Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De lugares e órganos

jueves, 13 de abril de 2023
De lugares e órganos é un festival para goce da cidadanía, entrada e coñecemento de lugares da cidade e escoita dos seus órganos. En Compostela, polo tempo da Semana Santa e promovido polo concello.

Poñer en valor os órganos restaurados e mostrar a necesidade de facelo con outros semella obxectivo desta cita, que vai pola oitava edición. Á fronte, Belén Bermejo, unha muller que sabe que facer coa riqueza patrimonial e como enxalzala. Antes fíxoo con Espazos sonoros, ese outro festival que nos levaba a percorrer Galicia para escoitar grandes concertos e coñecer os sitios aos que só os escollidos (e elixidas do medio culto) daban chegado.
De lugares e órganos
Poñer a cultura ao alcance de todos e todas é unha boa fin. Mostrar o que de bo hai entre nós, unha misión necesaria. Cada día é máis variado o público asistente a estes concertos, cada día máis recoñecidos. Tamén é certo e non debemos esquecer que Espazos sonoros tiña comezado como programa subvencionado pola Xunta de Galicia e rematou tendo que ser apoiado pola Deputación da Coruña e que, por riba, a nosa consellería se puxo a tutelar outro programa que viña sendo case o mesmo, “razzias” ou plaxios para o común dos mortais, que non deberían sosterse con amparo da administración. Porque esta debe consolidar o que funciona ben e que dende o público é recoñecido, sen dúbida.

As citas anuais, por medio de concertos de música clásica, é un bo motivo. Estamos a falar de dous, dirixidos por Belén Bermejo, que cómpre soster, sistematizándoos e converténdoos en datas que recollen os calendarios ano tras ano. Iso é o bo. Regularizar o sistemático de tal maneira que cada cidade teña os seus festivais, e a xente poda, incluso, viaxar téndoos en conta. En Compostela mantense, por exemplo, Cineuropa en novembro, mantívose un tempo o festival de danza contemporánea En pé de pedra ou o de Músicas contemplativas. Agora, este tempo de semana santa está sendo ocupado por De lugares e órganos e tanto composteláns como visitantes sentímonos satisfeitos e orgullosos desta oferta cultural que nos pasea polos edificios patrimoniais da cidade escoitando os órganos que nela se conservan.

Non perdamos estas oportunidades de sumar riqueza arquitectónica e musical, de sentarnos en lugares fermosos para escoitar pezas do patrimonio universal a través dos mellores instrumentos e músicos.

Xa sabedes, en Santiago, De lugares e órganos, pasando pola igrexa de San Paio de Antealtares, a igrexa do pazo de San Lourenzo, a igrexa de Santa Clara, a capela do Portal do convento de Belvís e a igrexa da Universidade. Para completar o programa, unha proxección de cinema mudo de 1916, Shoes de Lois Weber (unha das directoras máis salientables da historia do cine con máis de sesenta longametraxes dirixidas), que estará acompañada de música ao vivo a través dun xogo de improvisación produto do traballo conxunto de Álex Salgueiro (órgano Hammond) e Rafa Fernández (guitarra eléctrica). Esta última actividade terá lugar na sala Numax.

Cando comeza a primavera, cando a semana se di santa, De lugares e órganos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES