O porqué e o por que? Da valura
Se no reino animal e vexetal, ás veces, quedan fósiles ou restos orgánicos, pegadas de organismos que se conservan petrificados nos estratos sedimentarios da codia terrestre, o mesmo acontece coa nosa lingua, pois a evolución fonética dos termos ou das palabras que a alimentan e terman dela a través dos seus significados, son fósiles viventes que sobreviven desde o latín vulgar até os nosos días e, ás veces, están próximos a extinguirse, pero deixan sempre unha pegada que os fai recoñecer aínda que haxa unha grande diferenza entre a palabra orixinaria e a palabra sobrevivente nos eidos sempre escuros da evolución filolóxica.
Estamos a falar da palabra "Valura", verba descoñecida para a maior parte da poboación chairega e tamén da poboación galega, dándolle as máis diferentes orixes e as máis distintas evolucións desde a noite dos tempos. Hoxe, imos tratar de acender as luces da súa evolución a través deses restos petrificados na escrita, para iso imos partir da cartografía referida ao mapa xeográfico do Reino de Galicia do ano 1784, que comprendía as noutrora sete provincias galegas, a saber: Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui e que está dedicado a Joseph Moñino, conde de Floridablanca.
Neste mapa, no sur da provincia de Mondoñedo aparece "TIERRA DE LA BALURA", denominación que delata o que imos expoñer máis abaixo. Temos que pensar que nesta cartografía non aparecen os nomes de "Tierra de Balura" nin o de "Balura", a secas; senón que reza como "Tierra de la Balura", grafemas que nos parecen moi significativos porque:
PRIMEIRO.- Aparece unha clase de palabra coñecida como artigo "LA" que se lle nota

que está traducido ao castelán procedente do galego "A". Este artigo é un fósil de "A Valadura", do que xa tratamos noutras ocasións nas que comentabamos como a Terra Chá ou A Valura está rodeada e amparada toda ela por montañas que fan as veces dun valado ou valadura, da que dentro dela viven e conviven os Valuros ou chairegos.
SEGUNDO.- Un simple artigo, ás veces, é tan elocuente que nos dá a entender a evolución fonética dunha palabra por quedar aí fosilizada, mais indicándonos que o nome orixinario era "A VALADURA" ou "TERRA DA VALADURA" que despois evolucionou a "TERRA DA VALURA" e "A VALURA".
É tan expresivo ese artigo que se o cartógrafo puxese "Tierra de Valura" (sen artigo) sería moito máis complicado descubrir a orixe de "valadura" que conforma toda a rexión ou comarca chairega.
TERCEIRO.- Este artigo ou clase de palabra o que nos fai é presentar o substantivo "valadura", indicando o seu xénero e o seu número; outras veces, como ocorre neste caso tamén, pode introducir outras clases de palabras, pero sempre, como un mago que é, converténdoas sempre en substantivos. É un gran nominalizador, troca en substantivo todo o que colle por diante.
Vexamos, "Valadura" que despois orixina "Valura", procede do participio latino "vallaturus-a-um", concretamente de "vallatura(m)", que se forma a partir do verbo latino "vallo,-as,-are,-avi,.atum". Como vemos o participio latino "vallatura(m)" o mesmo que a moitos adxectivos, cólleos o gran substantivador, que é o artigo, e convérteos a todos en substantivos, ao mesmo tempo a palabra segue evolucionando e entón sentímola única e exclusivamente como un substantivo que é, "valadura", que remata perdendo a consonante oclusiva sonora "-d-" e quedando "VALURA",
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
MENÉNDEZ PIDAL, R.- Manual de Gramática Histórica Española. Espasa-Calpe, S.A. Madrid 1968, 13ª edición. CARTOGRAFÍA