Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Museo do Pobo Galego e MICE

jueves, 20 de abril de 2023
A MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico), tal como aparece na páxina do Museo do Pobo Galego, nace en 2006 e deseñouse como un evento propio para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas nas que se enmarca a misión do Museo. A MICE pretende xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia entre a antropoloxía social e cultural e a teoría e a práctica cinematográfica.
Museo do Pobo Galego e MICE
Dirixida dende o DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural), por Ana Estévez, forma parte de Proxecta: Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. Este ano, acaba de celebrar a 18 edición, introducindo cambios de gran interese. As sección a concurso son as seguintes: Internacional (co Premio MICE ao Mellor Filme), Galicia (co Premio MICE ao Mellor Filme Galego) e, nesta edición, o xurado da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural outorga o Premio AGANTRO á profundidade antropolóxica, a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección entrega o Premio CREA e as persoas asistentes outorgan, mediante as súas votacións, o Premio do Público. Máis alá das proxeccións, o festival realiza formación a través do obradoiro "De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual" en colaboración coa Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, constando dunha parte expositiva (onde se amosan proxectos de traballo colaborativo levados a cabo a través do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental) e unha parte práctica (na que poder compartir procesos de traballo e ferramentas concretas).

MICE Petís é o espazo escolar. Diríxese ás persoas máis novas mediante unha estratexia de colaboración cos centros educativos; nesta décimo oitava edición ponse en funcionamento unha proposta piloto de creación de pezas audiovisuais en tres institutos galegos e co grupo mozo do CSC Aurelio Aguirre de Conxo (en Santiago). Así se presenta: "O alumnado, xunto coas persoas responsables en cada centro, realizarán todo o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea e o guión ata a edición final. Interésanos achegarnos, a través do audiovisual e apoiándonos no documental de non-ficción, á visión da rapazada sobre unha cultura e tradicións en constante cambio. Como se transmite a este colectivo e como a reciben? Como viven no século XXI manifestacións culturais herdadas de moitas xeracións atrás? Que novos costumes están a desenvolver no seu día a día como grupo? Cales son os ritos de adolescencia para a integración na sociedade actual?". Tamén para as persoas máis novas, está pensado o MICE Petís Virtual, a través do cal os centros educativos terán a posibilidade de programar a MICE Petís na propia aula, escollendo aqueles filmes que se adapten aos seus intereses e organizar os pases como mellor encaixen na axenda escolar. Farase a través dunha ligazón que se tramitará co Museo. Ademais, dentro deste subprograma, existe unha proposta online para que petís e maiores da casa traballen conxuntamente o hábito de ver cinema.

Exposicións, conferencias, encontros... son actividades que complementan as anteriores. A mirada sobre o rururbano e a obra de muller, a atención ao país irmán Portugal... son riquezas que se engaden a un traballo que nace da antropoloxía e a didáctica e se vai ampliando por camiños que se abren en cada nova edición. Unha nova cita a ter en conta, en Santiago e cando está chegando a primavera. O Museo do Pobo Galego demostra estar moi vivo, cunha aperta aos audiovisuais e outra á rapazada, disposto a continuar sendo o museo de todos e todas, dende os maiores da casa ás máis novas. Porque ese é o noso museo, xa o dicía a campaña que puxo en marcha cando se cumpriron os seus corenta anos: Temos un Museo (igual que os Thyssen e os Guggenheim, os galegos e as galegas, temos un museo, así que non deixedes de asociarvos!)
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES