Non señor, si señor
Santalla, Iago - miércoles, 19 de abril de 2023
Esta Semana Santa tiven a sorte de andar por distintas zonas de Galicia: Lugo e a súa costa, a Terra Chá, Muros, etc. Desfrutei de ver distintos lugares da terra e sobre todo hei de recoñecer que comín moi ben. Atopei moi bo servizo e un produto culinario excelente. Obviamente isto tivo un prezo que se pagou con gusto porque un sae satisfeito de verse cheo de fartura nun día especial.
O caso é que, das pequenas andanzas, cheguei á conclusión xa sabida de que en Galicia non só hai bo produto, senón tamén bos profesionais que procuran en todo momento que a estadía no restaurante sexa agradable. Unha vez satisfeitas as necesidades lúdicas parece que doe menos baleirar un pouco a carteira.
Todo isto levoume a cavilar no tema das propinas: débense deixar ou non? Recentemente houbo unha campaña a prol da propina e incluso se intentou establecer unha porcentaxe. Se realmente vivimos nun país xusto economicamente teremos que pensar que o produto ten un prezo xusto e que a factura final está feita pensando tanto no traballador coma no rexente do establecemento. Polo tanto, a propina debía ser un feito excepcional para unha atención que percibamos como diferencial.
Persoalmente deixo propina en bares aos que vou dunha maneira habitual e moi puntualmente naqueles establecementos que para min destacaron pola súa atención.
Polo tanto, a xeralización e incluso a promoción das propinas paréceme nocivo para ambas partes: para o cliente porque non sabemos a súa situación e para o profesional porque o seu traballo ten que valorarse dunha maneira xusta e non depender da lotería de que haxa máis ou menos "xenerosidade".
Debemos perseguir profesionalizar todos os traballos, obrigando a pagar o que é xusto (considerando xusto que a persoa viva do seu esforzo). Promover a propina é cederlle terreo a unha submisión que, democraticamente non é admisible.
Son mellores os profesionais libres que saben perfectamente do seu bo facer fronte a aqueles do "non señor, si señor".

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora