Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Documento da paz para o 2009 (II)

miércoles, 07 de enero de 2009
Agora que sabemos... queremos e podemos (II)


Os cristiáns e cristiás de base de Galicia, con humildade e liberdade, queremos ofrecer a nosa experiencia de pequena/gran liberación. Hoxe sabemos que a nosa vivencia da fe nesa clave nos ten aportado unha capacidade de distancia, de distancia crítica fronte á seducción do consumismo como “expresión da persoa”, do consumo de cousas e marcas como identidade que vén encher o enorme baleiro de identidades reais, sólidas, capaces de xerar proxectos de vida felices, coherentes e emancipadores. Grazas a esa nosa vivencia conseguimos distanciarnos con humor e non sen dificultade, dos estilos de consumo custosos e sofisticados, xusto na mesma medida en que incorporamos unha conciencia crítica coa inxustiza, na mesma medida en que tivemos a fortuna de sermos socializados e educados en grupos que facían da solidariedade o cerne da nosa identidade moral, que nos inocularon a convicción, por pura experiencia, de que o “ser” é máis e mellor que o “ter”.

Hoxe esas mensaxes son marxinais, son ideas anti-sistema. Pero non claudicamos. Esa intuición está plenamente vixente e ten aliados de diferentes sons e colores diversos. É como un tesouro descuberto que compartir, é unha contribución a un futuro en liberdade, xunto con outras voces, outras experiencias, que cómpre artellar para dar un futuro humano ao noso pasado común, unha oportunidade histórica ás irrenunciables utopías da única raza humana.

Envolveitos en crises recorrentes, cunha desigualade que non para de medrar, cunha balanza enerxética insostible, o capitalismo neoliberal empéñase en darnos leccións de humanidade. Pero xa non cola. As súas promesas son imposibles de cumprir. Hoxe os estudios técnicos sobre a chamada “pegada ecolóxica” das diferentes sociedades son ben reveladores: farían falta tres planetas terra para facer universal o modelo de consumo dun estadounidense medio. Sempre pode haber quen se empeñe en gramar o botón do ascensor individual e apuntarse ao soño de ser “un deles”. En calquera caso ese modelo non vale para a humanidade. Non vale para miles de millóns. Logo non nos vale en absoluto. Podemos non querer ser coma eles?

É o momento de repensar seriamente a alternativa dun modelo de crecemento diferente. E a diferencia ten que estar en contemplar, sen medo, a hipótese do decrecemento. “Vivir con menos para vivir mellor”, é un lema persoal e de pequenos gupos e comunidades desde hai tempo. É unha opción ética e solidaria de persoas que agora cómpre repensar como opción seria para un sistema alternativo, un sistema salvador, no que collamos todos e todas.

Estamos en momento preelectoral en Galicia. Comeza, con toda probabilidade, unha nova feira das vaidades, mensaxes reiteradas, rutina dispendiosa, falta de debate e pobreza de propostas. Pero cómpre esixir algo novo. Cómpre recuperar e relanzar en novas claves as utopías históricas: un novo pacto social e ecolóxico, un novo compromiso co planeta desde Galicia, unha nova lexitimidade para o poder galego: a que nace da solidariedade, do impulso non propagandístico da igualdade, dun benestar construído desde os últimos.

Queremos discursos valentes, non electoralistas, non mediatizados polos medios. Necesitamos o discurso da austeridade compartida e da calidade de vida, que é diferente a cantidade de cousas. Necesitamos o discurso político da acollida e da casa común. Necesitamos o discurso da equidade que dá seguridade e paz. Necesitamos un novo I+D+I: imaxinación para o desenvolvemento sostible e a información veraz.

Non somos neutrais. Nesta altura xa o temos claro: a liberación e o cambio veñen desde o lado dos empobrecidos. Hai razóns históricas, tamén teolóxicas, para definir unha estratexia global. A que implica poñerse do lado dos últimos para cambiar as cousas, para formular estratexias de cambio. Non podemos servir a Deus e ao diñeiro, isto é, non podemos facer do diñeiro un deus depredador do soño da fraternidade universal.

Hai moita esperanza colándose coma raioliñas de luz polas fendas do sistema. A propia crise das finanzas é un sinal de cambio. Hai grupos, movementos, hai altermundo neste mundo. Hai emisarios do outro lado, do que está aberto ao futuro, con outra pel, con outra voz, que veñen rompendo muros e burbullas. Hai algo novo que renace en cada instante, cada nadal, cada novo ano. Só temos que descubrilo.

Agora que sabemos algo máis de mentiras e falsas promesas. Agora precisamente queremos un proxecto novo. E agora, ademais, podemos facer algo, incluso moito, por resistir activa e organizadamente e tecer, entre tanto, o inmenso tapiz multicolor dun futuro austero, feliz e compartido.

Bo Nadal e feliz 2009

Coordinadora de crentes galegas e galegos, Redes Cristiáns de Galicia, Irimia.

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania