Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Volta á escola

viernes, 16 de junio de 2023
Un curso máis está a piques de rematar. A miña vida xirou en torno á escola nun primeiro momento porque non me admitían nela e despois polos trinta e sete anos que dei clase. Agora, xa xubilada, sigo con ese contacto desde outras perspectivas moi necesarias e ademais enriquecedoras. En varias ocasións falei das vivencias como Volta á escolaalumna -aínda que lonxe no tempo, perduran- e como mestra de EXB, Educación Primaria e Alfabetización de adultos. Sirva de mostra que estiven cos cursos de quinto e sexto de Primaria no CEIP Plurilingüe nº1 de Foz con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, e con alumnado de ensino secundario no colexio dos Maristas e no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, colaborando como Voluntaria do Espazo +60 de Afundación en dúas iniciativas: unha foi ler con algúns alumnos Memorias dun neno labrego e outra o programa «Falamos da escola. O valor da experiencia». Volver ao meu Instituto Feminino no que fixen o Bacharelato e COU, sen perspectivas de futuro e acompañada dun certificado de subnormal, foi especialmente emotivo. A de recordos que me espertou!

«Falamos da escola» vén a ser un encontro interxeracional no que alumnos e maiores opinan e debaten sobre a educación. A miña aportación consistiu nunha pequena charla, reforzada cunha presentación powerpoint, sobre a escola, desde unha descrición do edificio e as súas carencias ata unha análise do método empregado, case sempre autoritario e memorístico. Utilicei imaxes moi ilustrativas para matizar a diferencia entre integración e inclusión, igualdade e equidade... Como non podía ser doutro xeito, dixen que estudei trece anos en centros con barreiras e que poucos mestres crían nas miñas posibilidades porque destacaban máis os bastóns. Como curiosidade podo engadir que aínda que fixen o Bacharelato Superior por ciencias e con boas notas, no informe final figuraba capacitada para carreira de letras.

Despois da primeira xuntanza e pasado algún tempo, está contemplado un segundo encontro para responder a pregunta: cal debe ser o papel da educación? Esta reunión cos alumnos en grupos reducidos permitiu, sen dicir nomes evidentemente, falar de maneira máis aberta do que estaban a vivir. O listado de propostas de como queren ‒queremos‒ o ensino do futuro foi moi amplo. Pode semellar que as historias que contabamos os xubilados eran caducas, pero chamoume especialmente a atención que, case cincuenta anos despois dos nosos estudos, se repitan os mesmos patróns. Copio algunhas das ideas: xerar confianza nun mesmo, preparar para saber controlar emocións e sentimentos, educar en valores, formar cidadáns con capacidade crítica, ensino menos teórico e máis práctico, fomentar a creatividade, accesibilidade e igualdade social, escoitar a nosa voz, atención á diversidade... De maneira especial destaco este dato: que o traballo dos profesores sexa algo vocacional, comentando algúns alumnos que se notaba perfectamente cando actuaban como simples funcionarios.

O sistema educativo pasou por importantes transformacións e continuos cambios que non responden ao retos expostos. Desde a miña Enciclopedia Álvarez, as libretas de cociña, decoración, etcétera, ata a chegada de Internet, as novas tecnoloxías... e xa perdín a conta das leis orgánicas que pasaron, por citar algunhas: Loe, Lomce, Logse, Lomloe... resulta triste e desalentador que segue a fallar a dimensión humana, a proximidade, a empatía, a asertividade... Comparando as nosas escolas e con tantos anos que nos separan bótanse en falta os mesmos valores. Seguen a primar factores como a nacionalidade, o xénero, o físico... e hai discriminación máis solapada. É lamentable que a diario teñamos noticias de bulling, suicidios... ou titulares como o da deportista Ana Peleteiro: «No instituto me llamaban "negra de mierda"». Descoñezo cal vai ser a evolución deste traballo que fixeron algúns profesores cos seus alumnos, pero considero que son conclusións para ter en conta. Non podemos mirar para outro lado, xa que como di o lema: «Separados na escola, separados de por vida».
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES