A sesión de gobernanza coas veciñas e veciños (dentro do proxecto Renatur_Outes) era o lugar onde contar a problemática que na actualidade percorre o río.
O xa citado problema de deixar sen manto vexetal as beiras do río, tal como fose terreo queimado. As augas que nalgúns caso veñen contaminadas polas plantacións

transxénicas cos fertilizantes e pesticidas, restos de plantacións que non deben permitirse en ningún entorno e menos neste, cunha intervención deste tipo.
As intervencións para durar, non para a foto, senón para quedar aí para o futuro, traballar máis alá do curtopracismo e da inversión das subvencións, facer que os cartos duren moito máis alá, manter o que se faga. Que esta oportunidade para o río non sexa flor dun día que se apaga coa pólvora da festa, senón converter o coidado en algo cotián que vaia durar máis alá dos tres anos, facer prevención e non só aplicarlle mediciñas ao enfermo. Ao respecto, alguén comentaba o problema de cando un coche cae na zona, rompe un banco de pedra, recóllese o coche e aí queda o banco rachado dando mala impresión (e moito máis ca iso).
Intervencións axeitadas e con seguimento. Que importante é alguén que vixie e para iso igual poderiamos contar co voluntariado maior, eses xubilados que teñen tempo, formación e enerxía para facelo.
Moito coidado cos deseños que ás veces impiden a seguridade como pasou xa coas pontes, que igual que as de Moneo facilitan as caídas.
Darlle uso ao que se restaura porque do contrario ao pouco tempo están abandonados e maltratados.
Había aspectos que os especialistas tiñan moi claros e xa non é preciso comentar como a eliminación de especies foráneas, pero outras como coidar a desembocadura e protexer as especies propias desa zona igual é algo que hai que engadir porque o proxecto só recolle o paso do río pola vila, a recuperación do bosque de ribeira (control de invasoras, limpeza de residuos, sensibilización mediambiental, voluntariado, actividades de conciencia cidadá), a creación e guía de rutas mediambientais, xornadas de plantación e compromiso escolar.
A xente desconfía de cando hai moitos cartos polo medio, a iso chegamos. Tememos ás empresas coas que contan e que facturan, igual que tememos ás universidades cando investigan só en determinados camiños e non se implican ca realidade opinando fronte administración cando é necesario, máis alá do medo a non recibir o orzamento que precisan. Pero a xente non desconfía cando é o concello quen se fai cargo se vai dando contas do que fai, se pon a traballar -antes de nada- aos seus empregados e conta co público, antes de nada. Faise preciso implicar aos traballadores e traballadoras que forman parte da estrutura do concello.
Ter boa conta de que non se gasten os cartos en estampas (que duran o que o papel) senón en construír futuro, en facer o que só mediante eles pode facer un ente público e poñer atención ás expectativas que se crean para darlle resposta.
A gobernanza veciñal debería servir para isto, para escoitar con atención, poñendo a conciencia crítica tamén no labor, para que non nos metan gato por lebre, para participar no desenvolvemento do ben común, para construír cidadanía e que perviva.