Xubilación
Editorial - martes, 20 de enero de 2009
Hai poucos anos, un anuncio presentaba a varios rapaces que proclamaban o que querían ser de maiores... O último, quería ser ¡xefe!.
Se neste momento se fixese unha axeitada radiografía do mundo laboral galego, o resultado sería que a maioría aspira a ser xubilado.
Fixéronse tantos desaxustes no mundo da banca e das grandes empresas, con xubilacións prematuras con fortísimo coste colectivo, que na actualidade os maiores de cincuenta aspiran pasar directamente á panacea da xubilación con cargo á Seguridade social, e caiga logo que teña que caer.
A Compañía textil Caramelo plantea un plan de xubilacións para os seus traballadores a partir dos cincuenta e oito anos. É unha máis dunha longa lista que calquera economía declararía insostible, e que a nosa non poderá soster.
Como voceiro do goberno neste tema, o Ministro Corbacho ven de declarar que os cincuenta e dous anos -outro exemplo do esperpento laboral- non é idade aceptable para prexubilarse.
Agora que se fala de prolongar a idade activa dos traballadores máis alo dos sesenta e cinco anos, facendo recaer na clase traballadora os erros das clases dirixentes, séguense a plantear cargas inasumibles por parte de sectores que quizais haxa que axudar pero non a costa do sistema xeral, que bastante ten que soportar e pode ver comprometido o seu futuro.
Tratemos seriamente o tema das xubilacións, que bastante alegría houbo en tempos pasados. En tempos difíciles compre austeridade, que a fin de contas non é máis que aplicar a cotío un elemental sentido de seriedade e xustiza.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora