Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De centauros a maquinistas (5)

martes, 18 de abril de 2023
.../...

Pero esta parella, que nin que fosen os nosos dobres, topándonos con eles a cada intre: primeiro, na Praza, e agora, en Riazor! Desde que baixou o sol un pouquiño, pois eu téñome, e témonos, por incompatibles, que abondo papamos na nosa estadía sahariana, a miña Estrela díxome:

- Agora que tomei o Xarelto, apetéceme saír de paseo, tal que polo miradoiro da praia...

¿Desde cando foron ordes os desexos dunha muller? ¡Desde Eva, por suposto, aínda que Adán tivo unha atenuante, que se lle quedou a mazá no nó da gorxa, un arrepentimento tardío! E mira ti por onde, arrimados ao enreixado da Coraza..., Xulia, Xulia co seu Abel! Persigneime, e a miña rapaza, abraiada:

- ¿Viches o diabro, ou escandalízaste por esas miñaxoias tan arruinadas, tanto, que xa non teñen para mercar xustillos? ¡Pois non é a primeira vez que vés á praia!

É de mala educación sinalar co dedo, pero eu fíxeno, porque só fun capaz de articular:

- ¡Aí, aquí abaixo!

Agora foi ela a que se fixo de cruces:

- ¡Isto é un meigallo, e resulta que temos a Rouco Varela en Madrid, que aínda o vimos onte na tele, que ata sería cousa de telefonarlle para que nos mande un dos seus exorcistas!

- Nela cómprese aquel chiste do Pepiño de Paraxes, cando dixo que as mulleres, antes, gardaban o cu nas bragas, e que agora o que gardan é a braga no cu! Pois esta Eva, tal cal! A do Paraíso tiña parras, e as parras teñen follas, pero desde que mercamos nos chinos, co aforrallóns que son, nin do tamaño dunha folla!

- Estasme dando a razón, ou non te lembras que che dixen que os tiña por dous vellos verdes? Verde el, pero ela, nada menos, que se pon Cara al sol, e sen camisa! ¿Que digo sen camisa, sen sostén, sen vetillos! Mais, de ben pensado, para que? ¡Co pouco que lle queda, para que escondelo?

A miña, que as capta voando:

- ¡Mira que es atusmón! A Venus de Milo tampouco usaba bikini, e nin con esas escandaliza! Presumes de saber moito, pero aínda non sabes que Deus criounos nus, e se aqueles avós acudiron ás follas da parra foi..., porque aínda non había esas tendas dos chinos!

Estaban alí abaixo, tan cerca, que, a pouco que nos estirásemos, dariámonos a man; por esa prudencia disimulamos a risa que nos tentaba, aos dous!

- Xa non che interesa o que se din? ¡Podo retransmitircho, pero poñámonos de costas á praia, que igual nos recoñecen, de tanto vernos, co Pegasus na man, nunha reciprocidade sospeitosa! ¡Atende!
...

- A primeira vez que unha praia vin, foi en Foz, que me invitou miña madriña, unha irmá de meu pai, e desde aquela nunca tiven pracer meirande que o de ver as olas bicando na area. ¡Como se queren, e co distinta que é a auga e mailo areal!

-Muller, quérense por iso, precisamente por iso, porque son..., complementarios! Se De centauros a maquinistas (5)non mo tomas a mal, tal que ti e mais eu, e iso que non nos complementamos..., por aquela esixencia que debo cumprir, aquilo das dúas habitacións!

-O de bicarse non entrou no trato, que xa o fixemos...; con castidade, iso si!

-De Foz, ademais das olas, que lembranzas conservas? ¡Eu tamén coñezo esa praia, que acompañei a miña avoa, que de gloria goce!

- ¿Lembranzas? Agora que o dis...; o que nunca esquecín, nin entendín nin esquecín, é que alí, uns da fonda, se empeñasen en chamarlle Catarina á tía Manuela, pero non me atrevín a pedirlle explicacións por se..., por se dera o nome cambiado..., para que non soubesen que, fóra de Foz, era Sor Manuela!

El aclarou, que xa eu viñera observando que sempre tiña argumentos con aquela "Eva", con aquela neta da outra Eva:

- Muller, aquilo era un xenérico, que lles dicían así ás vellas porque..., porque non lle consentían á auga que lles pasase dos xeonllos, fosen, ou non, monxas! A virtude, daquela, era tan longa coma as súas saias, que lles baixaban, polo menos, aos xeonllos, e para iso ás desinhibidas, que as outras..., as outras máis abaixo!

- ¡Ai, Deus, que me dis! ¿Así que era por unha cuestión moral? Deste pecado, mañá mesmo me confeso...

- ¿De que, de ter un noivo platónico?

- ¡Non es tan listo como te fas! ¿De que vai ser, de que estiven nesta praia, xunto coas pecadoras, ensinando os dons que Deus me deu!

- ¿Non me dixeras que aquel análise che deu..., estéril? ¡Daquela as túas mamilas son beatíficas, tanto coma o brazo de Santa Teresa, aquel que levaba Franco consigo, sempre, no coche, para que non lle saíse a Santa Compaña dos que morreran por culpa súa! Como Teresa lle propuxera a seu irmán pasarse á terra dos mouros, dos islamitas, para ascender a mártires, aquel Franco fiábase máis da súa reliquia que dos mouros da súa escolta! Neste caso, ti, con unhas mamilas tan puras como poda ser o brazo da Santa..., o que temos que facer contigo é adorarchas!

- ¡Pillabán, que tes saída para todo!

- Falando de saír, irémonos, que xa se está indo a xente do noso redor, e só quedo eu para admirarte..., para adorarche esas cousiñas!

Puxéronse enriba a roupa que se quitaran, e para nós foi coma se baixasen o pano dun teatro, que nos quedamos sen espectáculo!

- ¿Nós, que?

- Maridiño, agarda un pouco, ata telos lonxe, para que non nos descubran, que así podemos seguir de espreita co teu Pegasus, que estes por aquí deben vivir, xa que tantas veces coincidimos.

- Nós, a próxima, a Foz? Entroume a curiosidade de comprobar, in situ, se quedan Catarinas...

- Para Catarina a túa muller, aquí presente, que nin á area baixou!

- Pero foi porque traías zapatos...; ¿si, ou non?

- En zapatos vin, pero a próxima, en sandalias, que vou baixar, e facerme amiga desa muller tan virtuosa, que non o son todas, hoxe en día!

- ¿Virtuosa, e quítase o vetillo?

- Pero faino na praia, porque..., porque lle lembra o Paraíso; ¡a culpa é de súa madriña, por poñerlle Xulia Eva!

Nada se me ocorreu para replicarlle, así que tamén fixemos mutis, camiño da nosa casiña, pero con unha particularidade: que, aínda que foi por poderes, nós tamén estamos casados!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES