Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios Peña Novo

lunes, 26 de junio de 2023
O 3 de xuño de 2002, a Fundación Peña Novo dirixíu un escrito ao alcalde de Lugo solicitándolle rehabilitar a memoria do secretario municipal destituido das súas funcións polos sublevados o 18 de xullo de 1936, despois dun proceso de depuración negándolle a súa lóxica defensa. Fixemos causa común coa Fundación Manuel María da Terra Chá presidida por Xulio Xíz Ramil, Enrique Rivera Orosa en representación da familia, e Xosé Manuel Felpeto Enriquez en representación do Instituto de Estudos Chaieregos.

O Pleno do Concello de Lugo, en sesión celebrada o 7 de abril de 2003, é dicir, un ano despois da petición formulada, acorda a "rehabilitación moral do que foi Secretario deste Concello, don Luís Peña Novo, sen que isto conleve dereito económico algún, dada a renuncia efectuada polo seu único fillo don Luís Peña López".

O pasado ano publicouse o volúme "Lois Peña Novo, 55 anos despois (xullo, 1967-xullo, 2022). Lembranzas. Inédito e rehabilitación", coas colaboracións de Alfonso Blanco, Xosé de Cora, Bernardo G. Cendán, Antonio Giz, Xosé A. Pombo, Manuel Roca, Xulio Xiz, e un servidor.

Na miña colaboración afirmaba que o pensamento de Peña Novo segue a ter vixencia nos tempos que vivimos. Nun artigo seu publicado en 1924, por exemplo, afirmaba: "A cultura dun país non se mide polas estatísticas dos seus licenciados, senón pola profundidade que o suco que o seu pensamento vai abrindo no espírito dos pobos". A clarividencia do seu pensamento é mesmo un método de análise para descifrarmos as causas polas que en Galicia as lexións de licenciados formados na Universidade de Santiago que pasaron despois a desempeñaren funcións nas distintas administracións públicas, e mesmo en empresas privadas, foron e seguen aínda a seren freos para a recuperación da identidade nacional, seguindo as directrices do ordenamento xurídico vixente, con desigual comportamento co que acontece noutras latitudes da nosa contorna, máis implicados nos respectivos procesos.

Peña Novo atinaba no diagnóstico: "Tráse de medo a manifestárense galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política; galegos en todas as afirmacións da nosa vida individual e cvolectiva. Medo a ser, nunha palabra, demasiado galegos. Todo o noso parécenos vulgar, e todo o alleo seméllanos distinguido e superior".

A Fundación Lois Peña Novo, inspirada no pensamento do intelectual cofundador das Irmandades da Fala, foi creada para animar o proceso de galeguización na función pública galega. Durante vintesete anos desde a súa creación vén desenvolvendo unha intensa e variada actividade, salientando como unha máis a concesión anual dos Premios Peña Novo, dos que xa foron acredores xuíces, maxistrados, fiscais, notarios, profesionais da sanidade, profesores universitarios... e funcionarios de todos os niveis.

Un xurado integrado por cualificados intelectuais, decidíu conceder os premios nesta XXVII edición, a unha entidade privada e dúas persoas relevantes en cadansúa actividade profesional.

Portal Gciencia, por promover a normalización do uso do galego en ámbitos científicos nos que a nosa lingua é minoritaria. Con máis de 400.000 seguidores únicos aos mes GCIENCIA convertéuse nun dinamizador de amplo espectro que provoca un efecto positivo na utilización do galego.

A Dona Rosa Castro Legazpi, guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos que marcaron un tempoo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación. Porque a través deles, di o xurado, “foi capaz de entender e adaptar a idiosincrasia do pobo galego aos tempos actuais”.

A Don Felipe Senén López Gómez, arqueólogo e etnógrafo, un intelectual polígrafo, de ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural de Galicia como parte indiscutible do acervo identitario do país. Especializado en museística procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade.

A entrega dos premios celebrarase no castelo de Soutomaior, como vén acontecendo desde os inicios, nun acto público revestido da solemnidade que os caracteriza, o próximo día 29 ás 19:30 horas do serán.

Xosé González Martínez, Presidente Fundación L. Peña Novo.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES