Podo dicir, e digo
Escribe que algo queda, adoito dicir moitas veces. E por que non? Por que non podo mesturar cousas, asuntos, novas, ruxerruxes, situacións, eventos e demais "trapalladas". As entre comiñas están postas con cariño, pois calquera acontecemento ou suceso é digno de respecto.
Podo dicir que, a pesar de ser moi lonxe, máis en concreto do Brasil, moitos inmigrantes dese país participaron

na Guerra Civil Española. Foi o caso de Vicente Sarmiento Casas, que, nado no Estado brasileiro de Pará en 1912, pero vivindo en Baños de Molgas coa súa nai, incorporouse á 6ª Bandeira do 2º Terzo do bando rebelde, ou sexa, do Paquiño Franco. Vicente era ferreiro. Faleceu na fronte de Gandesa o día 11 de agosto de 1938, ós 26 anos de idade.
Podo dicir, e digo, que o outro día, 16 de maio, fixo exactamente 139 anos (no 1884) que asomou unha noticia nos medios de comunicación escritos anunciando a morte, por un lóstrego, na aldea de Poedo (Baños de Molgas). Unha chispa matou a unha moza de 16 anos que andaba no monte comunal coas vacas. Fuxiu para refuxiarse nunha igrexa próxima, pero sabemos moi ben da velocidade dos alustros.
Podo dicir, e sigo dicindo, que a finais de 1969 un grupo de mozos de Baños de Molgas crearon o Plantel de Extensión Agraria. Ler os nomes dese grupo é como notar unhas rabuñaduras de emoción e de nostalxia, porque todos son veciños e todos, por suposto, son amigos. E deixo de dicir porque o espazo non dá para máis.