Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cáritas constrúe o mundo desde a caridade

miércoles, 14 de junio de 2023
Ao celebrar o Día do Corpus, a Igrexa fíxase na eucaristía como fonte e cume da vida cristiá. Visibilizamos, coa celebración eucarística e coa procesión pública polas nosas rúas, a centralidade que a eucaristía ten na vida das nosas comunidades cristiás. Deus Cáritas constrúe o mundo desde a caridademesmo queda entre nós como alimento, como fortaleza, como compañeiro de camiño, como pan. En cada unha das eucaristías que se celebran nas nosas igrexas actualizamos o misterio de Cristo que se entrega ao Pai para a salvación do mundo.

A participación na eucaristía non é, por tanto, un acto de piedade intimista no que nos afastamos da vida e nos refuxiamos na comunidade de amigos. Non é tampouco un acto rutineiro, protocolario ou repetitivo no que tantas veces o convertemos. Trátase dun acto de fe que nos esperta á caridade e á esperanza. Trátase dun acto valente no que nos empapamos do amor de Deus e nos comprometemos audazmente a compartilo co irmán. Só así adquire significado.

Por iso, a participación na eucaristía deriva necesariamente na construción da comunidade cristiá e da comunidade humana. Como afirmaba Bieito XVI: "A mística do sacramento ten un carácter social. En efecto, a unión con Cristo é ao mesmo tempo unión con todos os demais aos que el se entrega... así reforza a comuñón entre os irmáns e, de modo particular, aprema aos que están enfrontados para que aceleren a súa reconciliación, abríndose ao diálogo e ao compromiso pola xustiza" (SCa 89). Nese sentido, a eucaristía hoxe convértese en profecía, nun mundo especialmente fracturado e individualista. Necesitamos empaparnos deste misterio para ser artesáns da fraternidade e da amizade social.

Descóbrese así o vínculo que existe entre a eucaristía e a caridade que fai presente especialmente Cáritas. A nosa Cáritas diocesana organiza a caridade para ser prolongación eucarística nos sufrimentos do noso mundo. Non é unha organización da Igrexa, senón a Igrexa mesma que, a través dos seus membros, ve a realidade; descobre as feridas dos homes e mulleres do noso mundo, tanto próximos como afastados; analiza as dinámicas que provocan e alentan a exclusión para denuncialas e transformalas; achégase a cada persoa coa humildade do samaritano; cura as súas feridas a través da asistencia e a promoción; e condúcelles de novo á pousada para tratar de integrar a todos nunha comunidade que se constrúe nova cada día.

Detrás do labor de Cáritas, tan valorada socialmente polo noso mundo, hai unha espiritualidade e unha visión evanxélica da persoa e da sociedade. Trátase dunha mística distinta que nos humaniza e reconstrúe porque nos fai mirar, fainos participar, fainos cambiar.

O lema co que este ano nos convida a espertarnos Cáritas é moi suxestivo: "Ti tes moito que ver. Somos oportunidade. Somos esperanza". En efecto, aínda é moito o que temos que descubrir de sufrimento ao noso lado; aínda é moito o que podemos realizar se saímos do noso individualismo e participamos na construción da comunidade; temos capacidades que se converten en oportunidades para nós e para os nosos irmáns; a esperanza de moita xente depende da túa man tendida e do teu compromiso activo.

Grazas aos 380 voluntarios e contratados da nosa Cáritas diocesana polo seu tempo, pola súa sabedoría, polo seu corazón, polo seu compromiso. Grazas aos 1027 socios e doantes que confiaron no quefacer de Cáritas diocesana. Grazas a todos os que celebrades a eucaristía e, lonxe de quedar indiferentes, poñédesvos en camiño na construción da civilización do amor. Feliz día do Corpus.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES