Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Cantares de Reis

jueves, 08 de enero de 2009
Todas as festas con tradición popular, teñen un leito que fica no devir e na lentura do tempo, que tamén vai marcando o calendario labrego. Na festa de hoxe, tamén hai unha orixe agraria, un pouso fecundante. De feito, despois de rematar o ciclo de Nadal, nestes días, as chairegas e chairegos, preparan e abonan as terras para plantar as hortas, e tamén roseiras e árbores froiteiras. Os Magos procedían de países máis abondosos e máxicos..., pero, sobre todo, máis prósperos en ciencia, cultura, tolerancia. Por iso, foron capaces de adiviñar que chegaran os tempos novos, o Renacido, e puxéronse en camiño, a un país ata agora descoñecido. Non sufrían a cegueira e fanatismo de Herodes e dos escribas e sacerdotes do seu pobo, que preferiron decapitar aos nenos, para que ninguén lles fixese sombra. Hai moita lenda nesta pasaxe dos Magos, pero os autores bíblicos son sabios, ao introducila nos relatos da infancia de Xesús, pola súa mensaxe liberadora. A cultura oral transmite sempre unha simboloxía, que chegou ata nosoutros a través das panxoliñas, os cantares de reis, etc, que proclamaban as cuadrillas que percorrían as nosas casas. A mesma intelixencia que fai abrollar iniciativas para que esta música popular non esmoreza. Hai poucos Nadais, un grupo de mozas e mozos de Guitiriz, acompañados de gaitas e percusión, liderados por Mini Rivas, investigador de A Quenlla, recolleron destas cantigas nas parroquias de Guitiriz e Friol, e foron interpretándoas na véspera de Reis, agasallados co aguinaldo duns veciños agradecidos por recoñecerse naqueles reiceiros. Adoitan compartir con eles os productos do agro: queixos, viño, ovos, mel, etc... Ao traballo de Mini coma Concelleiro de Cultura de Boimorto, débese o V Certame dos Cantares de Reis que se celebrou antonte. Máis de 800 participantes e grupos de maiores e pequenos, defenderon coas súas voces e música, un repertorio que está a perderse. Do mesmo xeito cas follas do outono, e mesmo das podas, axúdannos nesta estación, a arrequentar as raíces das árbores, para que non as paralicen as neves e xeadas de xaneiro, tamén cómpre recoller todos estes “reices”, para impedir que os destrúa a intemperie da desmemoria e o alleamento.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES