Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De centauros a maquinistas (7)

martes, 02 de mayo de 2023
.../...

- ¡Anda, os vellos de marras! Aí os temos, outra vez, a enésima; ¡fan coma as gaivotas, que para de chover, e volven! Igual que as gaivotas do Partido Popular, relevándose no poder, coas rosas! No mesmo banco, que nin que o tivesen alugado!

A miña dona:

- Estou depilando o bigote, e tan pronto termine de aviarme, baixamos, como de paseo polo xardín adiante... Esa parella tenme intrigada, e non a deixo escapar sen facerlle a filiación!

- Pero, muller, periodista frustrada, ¿queres que lle pregunte ao teu, antigo, veciño, López García, se te admite en Vigo, polo menos de oínte, na súa Facultade de Ciencias de la Comunicación? ¡Mira que aínda estás a tempo, e non te quero frustrada!

- ¡Xa; e despois cociña Eva, para os dous..., para os tres!

- Antes non lle prestabas atención ao teu bigote...

- Iso foi antes..., porque me conviña! ¿Non sabes que, muller con bigote, non precisa dote? ¡O meu bigote foille útil a meu pai, mais agora xa non ten función!
...

- Perdoen, pero estamos cansos de pasear... (¡íamos da casa!)..., e como nesoutros bancos bate máis o vento, ¿non lles importaría compartilo con nós?

Arrastraron os traseiros para unha cabeceira do banco, así que nos deixaron sitio, de sobra. Foi ela a que lle contestou á miña:

- Nisto dos bancos hai que saber elixir, que non todos son solventes!

Eu, que cando quero tamén saibo ser petulante:

- Iso será nos financeiros, pero estes son de madeira, e logo que están pintados de verde. ¿A verde é a cor da esperanza, non si?

O patrucio:
- Ata terá razón, que nós coñecémonos precisamente aquí, neste parque, e puxémonos a descansar das nosas andainas respectivas precisamente neste, que por iso nos paramos sempre no mesmo, de afecto que lle collemos. Por outra banda, diso que di a súa señora do vento..., niso non reparáramos, pero, ata terá razón, que aquí abríganos esta palmeira!

Daquela atrevinme a abrir conversa:
- ¡Das palmeiras sei moito..., algo; é do único que sei, que pasamos dez anos no país delas, aló en África! E vostedes, así polo acento, parecen coruñeses de sempre, deste barrio da Praza do Touros, Leirón do Casino, e todo iso, que é onde arraigou á elite desta cidade!
De centauros a maquinistas (7)
O Leirón do Casino e maila Artística; a Praza de Touros estaba á dereita.

O vello:
- Elite, ou non elite, certo é que me criei neste barrio de Garax, así chamado porque era aquí onte tiñan a súa garaxe aqueles tranvías, os antigos... En canto á miña..., quero dicir a miña compañeira, que aínda non casamos..., non hai máis que verlle as cores para comprobar que naceu onde sempre nos nace o sol aos coruñeses, ao Nacente, en Lugo!

Ela sentiuse afagada e non tivo inconveniente en sorrirnos con complicidade, chorreando simpatía:
- Como dicía meu pai, que en paz estea: Soy de Lujo, y no lo niejo; tengo un hijo en Santiajo estudiando para crejo! ¡Era meu irmán, que ese si que está no Ceo, que morreu dunha malaria que colleu non sei onde, de capelán da Mariña! Con isto xa sabe algo de nós, e vostedes, vostedes que fan por aquí?

Mentinlle, algo, pouco, soamente para despistar:
- Vimos a esta praza con frecuencia porque..., porque aquí sentímonos en lúa de mel, unha lúa de mel perpetua!

E a miña, con ganas de afondar no coñecemento:
- O peor que ten a praza, o único malo, é que veñen moito a pasea-los cans, as mascotas, ¿saben?, e por máis que recollan, o pis deles por aí queda!

Ela:
- Xa me decatei diso, xa, pero os canciños tamén teñen dereito a marca-lo seu territorio, de paso que conversan coas cadeliñas... Isto vén a ser coma ese vis-a-vis dos cárceres, que, sen solta-la cadea, espráianse!

Despois mirou o reloxo de puño:
- ¡Ai, Deus, que tarde é, e a miña, quero dicir, a nosa cociña, apagada! ¡Ai, Abeliño, que nos perdoen estes señores, pero fáisenos tarde! Se volven por aquí seguiremos falando, que para nós, este banco, xa é da familia.

Saúdos moi atentos, e todo iso, aínda que a miña dona reprochoume non darlles unha tarxeta das miñas: - ¿E para que, muller, que estes non entran en Internet!

De momento, así acabou o conto; para o sucesivo, veremos; veremos se volvemos a vernos!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES