A esperanza non defrauda
Cachaza Platas, Mercedes - jueves, 15 de junio de 2023
A esperanza é unha palabra polisémica.
Según a opinión que desexo manifestar neste artigo, vouna considerar como unha virtude e como un estado de ánimo.
Para os cristiáns é unha das virtudes teologais que, según Santo Tomás de Aquino, permite pasar de suceder ou acontecer a SER ou EXISTIR.
Para todos, en xeral, é un estado de ánimo que xorde cando se presenta como alcanzable o que se desexa.
O seres humanos temos moitas aspiracións ó longo de toda a nosa vida.
E a esperanza dános azos para seguir adiante.
De tal xeito que:
- Os humanos decídense a ter fillos porque confían que poderán sacalos adiante e que serán cidadáns de ben.
- Os emprendedores decídense a crear a súa propia empresa porque teñen a esperanza de poder gañarse a vida desa maneira.
- Os estudiantes estudian canto poden porque esperan acadar aquela preparación que os capacitará para desempeñar aquel posto co que soñan.
- Os enfermos confían na medicina porque teñen a esperanza de curar e sempre pensan que pode aparecer un medicamento indicado que erradique o seu mal.
- Os novos teñen a esperanza de chegar a cumprir moitos anos porque queren ser lonxevos.
- Os que están en situación de apuro económico, piden axuda coa esperanza de que dentro dun tempo "estarán a flote".
- Os sorprendidos por unha molleira un día de choiva torrencial, confían poñerse a salvo e que a saúde non se lles resinta.
- As persoas que fan voluntariado dan o mellor de si coa esperanza de mellorar dalgunha maneira a calidade de vida das persoas ás que axudan.
- As persoas vítimas da violencia de xénero que denuncian, fano coa esperanza de que esa experiencia non a sufra ninguén máis e os agresores se arrepintan e outros escarmenten en cabeza allea.
- Aquelas persoas que teñen a desgraza de caer na droga e desexan saír, póñense a tratamento coa esperanza de recuperar a saúde e a vida normal.
- As persoas reclusas que se arrepinten e desexan rehabilitarse, además de cumprir a condea, aproveitan para formarse e ter máis oportunidades cando recuperen a desexada liberdade.
- Os profesionais do ensino entregan a súas vidas coa esperanza de erradicar canto máis poidan a ignorancia que tantos males acarrea á humanidade.
- Os sacerdotes que se desviven polos seus fregueses teñen a esperanza de conducir as almas a Deus para que econtren nel a Paz que o Señor lles ofrece e poidan cumprir a vontade divina.
- As persoas de oración, QUE TAMÉN AS HAI E MOITAS, rezan para que moitas persoas desviadas consigan volver ó seu cauce normal e poidan levar unha vida como é debido, cumprindo o MANDAMENTO NOVO DO AMOR do que nos falan as Sagradas Escrituras.
Facemos multitude de cousas ó longo da nosa vida e todas levan implícita unha boa dose de esperanza para ser mellores persoas e ter unha existencia máis saudable a nivel: físico, mental, psíquico e espiritual, tal como di Santo Tomás de Aquino.
Para manter a esperanza a flote en todo momento cómpre:
- SER OPTIMISTAS: ter unha actitude positiva ante a vida.
- SER RESILIENTES: non rendirse, non desfalecer no intento.
- SER PUNTUAIS: non deixar as cousas para a última hora nin para que as fagan os que veñen detrás.
- SER SOCIABLES: necesitamos relacionarnos cos demais.
- SER AGRADECIDOS: ser ben nacidos, o agradecemento favorece moito as cousas.
- POÑER TODOS OS MEDIOS Ó NOSO ALCANCE: dar o mellor de nós sen regatear esforzos.
Así fixeron os santos ó longo do tempo.
Podemos seguir o seu exemplo.
Hoxe en día tamén hai moitas persoas santas que aspiran a construir un mundo mellor porque teñen a esperanza de que eso é posible.
"O CAMBIO É POSIBLE"
Este será o título do seguinte artigo.
Moitas grazas por terme na súa consideración nesta ocasión.

Cachaza Platas, Mercedes
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora