Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasamos das lareiras á cultura globalizada (1)

martes, 27 de junio de 2023
De onte a hoxe!

Pasamos das lareiras á cultura globalizada (1) En cousa de medio século... ¡Xesús, que cambio, que evolución, que se non o vivira non o crería!

Pero non é certo que nas nosas aldeíñas, neste rural galaico, se cumprisen esas divisións, eras, ou idades, que poñen nos libros da Historia Universal, pois aquí tivemos as nosas etapas, outras, por certo que ben características ou diferentes. Dito en sínteses:

Non saímos da Idade Media ata que se redimiron os foros... Tiveron a súa evolución, pero, ¡secular! Daquela, da Idade Antiga pasouse / pasamos, á Media, á dos foros, que foi a fórmula dominante de cesión da propiedade en Galicia, desde o século XIII ata principios do XX. En vez de Media podíamos chamarlle Idade Foral.

A desamortización, ¡Idade Moderna!, abriu unha posibilidade para que os detentores do domino útil se fixesen coa propiedade plena das terras cedidas a foro, pero, ¡aínda!, con/en condicións moi restritivas, que aguantaron ata o ano 1.855.

Desde o 1.855 a desamortización foi unha medida que converteu a unha boa parte do campesiñado en propietarios plenos das terras que viñan traballando. Pero tamén tivo a virtude, ¡ou a traxedia!, de lanzar a xuventude á emigración, principalmente para devolver os cartos aos usureiros, aquela maldición das vendas con pacto de retro, etc.

O proceso da desamortización foi longo e intermitente; iniciouse no 1789 para rematar, dun xeito formal, no 1924, co chamado Estatuto Municipal, pero non foi absoluto pois á miña/vosa casa viñeron redimir os foros que herdáramos en Caraño, dos Gómez de Neira (Casa da Olga), sendo eu un rapaz, séxase, despois da Guerra Incivil, ¡onte!, que me lembro perfectamente daquela escena.

Esta ¿etapa histórica? tivo estas fases:

-Desamortización de Godoy (1798-1808), que afectou aos bens da Compañía de Xesús, seis colexios Maiores universitarios, e diversos hospitais, hospicios e tamén casas de misericordia.
-O Trienio Liberal, de 1820 a 1823, que afectou a todo tipo de bens do clero regular.
-Desamortización de Mendizábal (1836-1854), que escacharrou os bens do clero secular, así como os das encomendas da Orden de San Juán de Jerusalén.
-O bombazo definitivo veu coa desamortización xeral de Madoz (anos 1855-1924) que abarcou o que quedaba: Comprendeu os bens afectados polas desamortizacións anteriores e aínda non vendidos, así como os pertencentes ao Estado ou corporacións civís (municipios, beneficencia, instrución pública). Afectou especialmente aos chamados "bens de propios e comúns", dos municipios, pero excluíu os denominados "bens de aproveitamento común"; aquí en Galicia quedaron excluídos os "montes en man común", que pertencían ás comunidades veciñais (parroquias) e non aos municipios.

A todo isto tamén se baleiraron os pazos, pois moetarizadas as súas rendas, e coa facilidade do estudio nas capitais, os fidalgos fuxiron para elas, co estudio dos fillos como pretexto, reservando os seus pazos para os veraneos familiares, e pouco máis.

¿Que era un pazo? Aquí tivemos unha definición moi axeitada: "Capela, pombal e ciprés, pazo es!". ¡Burros, pois as pombas serían símbolos da paz, pero tamén foron, e son, focos tóxicos, xa que se multiplican con rapidez, e así danan o mobiliario, e tamén sementan enfermidades contaxiosas. ¡Por algo os meus frades de San Cibrao tiñan o seu Pombal a medio quilómetro do seu convento!

(Zoonosis. Refírese ás enfermidades infecciosas de animais que se poden transmitir aos humanos).

A asfixia foral aquí en Galicia. ¡Aquela si que foi pandemia, unha pandemia xeral que nos tivo encadeados, mudos, escravizados, por séculos, e aínda así ben pouco se leva escrito/informado dela, desa cruz do noso calvario rural!

Non existen, ou non as coñezo, estatísticas que permitan saber con exactitude a implantación territorial dos foros. Afírmase, iso si, que no século XIX ao redor dun 75 por 100 do noso territorio estaba suxeito ao réxime foral; neste réxime coexistiron foros e subforos, e participaron catro axentes sociais, en relacións binarias, e por veces, ternarias, cando existía subforo: a nobreza, o clero, a fidalguía intermediaria (titular de foros e de subforos desde o século XV), e mailas familias campesiñas. A propiedade de libre disposición en Galicia, daquela, era relativamente reducida, así que as relacións sociais de produción e de distribución estaban condicionadas polo réxime foral.

A redención foral estimulou a emigración, que desde aquela non parou ata a eclipse da guerra incívica, pero tan pronto nos abriron as fronteiras, primeiro, outra vez, para América, e despois por Europa arriba, o campo entrou na súa agonía actual, aínda que con algunha medicación, como foron as compras dos tractores xubilados por León e por Castela adiante, auténticos saldos de maquinaria agrícola.

Coa modernidade, sucesivamente, viñeron as cociñas bilbaínas, as radios, os televexos, os móbiles, etc.; en definitiva, pasamos á CULTURA GLOBAL, á GLOBALIZADA, que é a era, a idade, na que vivimos actualmente.
Pasamos das lareiras á cultura globalizada (1)
¿Amigos/inimigos das lareiras? O principal, sen lugar a dúbidas, foi aquel ¿santurrón/matón?, de mal nome don Hermenegildo. ¡E menos mal que non era galego senón franco! ¡Un matón co nome dun mártir, que por algo escondía esoutro nome!

Deixou dito que el só era "responsable ante Dios y la Historia". ¡Pois a Historia, tan iletrada que é, absolveuno, que nin case se fala das súas atrocidades, e iso que agora hai liberdade de prensa! Para comezar, fíxose "novio de la muerte", aló en África, disparándolle a un lexionario porque aborrecía as lentellas; pero limitareime a Galicia:

-Fixo a guerra levando á morte, maiormente, a mouros e a galegos, así que ás mozas, soíñas nas súas lareiras, só lles quedou atizarlle ao lume, arar coas vacas e facer na media; ¡madriñas de guerra, en definitiva!

Pero esa guerra, ¡maldita sexa!, para as mulleres do meu rural tivo a súa parte bendita. ¡Si, bendita! Deulles ocasión de perder o seu complexo: A falta de homes, ou cos bríos da súa xuventude dedicados á "fusila", que así lle chamaban os mouros, as mozas ocuparon o seu baleiro, en multitude de aspectos. ¡Á falta de morgados, ocuparon o trono, a cadeira deles! Para comezar polo máis importante, asumiron a educación plena, total e cabal, dos nenos, que o fixeron de marabilla! Cando os vellos se viron inútiles, particularmente para ir ás feiras, déronlles poderes ás noras, plenos poderes, de compra, de venta, e de permuta! Falta lles facía ese apoderamento pois Don Francisco tíñaas con minoría de idade ata os 23 anos, etc., etc. De chamarlles as vacas aos rapaces, colleron elas a rabela do arado, e..., araron! ¡Deus, que ben o facían, con regos máis dereitos cá pirola dos seus rapaces! Co desabastecemento das tendas, especializáronse na calceta, e, renovando as feituras, ata as súas bragas fixeron de lá, que ben quentiñas andaron, todas, naqueles invernos, naquelas audiencias! ¿Nas ruadas? ¡Tamén nelas, pois en vez de contos verdes, daqueles que lles oíran aos seus rapaces, elas preferiron, optaron, por rezar o rosario, xa que ningunha, ou case ningunha, carecía, por aqueles anos, de defuntos, certos ou esperados, polos que avogarlle a Xesús sacramentado!

O que montou Franco, e con el a súa sometida, a súa falanxe, foi a Sección Feminina, que foi a meirande comedia daqueles anos..., ¿triunfais? ¡Trunfaron as mulleres, elas si, en todos, ou en case tódolos fogares, pois aprenderon a pilotalos!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES