Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A igualdade entre as persoas humanas (1)

viernes, 05 de mayo de 2023
Cando se aborda a problemática que xeran as distintas opinións sobre a igualdade entre o home e a muller, cuestión certamente delicada, non só pola natureza do sometido a consideración, senón tamén polo barullo que foi xurdindo, con diversas matizacións, na sociedade, parece que sería pertinente definir e valorar o que teñen en común ambos e o que os diferenza, sinxelamente porque penso que é tan impropio e inxusto non aplicar a igualdade onde exista, como neutralizar as diferenzas que dignifican a unhas e a outros. É que falar da igualdade neste caso non parece nada fácil, se non se considera o fundamental.
Creo que é mester precisar, previamente, uns conceptos acerca da realidade dos seres humanos, dos homes e das mulleres, para fundamentar a igualdade entre ambos desde unha perspectiva esencialmente real, e intentar situar as diferenzas, que tanto barullo soen traer, no nivel correspondente. E penso que a isto lévannos tres motivos temáticos, dos que propóñome dar algunha razón: A igualdade esencial de todas as PERSOAS HUMANAS, a dignificación das DIFERENZAS que esixen tratos diferenciais e a ADECUACIÓN dos medios encamiñados a darlles efectividade contextual.
Comezo polo primeiro, posto que antes de afirmar a igualdade referida convén dicir algo sobre o concepto real da persoa. E para isto, modestamente, a miña opinión está centrada en Zubiri. Ofrézolles, polo tanto, un breve resumo do que se debe entender por REALIDADE PERSOAL HUMANA. A realidade, di este metafísico, que está constituída por NOTAS, e utiliza este vocábulo en vez de PROPIEDADES, porque "nota" pertence a cousa real e notifica o que ela é segundo a nota que se considere, ademais entende por REALIDADE algo que a estas notas lle pertenzan como propias e definidoras, é dicir, DE SEU.
Partindo de aquí, fai unha distinción entre o que denomina "cousa-realidade" e "cousa-sentido". Unha caverna, por exemplo, é unha realidade xeolóxica, pero se se utiliza como un refuxio pasa a ter un sentido; porque é unha realidade con capacidade para esa función, ten a CONDICIÓN de articular a realidade e o sentido. O carácter que da sentido á mera realidade non actúa sobre as demais cousas en tanto que nota real, só actúa en relación respectiva coa vida da persoa. E como as cousas reais teñen multitude de notas constituíndo un SISTEMA, a realidade é sempre, desde esta perspectiva, sistemática, con presenza no mundo, e chámase ACTUALIDADE, a ESTAR nel.
Utilizando estes conceptos, damos un paso máis cara ao que nos interesa, ás notas da "realidade humana". A máis destacada é a "vida"; logo "sentir", e, en canto humana, a "intelixencia", esa capacidade de aprehender as cousas como reais, como realidades, non sentilas como estímulos, que é, precisamente, o que diferenza á persoa humana dos animais doutra especie, posto que, en virtude desta diferenza, o ser humano ven a ser un animal de realidades, non de meros estímulos, sen prexuízo dos poucos que posúe. E reteñamos que o home e a muller establecen relacións cun entorno cheo de realidades, de reducidos estímulos, mentres que para o animal o mundo é estimular, diferenza sumamente importante nesta temática da igualdade das persoas humanas, cuxa falta de precisión pode levar ocasionalmente a formulacións falaces.
Consecuentemente, a "realidade da persoa humana" consta de dous subsistemas que veñen a ser "materia" corpórea, non materia por oposición ao espírito, e a "psique", o outro subsistema, que é, en canto tal, parcial, porque o ser humano non ten psique e organismo, senón que é PSÍQUICO-ORGÁNICO ou, se o prefiren, ORGÁNICO (CORPÓREO)-PSÍQUICO, posto que nin o organismo ni a psique teñen cada un por si subsistencia propia; o home e a muller, quede claro, son corporalmente psíquicos e psiquicamente corpóreos, con ambos subsistemas CO-DETERMINANTES.
É pertinente preguntar que forma de realidade ten a realidade humana, que deixamos sinxelamente analizada, e , sen dúbida, esa forma é a vida, o que equivale a dicir que ven a ser unha realidade con posesión de si mesma, xustamente ao que Zubiri designa co termo SUIDADE, o ser de seu, que lle abre camiño para utilizar tamén o termo PERSONEIDADE, considerando que ser persoa non é só ser intelixente e libre, nin ser suxeito dos seus actos, xa que a persoa por ser suxeito deles é prioritaria, e as modulacións concretas que vai adquirindo no decurso da vida son o que denomina PERSONALIDADE. Isto permítenos afirmar que pola súa "personeidade" é sempre a mesma, e aquí está o fundamento da igualdade; pero pola "personalidade" nunca é a mesma, sobre todo debido a que queda á mercé das dinámicas contextuais.
No noso mundo están presentes as cousas reais. Esta presenza desígnase co termo ACTUALIDADE. Reparemos que esta actualidade fúndase na realidade. Zubiri preocupouse de aclarar que a realidade é un prius respecto ao "estar" no mundo, respecto ao "ser". Talvez lles aclare algo a seguinte cita del nesta temática. Di así, en tradución miña ao galego: "A personalidade é un modo de actualidade da miña propia realidade no campo das demais realidades, e mesmo da miña. "E por isto, a personalidade ten inexorablemente as inevitables vicisitudes do campo da realidade. De aí que por razón da miña personalidade eu nunca son o mesmo", páx. 273, de INTELIGENCIA SENTIENTE, Alianza Editorial, Madrid, 1.980.
Outro concepto importante é, evidentemente, a ESPECIE. Por suposto que ser dunha especie determinada implica pertencer a un determinado PHYLUM, que comporta a multiplicación xenética, segundo un esquema, un momento engadido a realidade persoal, considerando que cada replicado é un animal persoal; pero isto non debe entenderse como se os outros da especie fosen algo engadido a persoa, senón que esta está desde si mesma vertida aos demais, que reflúen sobre ela, é dicir, propician as dimensións da mesma, que se consideran tres:
A.- Os membros dun "phylum" son diversos, xa que teñen trazos e carácteres que non pertencen aos outros. Non obstante, isto non significa que eses "outros" sexan sinxelamente diferentes, senón, como dixen, DIVERSOS, que debe entenderse que esta especial diferenza prodúcese dentro da mesma especie, do mesmo "phylum". Isto define a DIMENSIÓN INDIVIDUAL.
B.- O esquema, en canto momento constitutivo da realidade persoal, permite que esta estea VERTIDA desde si mesma aos demais viventes do "phylum", que é, xustamente, o que fundamenta a sociedade, un momento da realidade humana en canto tal. Velaquí a DIMENSIÓN SOCIAL. E aproveito para denunciar os malos tratos sociais ás mulleres en certos países, como se esta dimensión non estivera fundada na realidade persoal delas, e fose unha concesión viril, en prexuízo da igualdade dimensional.
C.- Pero a especie é "xeneticamente" prospectiva, e fundamenta tamén a DIMENSIÓN HISTÓRICA, que non existe máis que onde o proceso de transmisión xenética concirne a formas de estar na realidade como tal. Así que a persoa humana é de seu un animal individualmente diverso, social e tamén histórico, que, por todo isto, sitúase fora de arbitrariedades, alleas a súa propia e real constitución.
Convén reter que a "igualdade" fundamentada na "perseidade" é inescusable, como a "dignidade consecutiva", que tratarei no seguinte artigo, mentres que a "adquirida", vinculada as modalidades da "personalidade", está suxeita aos criterios de valoración contextuais; pero, aínda así, sen prexuízo das garantías fundamentais da constitutiva.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES