Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De centauros a maquinistas (6)

martes, 25 de abril de 2023
.../...
De centauros a maquinistas (6)
Debuxo pintado por un neno da gardería de enfronte: Santiago,
que se lle apareceu á Virxe María ordenándolle que volvese para Compostela.

Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. Miña Rosalía, iso sería nos teus días, pois agora, concretamente desde que teño acordanza, que é igual a dicir, desde que don Hermenegildo retornou os mouros a Covadonga, levándolle a contraria a don Pelaio, o Fillo do Trono, que igual o fai de cabreado, en honor ao seu prestixio, día arriba ou día abaixo, estanos mandando unhas treboadas de moito raio! En vista diso, nin fomos a Compostela nin abrimos a ventá, atidos aos festexos televisados; e como tamén coincidiu o Papa en Sao Paulo, entre Paulo e Santiago, festa caseira!

¿Que sería da Eva e do seu Abel? ¡Nin deles nos acordamos! No tempo sobrante eu dinlle un repasiño ao Quijote, que boa falta nos fan as súas leccións nestes tempos tan pouco cabaleirescos…, para coller moral! ¡Ai se tivésemos un Sancho Panza, outro, para rexer esta illa Barataria chamada España, doutro nome, Hesperia, que seica significaba “Terra de coellos”. ¿Ou sería, “de raposos”? Pensándoo un pouco, ¿a quen se lle ocorrería iso de compararnos coa pel dun touro posta a secar, colgada dos Perineos? ¡Talmente! Dos Perineos para aló, máquinas; e deles para abaixo, ecos, resonancias, tauromaquia… Pero non é san matinar niso, así que, aguantemos a chuvia, en silencio, que nunca choveu que non escampase!

O que si fixen foi abrir correo, a lot of: ¡Deus, canta imaxinación lle botan algúns, e logo están esas filmacións turísticas, que dan ganas de irse ao Ceo para ollar desde arriba! Nun deles ata me cabreei, que botaron unhas vistas de Navarra, cos pobres cabalos do monte a galope, asustados polo bruído do helicóptero das filmacións. O dito, non temos remedio: No Sur, tauromaquia; e no Norte, maltratando aos cabalos. Menos mal que o de Santiago, o branco, despois de cerrar España acolleuse a Galicia; sería para estar cerca do Patrón!

Co noso Santiago teño unha pregunta pendente, que xa lla fixen en Compostela, diante dos seus restos, pero non tivo a ben contestarme. Dela non se libra, pois, cando suba, coa venia de San Pedro voulle preguntar: ¿Como se explica que aquí en Galicia tivésemos igrexas, parroquias, co Matamouros de patrón, antes do século IX, antes de coñecerse as stellas do seu Campo? Para min, salvo proba en contrario, iso evidencia que somos xente agradecida, que esquecéramos o seu sepulcro pero non as súas prédicas. ¡Ah, e tamén lle quero preguntar que tal se leva, no Ceo, con Prisciliano! ¡A min gustaríame que fosen amigos, máxime polo que ambos lle querían á nosa Galicia!
-.-

Aos vellos que non teñan tema para falar sos, ¡que todo fai falta, pois, sen ideas, non hai, non pode haber, falas, nin sos nin acompañados!, recoméndolles a lectura dun "catecismo cívico" de fai agora un século, escrito e publicado polo mestre valenciano Pablo Solano Viton, ¡e non se me diga que só me ocupo dos ilustres galegos, séxase, dos galegos ilustres!, do que tratarei de traducir, sintetizando, algunha das súas recomendacións. ¿Fan rir, fan chorar? Do que estou seguro é de que aos vellos faranos falar, por días de vida!

O título da obra é "Urbanidad", ¡vaia, "Código da Urbe", pero entendo que tamén vale para o mundo rural, se é que de rural se pode falar neste, no XXI, pero aquí só vou extractar un capítulo da súa segunda lección, ou programa: "Modo de comportarse el niño con sus semejantes, y especialmente con los padres, maestros y superiores".

Daquela, imos aló:
- ¿Como nos temos que comportar cos nosos semellantes? - Con respecto, amabilidade e dozura; tendo presente que tódolos os homes somos irmáns.

Mal empezamos: ¿Respecto, amabilidade, dozura...? ¿En que museo se garda iso? ¿E, de existir, cobrarán a entrada; non será perigoso, tamén, asumir ese credo nesta xincana actual? Por se fose pouco atrevemento, parece unha afirmación demodé: ¿Somos irmáns, quedan irmáns, entregos, fraternos, fora do primeiro grado, quere dicirse, na veciñanza, aínda que non vaiamos máis aló? Irmáns é como se din, como se comportan, os frades, uns aos outros, pero iso é..., nos conventos!

Despois vén:
- A quen debemos ter máis cariño e respecto? - Aos nosos pais, aos nosos mestres, e aos superiores en idade, saber e goberno.

¡Xa; pero..., concretamente os gobernantes, non son elixidos polo pobo? ¡Daquela non son os nosos superiores senón os nosos empregados, coa encomenda, temporal, dunha reciprocidade empresarial; un pacto, e como dixo o romano: Pacta sunt servanda! ¿Cobran? ¡Pagámoslles, así que teñen que render: contas, produtividade, exemplaridade...!

Outra:
- Por que os pais son os primeiros a quen debemos amar? E a resposta que dá o propio Solano é esta, ben rotunda por certo: - Porque despois de Deus, son os que nos deron o ser, os que nos crían, coidan e educan.

¡Hai casos, hai casos, que non é prudente, nin xusto, xeneralizar; algo queda, algo diso se conserva, pero as tormentas sociais deste, do XXI, este cambio climático, están poñendo en perigo as colleitas. ¡Igual cómpre sementar de novo!

Solano remacha os seus cravos:
- Como podemos pagarlles o moito que sofren por nós? - Profesándolles o amor máis constante, o respecto máis profundo e a submisión máis cega.

Comezarei pola pregunta: ¿Sufrir? Non, señor Mestre, aí si que non: O sufrimento dos pais é impagable porque..., porque non existe! Amar non é sufrir, e cando se ama aos fillos, sexan eles, ou non, como Deus manda, ese sufrimento é doutro tipo: é amor, e por tanto, entrega, entrega absoluta, xenerosa, incluso heroica se tal fixese falta, así que eses sacrificios non doen, que sempre é un gozo facer os posibles polos fillos; os posibles, pero tamén os imposibles, por pesada que sexa a carga!

En canto ao da submisión..., tamén con reservas! Submisión, non; acatamento, si! Diálogo, sempre diálogo, razoamentos, comunicación absoluta...; ¡En definitiva: reciprocidade!

Aquí paro, pois, para predicar xa están os frades, e a min, de solteiro non me deixaron ir, e agora, de casado, non me queren, e menos en Herbón, co papistas que son, tanto ou máis cós xesuítas!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES