Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parece que foi onte...

lunes, 15 de mayo de 2023
Parece que foi onte... e xa van trinta e dous anos daquela primeira mesa redonda, un 10 de maio de 1991, cos candidatos á alcaldía. Representou un logro importante reunir aos nove alcaldables e coñecer os proxectos dos seus partidos. Tiñan que responder á pregunta: «No caso de ter que asumi-la responsabilidade de goberno ou desde a oposición no concello de Lugo, ¿que pensan facer no campo da eliminación de barreiras nas rúas e avenidas, parques e xardíns, acceso a edificios públicos, centros de ensino e recreativos, aparcamentos e cumprimento das normativas?». Todos prometeron acabar Parece que foi onte...coas barreiras, levar a cabo accións para a integración das persoas con minusvalías físicas e pediron a nosa colaboración. Falaron de adaptar taxis, autobuses e edificios públicos para facilitar o acceso, de crear un Consello Municipal de Servicios Sociais a través do que canalizar a participación das asociacións, de firmar convenios para formar a deficientes físicos, de subvencionar a particulares para que adapten os seus comercios, etcétera. Ao final da súa exposición, deuse lectura a un comunicado que empezaba así: «Los disminuidos físicos tienen los mismos derechos y deberes que los demás ciudadanos» lo que implica «poder disfrutar de los bienes y beneficios de la ciudad en que vivimos». Hai que destacar que como xa había varias fases de ramplas con máis ou menos éxito, semáforos acústicos, aparcadoiros reservados, cabinas telefónicas, tarxetas para aparcar… foi fácil crer nas súas palabras, pero tiveron que pasar cinco anos para aprobar a Ordenanza.

Co paso do tempo, a mesa redonda converteuse nun clásico en todas as eleccións. É fácil prometer porque, como dicía Enrique Tierno Galván, las promesas electorales están para no cumplirse. Empecei dicindo que parece que foi onte porque xa estiven en dúas mesas redondas nas que se segue a dar voltas aos mesmos argumentos sen facer un balance do prometido e do feito. Algo está a fallar cando as nosas demandas se fan históricas en temas que a estas alturas debían estar superados. Os programas non deben limitarse a cubrir necesidades electorais. Ten que haber algo máis que falar cada catro anos, precísase unha dinámica de traballo aberta a novas iniciativas en prol dun Lugo inclusivo.

Certo que a accesibilidade é a porta de acceso a outros dereitos. A súa falta segue sendo a primeira causa de discriminación, pero é máis preocupante ver como as barreiras arquitectónicas reflicten as sociais. Que queda por dicir para acadar ese Lugo sen barreiras? A mellor maneira de eliminalas é non poñelas e seguen a verse locais que cambian de actividade sen ter en conta a normativa, así é difícil avanzar. Non acabamos de convencernos que non se trata de accións puntuais para algúns -para nós- senón de lograr unha cidade accesible para todos. Non se pide nada en exclusiva.

É evidente que se van facendo cousas, pero as nosas reivindicacións non representan un reclamo social e, visto desde o ano 91, non é para contentarse. Só temos unha vida e cansa estar sempre negociando dereitos. Ningún partido fixo alusión ao 4 de decembro do 2017, día no que remataba o prazo para que TODO fose accesible. Quen se lembrou do compromiso de aplicación do artigo 29 da Convención sobre os nosos dereitos, ratificada por España no 2008, e que contempla un novo paradigma de accesibilidade universal e deseño para todos? Tampouco escoitei falar das normas ante as eleccións como se pide no Día Nacional da Convención que se celebra desde o 2019, curiosamente este ano xira en torno ao «dereito á participación política das persoas con discapacidade». Quizais non se coñece a «Estratexia sobre discapacidade 2022-2030», aprobada como folla de ruta, para que as administracións e poderes públicos fagan efectivos os dereitos das persoas con diversidade funcional, e que contempla estes sete retos: cidadanía activa e pleno exercicio dos dereitos humanos, inclusión social e participación, autonomía persoal e vida independente, deseño e accesibilidade universal, apoio ás familias, igualdade e diversidade e cohesión territorial, gobernanza, diálogo civil, innovación e desenvolvemento sostible. Como ven, non todo se reduce a unhas ramplas e pregúntome que se está a facer nestes puntos?
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES