Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O balandro

lunes, 24 de abril de 2023
Reina un gran balbordo no porto antes de partir. A tripulación ultima os preparativos en espera do patrón. Vellos lobos de mar, coa pel curtida polo sol e o salitre, asómanse a esculcar, lembrando a súa vida sobre as ondas. Tanto os camiñantes habituais que atravesan o porto todas as mañás como os recentemente chegados, que substituíron os seus infartódromos urbanos por un paseo á beira do mar, minoran a súa marcha para contemplar o atafego que precede ao comezo da regata.

Todo queda atrás cando o balandro faise ao mar. Aos poucos vai desaparecendo o murmurio de terra e só se escoita o vento e o suave renxer das cadernas, revestidas dun branco nupcial. A proa curta limpamente as ondas e só existe o mar e o ceo. O patrón goberna o barco amarrado á cana cal neno que sostén na súa man a un paxariño. Ten moitas horas de navegación ás súas costas e atesoura, ademais, a herdanza mariñeira que o seu pai lle inculcou desde pequeno. Por iso, sabe xogar co vento para que encha as velas e non se perda nin un sospiro.

Antes de abandonar a ría, xa se intúe o poder solemne do océano. O patrón dirixe a proa cara ao faro de Ons, adiviñando na suave orografía da illa a figura ancestral dunha muller espida que xace sobre o leito mariño. Ceñindo a nave irá modificando o rumbo para saír a alta mar entre Onza e as Cíes ata fundirse nun abrazo sincero co horizonte.

Din que os homes botan raíces e conservan no seu corazón as paisaxes da infancia nos que aprenderon a amar a vida. Pregúntome que é o que une aos vellos mariños co mar. Seica a nostalxia de pasadas fazañas e xestas inesquecibles loitando contra as ondas; seica a paz cando, no solpor, o barco arriba de novo a porto. Non o sei.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES