Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As músicas de Xosé Luis Foxo

lunes, 26 de enero de 2009
Xosé Luis Foxo anda a presentar un Cd e un Dvd da Banda de Gaitas de Ourense, con temas tradicionais recollidos na montaña do oriente galego, nas provincias de Lugo e Ourense.

Foxo aprendeu as primeiras músicas no Seminario de Lugo onde andaba don José Castiñeira construíndo unha escolanía a base de notas e rapaces. E cando Foxo empezou a voar libre foise para Barcelona onde a súa creación multitudinaria, o colectivo “Toxos e Xestas” xa anunciou o que era capaz de facer.

Hai algo máis de vinte anos, os rapaces de Toxos e Xestas capitaneados por Foxo viñeron ó San Froilán lucense como mestres de lección galega ben aprendida en Cataluña onde o galego e as cousas de Galicia teñen carta propia de natureza e atopan excelente caldo de cultivo no impulso cultural e lingüístico dos cataláns.

E cando volveu a Galicia veu á raiz, a Ourense, a cidade que foi un parnaso cultural hai un século, a Atenas de Galicia lle chamaron, e alí creou unha plataforma de alcance mundial coa que a cotío nos sorprende conquistando cidades e países, e tanto actúan desfilando pola Quinta avenida de Nova Iorke como no corazón do Xapón, na Biblioteca de Alexandría ou diante da Súa Santidade o Papa, levando os sons galegos a lugares ós que a priori tiñamos renunciado por imposibilidade manifesta.

Foxo fixo o imposible, e conta por milleiros -arredor de quince mil- os alumnos que en Ourense estudian gaita e percusión como nos máis elevados conservatorios do mundo se estudia o violonchelo, o piano ou o violín.

O territorio de Foxo comprende fisicamente de xeito especial as provincias de Ourense e Lugo. En Ourense, por residencia, traballo e influencia directa da súa actividade. E en Lugo, a zona oriental da provincia, a montaña, de onde el procede, e onde desenvolve unha importante actividade de investigación e espallamento de música e canto tradicional.

O Cd que presenta comprende músicas populares das montañas lucense e ourensán, como homenaxe da Banda de Gaitas ós montañeses que fixeron, cantaron, conservaron e transmitiron a riquísima música dos altos montes que nos unen ou separan da meseta, e con ela –Camiño directo temos que ven a Santiago- co resto de Europa.

Como neste mundo non é malo ter avales e se son oficiais mellor, resulta que este Cd está editado por Radiotelevisión española-Música, co que ten garantido o apoio oficial do primeiro organismo da comunicación do estado español. Este é o nivel conseguido por Foxo xa hai moito tempo, e moita música.

E o segundo producto cultural, o DVD, contén o Concerto de Reis da Real Banda de Gaitas, que edita a discográfica lucense Sons Galiza a beneficio de Atox, entidade ouresana que loita contra a drogadicción e en apoio dos toxicómanos.

Todos os que andamos polo medio das iniciativas culturais, sempre necesitadas de axudas, sabemos os esforzos e os traballos precisos para conseguir chegar ó nivel, prestixio e realidade da Banda de Gaitas de Ourense. Pero chegados –aquí e agora- á situación actual, para Xosé Luis Foxo esto é un paseo. Non un paseo militar, senón un paseo musical por todo o mundo demostrando o que se pode conseguir con fe, con ilusión e con traballo.

Velaquí dúas mostras tanxibles do seu traballo, emblemáticas e representativas dunha traxectoria que augura moitos días e anos de gloria para a nosa humilde musica tradicional que se evidencia como a máis sublime das músicas.

En Galicia, hoxe más que nunca, estamos para músicas. Estamos para recoller, potenciar e espallar a música de sempre para que perviva e saiban dela os galegos do futuro.

Noraboa Foxo polo esforzo e polo resultado. Dignificar a nosa música é dignificar o país. E un país con dignidade, especialmente no eido cultural, é un país con futuro.

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES