Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sinxelamente, don Paco

lunes, 03 de abril de 2023
A celebración do Día das Letras Galegas fixo proliferar a biografía como xénero literario a través do que coñecemos a vida e milagres dos autores e autoras homenaxeadas co gallo desta festa. Son traballos de calidade moi heteroxénea e procedencia diversa. Nalgúns casos, trátase simplemente de encargas editoriais para saír do paso, noutros temos a posibilidade de gozar de auténticas pezas historiográficas que nos permiten coñecer ao personaxe e a súa circunstancia.

Entre estas últimas figura a obra Francisco Fernández del Riego: un loitador pola idea de Galicia, publicada pola editorial Galaxia, que a súa autora Malores Villanueva presentou a semana pasada en Santiago de Compostela. Ninguén mellor ca ela para falarnos de don Paco. Primeiro, porque no ano 2015 defendeu na USC a súa tese de doutoramento sobre o tema A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963, dirixida polo profesor e académico Henrique Monteagudo. Para o estudo desta etapa histórica da editorial, a autora revisou toda a documentación dispoñible sobre as tres persoas chave na fundación e desenvolvemento deste proxecto cultural, político e económico que da nome a toda unha xeración de intelectuais: Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Paco del Riego.

En segundo lugar, Malores tivo a sensibilidade e a constancia de se achegar a don Paco a través da conversa persoal durante anos, o que lle permitiu coñecer de primeira man o que se conta nas biografías oficiais e tamén o que se cala ou aínda non está contado. Temas como a ruptura coa editorial Galaxia de Carlos Casares, que non publicou nin a súa novela O cego de Pumardedón (Ir Indo, 1992), nin o seu Dicionario de escritores en lingua galega (Ed. do Castro, 1990); o seu exilio a partir de entón na Fundación Penzol; ou as "amizades perigosas" que afastaron a don Paco da ortodoxia galaxiana.

Eu agardo que tanto Malores, como outras voces sobranceiras do galeguismo, vaian enchendo estes silencios e escriban algún día as crónicas non autorizadas e máis heterodoxas dun home como don Paco del Riego, un loitador, abofé, pola idea de Galicia.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES