Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Salvador García Bodaño, na memoria do tempo

jueves, 29 de junio de 2023
A morte é ese visitante que sabes que vai vir pero nunca o agardas, por iso sempre nos pilla co paso cambiado.

Nos últimos tempos visítanos moito. A última perda foi a de Salvador García Bodaño, fundador do Ateneo e presidente ata que, por puro compromiso coa asociación, decidiu Salvador García Bodaño, na memoria do tempo deixalo ao sentirse sen forzas para acompañarnos con asiduidade; daquela o Ateneo decidiu nomealo Presidente de Honra, porque nos honraba seguir contando con el. Non vou dicir o que todos temos presente sobre a súa obra literaria e xornalística, só apuntarei que a cidade perdeu ao seu poeta, aquel que escribiu Tempo de Compostela no que nos vemos reflectidos, aquel que a definiu cun poema "Compostela é unha rúa longa / na memoria / onde vagan os nomes /e as horas... / Tempo de eternidade nas sombras". Hai momentos máxicos como aquel no que me recitou o poema enteiro por teléfono e eu fun consciente do valor dese instante. Tal como o fora cando, Euloxio e máis eu, escoitamos a Neira Vilas lernos en castelán e en galego os 39 poemas de Nicolás Guillén e confirmar o que dixera o poeta cubano acerca da sonoridade que Neira lle conseguira en galego, un verdadeiro luxo!

Nese poema de Salvador dise que "as lembranzas igual que as ondas veñen soltas dende o fondo de nós" e así me acoden. As reunións da sección de Cultura cando estas se facían nunha cafetería e remataban sendo un faladoiro no que escoitalos (a el, a eles) era un pracer, unha riqueza por todo o vivido, polo lido e visto, polo coñecido, por toda a relación que tiveron cos vellos galeguistas. Foi unha sorte vivir aquel tempo, compensou moito porque cada reunión era un goce, non un traballo.

A despedida a Xulio Maside, outro amigo dos asiduos aos Luns do Ateneo, que nos deixou hai case un ano; daquela Salvador estaba moi afectado e moito máis aínda cando, naquel mesmo lugar, unha chamada telefónica lle comunicou que acababa de morrer Arcadio López Casanova, amizade moi querida e poeta que ten realizado estudos de moito calado sobre a poesía de Salvador. "Vanse todos" dixo, "Veñen a por nós" e sentimos que algo ten tenue como as alas, se rompía. Era o poeta poñendo nome e metáfora ao sentimento.

Tempo antes, en San Domingos, na morte de Novoneyra, díxenlle "Quedamos sen referentes". El contestou dunha que non podo recordar ao pé da letra, era algo así como: agora os referentes temos que ser nós ou cada un o referente de si mesmo. Salvador foi quen dou noticia de Avilés cando estaba en Colombia atravesando os vinte anos de Ulises na volta á casa, foi el quen o recibiu e apoiou. Eran amigos, amigos. Esa palabra esencial que pode unir persoas ou familias, e agora estoume referindo á familia de Novoneyra acompañando a Xulia, na despedida.

Salvador era un home de elexías, da súa man están escritas parte das mellores da nosa literatura, recollidas en Cantos de ausencia. Con cada conmemoración das Letras podemos acudir a el para ler ese adeus, por exemplo este ano coa de Fernández del Riego.

Escritor e activista cultural. Víamos que estaba onde tiña que estar, botando a andar o Museo do Pobo Galego e mil empresas culturais máis. Agora, que xa son tantos do lado de alá, han de andar artellando algo grande... a esperanza.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES