As preguntas (con resposta ou sen ela) poden ser artigos de opinión, porque obrigan a razoar e crear pensamento. Por iso, quero preguntar, para que quen queira responda ou para que as preguntas queden no aire:
Que sentes cando un home se senta ao teu lado no autobús ou nunha sala de agarda e se despatarra ocupando parte do teu espazo?

Por que tivemos que medrar sen modelos femininos activos, nos que mirarnos, para tender cara a eles?
Igual non houbo moitas mulleres ilustres, polo papel que lles tocou xogar, pero moitas quedaron ocultas detrás dos homes (mestres, maridos, pais...), sabes dalgunha?
Agora estamos coñecendo o que fixeron as mulleres, antes non. A que cres que é debido? Cal cres que é a causa?
Escribir foi o máis doado que tiveron as mulleres, aínda así víronse obrigadas a asinar con nomes de home ou non asinar. Quen está detrás do nome de Fernán Caballero?
Sabes que de Rosalía de Castro se dixo que lle escribía os libros o seu home, Manuel Murguía?
Cales son os produtos anunciados por mulleres na publicidade? Quen acostuma dar as noticias na TV e como o fai?
De quen se presenta o corpo máis "sexualizado"? Por que será?
Como acostuman ser os comentarios sobre o aspecto físico das mulleres?
En que se diferencian bailando os homes e as mulleres no baile tradicional? Como moven as pernas? Como levan os brazos?
Que queremos dicir cando afirmamos que a linguaxe constriñe? Aparece o feminino igual que o masculino. Partimos dunha convención pero, a quen apoia?
Hai diferenza entre a personalidade dos nenos e a das nenas? Cal é? Cres que os rapaces teñen máis privilexios polo feito de nacer homes? En que se nota?
Cando cociñan os homes dise que son restauradores, cando o fan as mulleres cociñeiras. Por que esta diferenza? Cres que é a mesma pola que falamos de costureiras e modistos?
Trátase igual ás mulleres ministras que aos homes? Dise que o saber está penalizado nas mulleres, a ti que che parece?
Dos homes dise que son intelixentes, das mulleres que son moi traballadoras, é verdade?
Sería posible coller o mellor da cada sexo? Como se faría?
Na Biblia recóllese que Deus creou ao home de barro, á súa imaxe e semellanza, e cando o veu só, decidiu darlle compañía e creou á muller dunha costela del. Cres que isto pode ter que ver coa discriminación da muller?
Sabías que nalgún tempo se escribiu que as mulleres tiñan un cerebro máis pequeno e tiñan menos intelixencia que os homes? Esa teoría ten o nome de neurosexista?
É o proceso de socialización o que crea a feminidade e a masculinidade?
Nos sectores nos que hai moitas mulleres, normalmente, quedan na parte de abaixo, non chegan aos cargos directivos, ou xa si?
Alguén pode pensar: "se me controla é porque ten celos, daquela quéreme máis; se decide por min é porque debe ser así; se me pega é por culpa miña (algo fago mal). É posible pensar isto?
Busca algún refrán machista? Foiche doado? Busca agora un feminista, máis doado aínda?
Tamén podemos buscar entre ditos e cantigas, faino e logo explicas o que atopastes...
Voucho poñer doado. Explica os seguintes refráns e saca conclusións:
Mellor é de vista que de lista
Muller que sabe latín non serve para min.
A galiña que canta ao maitín e a muller que sabe latín, non teñen bo fin.
A muller é a metá do home.
Canto máis chora a muller menos doo se lle ha ter.
A muller, por ben que fale, mellor está calada.
A muller compároa co selo da carta que se non lle pegan, non vai onde a mandan.
O home na leira e a muller na lareira.
A muller e a sartén na cociña están ben.
Atópanse si, nos libros de refráns. Así foi o pasado cando a oralidade popular reproducía a ideoloxía. Agardamos que xa ninguén os poda ler sen sorprenderse. Gardamos este "Dunha muller nada dirás, se te acordas de túa nai e de túas irmás" polo contido que ten de sentido común, aínda que este semella que non abundou moito.