Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antía Cal en Muras

jueves, 06 de abril de 2023
O 31 de marzo, o concello de Muras, organizou a Xornada "Antía Cal, pioneira das novas pedagoxías". Próximo o cabodano do seu pasamento, reivindícase o valor dunha muller que nada en Cuba ten a súa casa en Muras, aínda que a maior parte do seu tempo percorra Lugo, Santiago e Vigo. "Eu, ser, son de Muras" confesa ela, porque somos do lugar que nos fai, que nos dá as raíces coas que nos internamos na terra, das paisaxes que nos enmarcan, dos arrecendos que identificamos aínda sen ver...
Antía Cal en Muras
Na Casa do Médico, asistimos á conferencia de Aurora Marco (a cronista das mulleres) que nos fixo un percorrido pola vida e a obra da muller de Antón Beiras. Porque a min (e desculpen a miña reivindicación persoal) a figura do seu home atráeme moito, dende a súa defensa da lingua e o país, a súa valía como médico, as súas descubertas e inventos dentro do campo da oftalmoloxía (ser quen de poñerlle vigoscopio a un aparello que se patentou e dou lugar a avances moi notorios) e, especialmente, os seus escritos (esas cartas que dirixía á muller e que a min me resultan dunha emoción absolutamente conmovedora). Pois si, Antía a muller de Antón Beiras e Antón o home de Antía Cal. Carmen Varela (esa muller que podería ser a mellor ministra de cultura de calquera país que se prece) falou de A palabra xusta, o documental sobre Antía Cal, dirixido por Miguel Piñeiro no que ela foi produtora e executiva. Elena López Seco falou representando esa parte da familia que se chama do Burgo e achegounos moita información de interese, a min gustoume escoitarlle como Antía lles espertaba e alimentaba o amor polos libros e a lectura, como -a través dela- chegaron a Mitos e lendas da vella Grecia de Anisia Miranda ou a Memorias dun neno labrego, como chegaron a representar o Espantallo amigo do mesmo, Neira Vilas. A continuación, houbo unha actuación musical do dúo Black, especializados en soul que puxeron música a un poema de Celso Emilio Ferreiro e outros, que recitaron e mantiveron a alma en vilo ao redor de Antía e a súa escola Rosalía de Castro. Un dos seus discípulos, José Pintado, contou como era o día a día desta escola que estaba fóra do tempo da Ditadura, aplicando novas metodoloxías e afectos, como vivían en familia, coñecían de verdade o medio, razoaban e avanzaban como nun barco alleo ao mundo gris que a rodeaba. Tocoulle, a continuación, a vez ao investigador e voz de do documental Rescatada de Antón Beiras, Xurxo Martínez.

Un día frío en Lugo, pero cheo de emoción polo que escoitabamos e o que nos rodeaba. Unha exposición dos libros da súa autoría, imaxes creadas ao redor de Antía e artesanías. No exterior, descubríronse as placas da Casa do Médico que foran retiradas para a restauración, así coñecemos que foran os emigrantes en América os que enviaron os cartos para construíla e que os veciños de Muras tiveran un médico nos tempos nos que non se sabía qué era a seguridade social. Así coma outros crearon escolas para coidar o espírito, estas puxeron os cimentos para que un médico coidara os corpos dos veciños, que máis se pode pedir?

Mostróusenos a placa que se vai colocar na biblioteca: A palabra xusta.

Rematamos colocando unha placa na casa de Antía Cal e percorrendo os escenarios da película que tamén leva ese nome A palabra xusta (a que cada rapaz e rapaza debían buscar na súa cabeza cada final de xornada e que dalgunha maneira sintetizara o que alí tivera lugar).

Que hai mellor que homenaxear á xente que nos fai máis grandes? Que mellor que facelo no lugar de onde eles e elas se senten? O concello de Muras ten que sentir orgullo de Antía Cal, tal como sentimos as galegas e galegos de ben. Dalgunha maneira hai que compensar o que non se lle dou en vida: os recoñecementos que tanto merecía!

Xa sabedes, cando pasedes por Muras, buscádea!!!!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES