Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O legado de Roberto Rivas Martínez

viernes, 12 de mayo de 2023
O legado de Roberto Rivas Martnez O 18 de marzo recibimos con gran tristura a triste nova do pasamento de Roberto Rivas Martínez (1941-2023), unha persoa moi querida por quen tivemos a sorte de coñecelo. Roberto deixounos precisamente no día do seu cumpleaños, que casualmente coincidía co do meu cativo Vakaris. Foi unha perda moi sentida, xa que Roberto era coñecido pola súa extraordinaria xenerosidade e sempre estaba disposto a axudar a quen acudía a él. Para moitos, era como un pai, e a súa casa estaba sempre aberta para quen precisaba do seu amparo.

Roberto nacera en Santiago de Compostela e era avogado de profesión, ao igual que o seu avó e bisavó. Procedía dunha familia cunha longa tradición de xuristas e maxistrados. Aínda que pasou gran parte da súa infancia e xuventude en Madrid, onde o seu pai estaba destinado, Roberto sentíase galego ata os ósos e demostraba o seu amor por Galicia en todo o que facía. Falaba sempre con agarimo da súa querida terra, en particular da comarca do Deza, do concello de Silleda e do lugar de Siador. Coñecía á perfección a historia de Galicia, especialmente a do Deza, e era un amante da natureza, as costumes e as tradicións galegas, así como da historia e as orixes da súa propia familia en Galicia, que coñecía con asombroso detalle e remontaba ata case a Idade Media.

As profundas conviccións relixiosas de Roberto levaronno a ser o principal benefactor do Santuario da Saleta nas últimas décadas, seguindo os pasos do seu tataravó Francisco María Rivas e devolvéndolle á famosa romaría todo o seu esplendor. Esta tradición remóntase nada menos que a 160 anos e en 2014 obtivo de Roma a concesión de Ano Santo Xubilar. Cada ano, congregaba alí a centos de persoas, desde familias de veciños e parentes ata xentes chegadas doutras partes. Lembro como o meu pai, xa maior, agardaba sempre con ilusión que chegase aquel día, que lle recordaba á súa infancia en Silleda. O que máis nos gustaba era a procesión nocturna das antorchas, inspirada na da Saleta de Grenoble nos Alpes franceses, pero ao estilo galego. A romaría non volverá ser o mesmo sen Roberto. O seu decidido apoio ao Santuario da Saleta en Siador materializouse en 2001 creando a Fundación Santuario da Nosa Señora da Saleta de Siador, que foi declarada de interese cultural en 2002. A partir de aí, levaron a cabo numerosas iniciativas durante máis de 15 anos, e que supuxeron a recuperación e restauración do contorno.

Como curiosidade, é destacable que tanto Roberto, como o seu pai tamén Roberto, o seu avó Narciso e o seu bisavó Elías, todos eles compartiron o mesmo apelido Rivas Martínez durante catro xeracións. Esta situación resulta singular, xa que os pais, avós e bisavós eran primos. É evidente que algo especial había na relación entre os homes Rivas e as mulleres Martínez para que se producira esta tendencia en varias xeracións.

É interesante mencionar que o pai de Roberto, tamén chamado Roberto Rivas Martínez (casado coa súa prima María Dolores Martínez), fora becado para estudar Enxeñería no Instituto Montefiore da Universidade de Lieja en Bélxica, e estaba en posesión de catro doutorados. O seu avó Narciso Rivas Martínez (casado coa súa prima Concepción Martínez), licenciouse en Dereito con premio extraordinario na Universidade de Santiago en 1892, e posteriormente exerceu como avogado e alcalde de Ourense fai agora un século. Por outro lado, o seu bisavó Elías Rivas Martínez (casado coa súa prima Florentina Martínez Blanco) exerceu como xuíz de primeira instancia en Ponteareas e era fillo do mencionado Francisco María Rivas Taboada, fundador do Santuario da Virxe de Saleta en Siador, o primeiro de toda España baixo esta advocación. Francisco contraeu matrimonio con Carmen Martínez Núñez, da Casa de Vista Alegre no Foxo en Silleda. Aí comezaba a unión dos Rivas cos Martinez. Ademais, Roberto era sobriño do médico Elías Rivas Martínez (II) e do maxistrado de A Coruña Narciso Rivas Martínez (II). Roberto foi o segundo de catro irmáns, o primeiro deles, Fernando Arturo, falecido con só 7 anos, e a quen Roberto tiña sempre presente.

Entre os seus numerosos primos estaban o que fora director do Museo municipal de Ourense, Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta, e a que fora fiscal de A Estrada e Pontevedra Ana Rivas Santaló.

A familia dos Martínez de Silleda era moi numerosa, como testemuña a última reunión que celebraron en 2009 e na que participou Roberto. Entre os seus membros destacaron diversas personalidades galegas, como o catedrático da Facultade de Medicina da USC e presidente do Colexio de Médicos de Santiago Casimiro Martínez López, o famoso arquitecto ourensán Daniel Vázquez Martínez (tamén coñecido como Vázquez-Gulías), Teresa Martínez Magariños (esposa de Antón Fraguas Fraguas), Justo Martínez Martínez (médico e avogado a quen se lle dedica unha das rúas principais de A Estrada), Casiano Martínez Blanco (xuíz, esposo de Lucila Pedrayo, tía de Ramón Otero Pedrayo), entre outros. En xeracións máis recentes temos ao escritor Domingo Villar, finado hai agora un ano, e que era neto dun Martínez de Silleda. A dos Martínez foi unha das familias que deu máis alumnos á Universidade de Santiago entre finais do século XIX e principios do XX, sobre todo médicos e avogados.

Roberto, xunto coa súa querida dona María Eugenia, levou a cabo innumerables accións solidarias ao longo da súa vida, e a súa modestia fixo que moitas delas pasaran desapercibidas.

Entre os seus múltiples logros, cabe destacar a súa gran idea de crear a Fundación Roberto Rivas, que foi declarada de interese galego en 2012. Os obxectivos principais da fundación son impulsar o emprendemento social en entornos rurais, promocionar o traballo decente e o crecemento económico en ditos entornos, e reducir as desigualdades dos colectivos vulnerables e das áreas rurais. Unha forma de continuar coa súa obra social e perpetuar o seu amor por Galicia e o rural galego.

Sería difícil relatar aquí as innumerables boas accións que fixo ao longo da súa vida. Botaremos en falta o querido Roberto, pero o seu exemplo e virtudes seguirán sendo unha fonte de inspiración para todos nós.
Viscasillas Vázquez, Carlos
Viscasillas Vázquez, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES