Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Francisco Fernández del Riego, devoto da mocidade poética galega

martes, 09 de mayo de 2023
Como é sabido, o grande activista político e cultural galego Francisco Fernández del Riego foi, sen dúbida, un dos intelectuais máis constante e fecundamente dedicados á causa de Galicia durante o século XX. Pero o seu incansable, prolífico e polifacético labor non só se puxo en evidencia nas grandes empresas que acometeu ou nos importantes libros que escribiu, senón tamén en quefaceres máis miúdos, como as cartas que remitiu a toda clase de correspondentes ou as recensións que realizou sobre obras alleas, que adoitaba asinar cun dos seus pseudónimos, Salvador Lorenzana, alusivo ao seu lugar de nacemento, Vilanova de Lourenzá.

Desta faceta da súa vida e obra podo ofrecer o meu propio testemuño, xa que, malia a nosa diferenza de idade, fun beneficiario durante trinta anos, dende 1980 ata o seu falecemento en 2010, da súa sempre agarimosa amizade, da súa atenta comunicación epistolar e telefónica e das súas xenerosas recensións dos meus primeiros libros de poesía, de todo o cal din conta completa no traballo "Cartas e comentarios, a un poeta novo, de Francisco Fernández del Riego", publicado no libro de homenaxe do Centro Ramón Piñeiro. O encomiable esforzo de escribir cartas e comentarios sobre a obra dun poeta novo, como era eu cando nos coñecemos, pon de manifesto a súa xenerosidade persoal, pero tamén o seu compromiso co futuro de Galicia, pois Del Riego consideraba necesario promover o diálogo interxeracional e prestar atención a quen daquela comezaba o seu labor literario.
Francisco Fernández del Riego, devoto da mocidade poética galega
Ademais, o agarimo que nos uniu foi compartido pola súa bondadosa e simpatiquísima esposa Evelina Hervella e pola miña compañeira Carmen Blanco, facéndose extensivo, andando o tempo á nosa filla Mariña, a quen o matrimonio en cuestión coñeceu ao pouco de nacer.

TEMPO DE "POEMAS DE AMOR SEN MORTE"
A primeira carta que me enviou Del Riego, en 1980, tratou do meu primeiro libro, "Poemas de amor sen morte", editado en 1979, e do meu artigo "O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra", publicado de contado na revista "Grial". Nesta carta anunciaba tamén a recensión do meu poemario, que dende logo fixo na mesma revista e anualidade, pois non adoitaba incumprir nada do que prometía ou do que se propuña realizar. Malia a novidade que podía supoñer este libro, dunha temática erótica e dunha estética persoal moi alongada da poesía galega do momento, e o meu artigo, dunha metodoloxía estrutural e dunha análise fonoestilística entón insólitas na crítica literaria galaica, a recepción do veterano galeguista foi tan acolledora como positiva.

En efecto, tras cualificar na carta o libro de "interesante" e os seus versos de "prometedores", analizou moi lucidamente na recensión a clave da súa poética: "Coñecemento radical e persoal da realidade" a partir dun "tema básico: o amor". Por vir de quen viña, a súa xenerosa conclusión non deixou indiferente a un poeta novo que se estreaba daquela co seu primeiro poemario: "a poesía destes 'Poemas de amor sen morte', é unha poesía que axunta verdade e calidade".

Mais na súa primeira carta estendeuse tamén xenerosamente sobre o meu artigo, destacando del a súa novidade, que sen dúbida consideraba enriquecedora para a cultura galega, cuxa normalización e progreso eran para o histórico galeguista os obxectivos superiores que había que acadar: "Verbo do teu traballo sobre 'O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra', debo dicirche que me impresionou moi favorablemente. Abeiras nel un enfoque novo, non tratado aínda que eu seipa, na nosa literatura. Felicítote de verdade".

TEMPO DE "TIGRES DE TERNURA"
A segunda carta que me enviou Del Riego está escrita en 1981, despois de ter compartido a miña compañeira Carmen Blanco e mais eu, con el e coa súa esposa Evelina Hervella, unhas xornadas que tiveron lugar en Barcelona nese ano. Naquela estancia intimamos moito e pasámolo verdadeiramente ben xuntos, gozando da boa conversa e da boa gastronomía. De aquí que o xa amigo "Paco" mostre "saudades daqueles días barceloneses" e boas expectativas polo reencontro en "novos días, agora vigueses, para recuncar".

Lembro que, en Barcelona, tras recibir unha chamada telefónica dende Galicia, Carlos Casares anunciou moi dramaticamente aos escritores cataláns e galegos reunidos no citado encontro a morte de Cunqueiro, polo que pasamos boa parte da xornada lamentando o óbito e eloxiando a produción do autor falecido, sobre quen nos pediron colaboración inmediata para "La Voz de Galicia", que eu fixen o mesmo día e que se publicou co título de "A súa cantiga nova". Ademais, o seu vello amigo Paco anunciou un próximo monográfico de "Grial" dedicado á súa obra, para o cal requiriu alí mesmo a miña colaboración, que resultou ser "A poesía galega de Álvaro Cunqueiro", ensaio que dediquei a este fiel e fraternal colega de Cunqueiro dende a mocidade, pois naqueles días me ilustrou con abondosas confidencias persoais e literarias sobre dito autor que me fixeron entender moitas actitudes escuras ou misteriosas deste.

Acompañando esta segunda misiva viña o orixinal da súa recensión do meu segundo Francisco Fernández del Riego, devoto da mocidade poética galega poemario, "Tigres de ternura", editado no mesmo ano de 1981, que fora publicada no xornal "Faro de Vigo", onde habitualmente colaboraba. Na carta cualifica de "orixinal" tal libro por presentarse todo el en forma manuscrita e ilustrada, sobre cartolina azul, pola miña compañeira Carmen Blanco, o que resultou ser unha novidade alternativa moi en sintonía coa editorial libertaria e underground que o publicou. En consecuencia, na recensión esténdese sobre a feitura do que chama "fermoso libro" e eloxia a "calidade" e a "autenticidade" da obra: "Trátase de poemas eróticos de singular feitío, sin apenas antecedentes nin parello na nosa lírica contemporánea".

TEMPO DE "CINEPOEMAS"
O terceiro escrito que me dedicou Del Riego foi unha recensión do meu poemario "Cinepoemas", editada na revista "Grial". Coa súa habitual perspectiva historiadora, o autor comeza a recensión falando dos meus poemarios anteriores: "'Poemas de amor sen morte', o seu libro inaugural, díxonos que Rodríguez Fer era un poeta. A simpatía que desperta un poeta é ben coñecida. Máis tarde, en 'Tigres de ternura', a liña encetada con tan prometedor acerto, tivo unha feliz continuidade superadora. Sin vencellos ostensibles ás correntes á moda, fixo o poeta unha lírica de seu". No novo reto crítico que afrontou tamén comprende e valora que, "Cinepoemas", "percorre novos camiños que diverxen dos ate agora percorridos" e, malia non sintonizar plenamente cun experimento cinepoético que debía de estar lonxe da súa sensibilidade, entende que pode ser útil e ata necesario na imprescindible actualización reforzadora da cultura de Galicia, tarefa esta que antepón a todo, pois "supoñen un aporte novo á historia da poesía galega", xa que se trata dunha "cinepoesía que ten acentos de orixinalidade".

TEMPO DE "HISTORIA DA LÚA"
A terceira carta que me enviou o entón xa próximo amigo "Paco" foi remitida en 1984, pero nesta non só termina saudando á miña compañeira Carmen Blanco, senón que tamén envía xa bicos para a nosa filla Mariña, que acababa de nacer. Nela comeza acusando recibo do meu poemario "Historia da lúa", publicado precisamente con ilustracións de Carmen Blanco, que promete ler con calma e sobre o que xenerosamente me dá xa a súa primeira impresión: "confirmoume no convencimento que teño da valía da túa obra poética".

A continuación, en condición de director de "Grial", céntrase na situación xeral da revista e na particular da miña colaboración sobre "A recurrencia na poesía de López-Casanova" e das de persoas achegadas a min que se foron publicando ao longo de 1984. Moitas das propostas que me fixo Del Riego consistiron en demandas de colaboración para "Grial", da que el foi o máis prolífico colaborador cos seus variados pseudónimos nos seus cen primeiros números, e da que, segundo adoitaba dicirme, eu fun o máis prolífico colaborador das xeracións entón novas que el e Ramón Piñeiro, como codirectores, trataban de incorporar á trimestral publicación. Así, por exemplo, requiriu a miña participación en monográficos como os dedicados a Cunqueiro en 1981 ou a Fole en 1987.

TEMPO DE "A BOCA VIOLETA"
O cuarto escrito que me dedicou Del Riego foi unha recensión do meu poemario "A boca violeta", editada na revista "Grial", no mesmo ano da edición da obra, 1987. Nel trata outra vez dun novo libro meu en conexión cos meus primeiros poemarios, insistindo no marco natural e no amor erótico do "tronco cósmico-vitalista" no que o inscribe: "'Poemas de amor sen morte' e 'Tigres de ternura' constitúen un notorio precedente deste volume". Perspectiva, pois, historiadora de quen dedicou boa parte dos seus esforzos normalizadores da cultura galega a elaborar, convenientemente actualizados, manuais da historia da literatura galega e dicionarios dos seus escritores.

TEMPO DE HISTORIA E LITERATURA
A característica eficiencia de Del Riego, home de irredutible acción cultural resolutiva, motivou axiña que abandonásemos a lenta correspondencia epistolar entre nós en beneficio da máis rápida comunicación telefónica, así como que aproveitásemos os nosos frecuentes encontros en actos culturais por toda Galicia para falar e para proxectar actividades conxuntas.

En 1984, Del Riego publicou a súa "Historia da Literatura" na Biblioteca Básica da Cultura Galega, versión actualizada das que anteriormente fixera en castelán e galego, e, malia contar eu daquela con pouco máis dun cuarto de século de idade, incluíume nela como poeta erótico e vital "moi persoal", ancorado na poética do coñecemento e aberto a dous aspectos dabondo infrecuentes na poesía galega de entón: o humor e a cinefilia. Así que esta foi a síntese coa que me introduciu por vez primeira nunha historia da literatura.

Ademais, considerando necesario presentar nun manual un "Diccionario de escritores en lingua galega", Del Riego acometeu, case octoxenario, tal tarefa, cuxa primeira edición apareceu en 1990, e, debido ao seu éxito, actualizouna nunha segunda edición ampliada, tras esgotarse a primeira, en 1992. Foi o apartado que me dedicou nesta obra o último que escribiu sobre min do que eu teña noticia, nesta ocasión non só en torno á miña produción poética, senón tamén en torno á miña obra crítica e fílmica.

TEMPO DE "ÁMOTE VERMELLA"
A última vez que falei con Del Riego foi por teléfono en 2009, cando el, xa moi vello e cego, non adoitaba saír da casa nin tampouco escribir. A razón da súa chamada foi ter recibido o meu poemario memorialista "Ámote vermella", editado nese ano e que, malia non poder ler directamente, escoitaba lido por persoas que o acompañaban. Contoume que, falecida en 2007 a súa querida esposa e sen poder ver nin andar con autonomía, a súa vida era moi triste en tan forzada reclusión, aínda que atopaba algún consolo no que lle lían.

Sempre cumpridor e sempre eficiente, fixo o para min emocionante esforzo de telefonarme para agradecerme o envío e para ofrecerme a última recensión da miña poesía, neste caso por vía obrigatoriamente só oral, valorando o reto de acometer a contracorrente, por compromiso ético e memorialista, tal homenaxe testemuñal ás vítimas femininas do fascismo en Galicia, dobre e deliberadamente esquecidas dende o inicio da súa brutal represión pola súa dobre condición de mulleres e de antifascistas. El mesmo coñecera persoalmente a unha delas, a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle, da que me falou durante a súa chamada, pero sobre a que xa escribira nas súas primeiras memorias: "Conmocionoume a noticia do fusilamento, na península herculina de Punta Herminia, de Pérez Carballo, o gobernador coruñés, co que me unía unha antiga relación persoal. Pensei de contado na súa muller, Juana Capdevielle, licenciada en Filosofía e Letras, e tan intelixente, así como no final que lle agardaba. Foi andado algún tempo cando apareceu o seu cadáver en estado de preñez preto da vila de Rábade."

SEMPRE AMIZADE E DEVOCIÓN
En fin, Del Riego foi indiscutiblemente un dos principais valedores de Galicia, pero, ademais dun gran galego, resultou ser un grande intelectual, un grande home e, para min, un grande amigo. En consonancia con estas consideracións, convideino a inaugurar o encontro "Cunqueiro e a cultura europea", que dirixín en 1991, e propúxeno para clausurar no "Congreso Ánxel Fole", que eu mesmo inaugurei en 1997, ocupándome en ambas convocatorias da súa presentación. Mais xa antes, cando publicou en 1990 as súas primeiras memorias "O río do tempo", dedicoume un exemplar con tan concisa como contundente claridade: "A Claudio Rodríguez Fer, con fonda amistade e devoción literaria". Lealmente, máis de tres décadas despois quero rematar facendo tan recíproca como inmorredoira a mesma amizade fonda e a mesma literaria devoción.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES