Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un cambiador inclusivo para Lugo

martes, 04 de abril de 2023
Dentro dos actos previos ás eleccións tivo lugar, no salón do Colexio Oficial de Médicos, un encontro promovido por catorce asociacións relacionadas co ámbito da diversidade funcional ou discapacidade con cinco representantes de partidos políticos. Ademais de dar lectura a un documento cun listado de propostas e prioridades nas que seguir traballando cara unha cidade máis inclusiva, a novidade estivo na intervención vía online de Eriz Delgado, quen presentou a Asociación para a Coordinación de Cambiadores Inclusivos (ACCI). Esta asociación, sen ánimo de lucro, nace en Bilbao no ano 2018 tomando como referencia o movemento Changing Places do Reino Unido, presente en varios países.

Respectar a dignidade das persoas implica recoñecer as súas individualidades. Quizais nunca se pensou na realidade das que teñen que optar por non tomar líquidos antes das saídas ou non asistir a eventos ante a dúbida de contar cun baño adecuado. Persoas con grandes necesidades de apoio na súa hixiene que non dispoñen de espazos adaptados para cambiarse xa que os baños accesibles estándar non ofrecen as ferramentas básicas para un aseo fácil e digno.

«Cambiadores Inclusivos» é un concepto innovador de baño que nace para dar resposta a un problema non resolto na nosa sociedade, ao tempo que ten en conta a diversidade das persoas. Son sanitarios deseñados para persoas con problemas de incontinencia derivados da idade avanzada ou diferentes discapacidades. Non están pensados para o uso de persoas autónomas e non podemos confundilos cos baños accesibles que tampouco abondan, unha das grandes dificultades das persoas con diversidade funcional á hora de viaxar ou participar en distintas actividades de ocio. O cambiador inclusivo vai máis alá na liña de que se existen cambiadores para nenos por que non para persoas adultas que tamén necesitan cambiarse. Son indispensables para un número máis elevado do que se poida pensar.
Un cambiador inclusivo para Lugo
Para ser considerados Cambiadores Inclusivos teñen que ter un certificado e cumprir uns principios que os diferencien dos actuais baños adaptados. Trátase de dispor dun ambiente seguro e limpo, co equipamento apropiado e coordinado mediante un sistema de xestión que tamén serve para crear emprego de calidade para persoas en risco de exclusión social ou en situación de difícil acceso. Sería un espazo duns doce metros cadrados con inodoro, lavabo, ducha, guindastre, padiola... combinados para cubrir as necesidades de asistencia na hixiene. A súa localización estaría en lugares estratéxicos e representativos como no centro da cidade, centros comerciais, de ocio, cultura, deporte, saúde, transporte, espazos naturais, etcétera, nos que poder levar a cabo dignamente accións derivadas dun cambio de cueiro, compresa... Tamén se trata de coidar aos que coidan proporcionando as axudas necesarias para facilitar a tarefa.

Na presentación chamou especialmente a atención un gráfico comparativo de datos. A modo de exemplo, o Reino Unido ten 1569 cambiadores inclusivos rexistrados fronte aos 2 de España, aínda sen rexistrar. É de destacar que Galicia está a dar ese primeiro paso coa instalación provisional dun cambiador en Pontevedra, na praza de Galicia. Para os que levamos toda unha vida loitando sempre arredor das mesmas reivindicacións motiva coñecer iniciativas que vaian máis alá de superar uns mínimos de inclusión. Precisamos de infraestruturas máis avanzadas que dean servizo ás necesidades non cubertas da cidadanía, introducindo o concepto en leis e normativas de accesibilidade tendentes a reducir desigualdades. Para que cambiarse non mingüe a calidade de vida dalgunhas persoas e se eviten situacións pouco dignas no chan, nos asentos ou maleteiros dos coches..., reivindicamos ese Cambiador Inclusivo para Lugo que, de seguro, pode abrir un mundo de posibilidades.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES