas que cantan.
De día fano e de noite
sen medo algún á estiñada.
En Sabucedo acougamos
sen medo a lumes nin lobos.
Rexos e erguidos ciclopes,
non hai quen poida convosco!
***
Coa ledicia e os falares,
á vosa sombra encantada,
goza agora san Lourenzo
ó ouvir o son da gaita.
Entre repique e foguetes
ledo saíra da igrexa.
Ben que nos veu pasealo
téndoo así á nosa beira!
Imos, festeiros, agora
na carballeira xantar.
Polbo e empanada convidan
a convivir e a parlar!
Bule entre os dedos a gaita
e a mocidade a bailar!
Vellas e vellos lembramos
tempos de moito troular.
***
Es ti templo, carballeira,
sen chan nin teito sagrados,
aberto a estrelas e ceos,
connosco ben irmandados!
Na túa fronde, carballo,
vive o pombo e a pega marza,
o merlo e mailo carrizo
en comunal veciñanza.
Mais nos teus fondos máis fondos
un gran misterio se agacha.
Só foi el quen de te erguer
por enriba das montañas:
rexas e firmes raiceiras
sosteñen o teu velame.
A enteira Galiza es ti
de camiño á eternidade!

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora