Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

María Kodama, musa de Borges e amiga de Galicia

jueves, 30 de marzo de 2023
Con María Kodama non só faleceu a viúva de Borges que consagrou a súa vida primeiro á súa persoa e logo ao seu legado, senón unha intelectual de gran sabedoría e sensibilidade literarias que ademais foi amiga de Galicia.

"Por la que usted será: por la que acaso no entenderé. Por todas estas cosas dispares, que son tal vez, como presentía Spinoza, meras figuraciones de una sola cosa infinita, le dedico a usted este libro, María Kodama." Esta dedicatoria do poemario "Historia de la noche" é a primeira que Borges lle destinou a María Kodama, nome que se convertería na súa obra nun nume ou nun mantra a partir de entón, como revela a dedicatoria do serodio poemario "La cifra": "Como todos los actos del universo, la dedicatoria de un libro es un acto mágico. También cabría definirla como el modo más María Kodama, musa de Borges e amiga de Galiciagrato y más sensible de pronunciar un nombre. Yo pronuncio ahora su nombre, María Kodama. Cuántas mañanas, cuántos mares, cuántos jardines del Oriente y del Occidente, cuánto Virgilio."

Foi para Borges, en efecto, María Kodama compañeira na vida, pois con ela conviviu, viaxou e casou, e colaboradora na obra, pois con ela traduciu "Breve Antología Anglosajona" e compuxo o seu multiforme e universal "Atlas". Pero ademais, ela foi a fonte de inspiración dos máis diversos versos, como os do poema "El bastón de laca", e prosas, como as do conto "Ulrica", xoias literarias moi emblemáticas do universal e universalista creador arxentino. "De usted es este libro, María Kodama", insistirá e xustificará Borges con detalle aínda na dedicatoria do seu último poemario, "Los conjurados". Diríase, como escribiu en verso Adina Ioana Vladu do seu orixinario tronco transilvano, que a estudante que sendo aínda adolescente coñeceu a Borges xa maduro, creceu arredor del "anel tras anel tras anel".

En consecuencia, no proteico "Atlas" compartido, Borges invocou a María Kodama dun xeito que me gustaría que incluíse teleoloxicamente a todas as persoas lectoras do autor de "Historia de la eternidad", cuxa obra é unha cósmica metonimia de todas as literaturas de todos os mundos e de todos os tempos: "María Kodama y yo hemos compartido con alegría y con asombro el hallazgo de sonidos, de idiomas, de crepúsculos, de ciudades, de jardines y de personas, siempre distintas y únicas". Porque todo é único coa persoa única que é cada persoa, como foi para min acompañar a María Kodama tanto na Arxentina como en Galicia.

En efecto, en Bos Aires, María Kodama tivo a xentileza de presentar o meu primeiro libro sobre Borges, o titulado "Borges dende o labirinto galego", facéndome sentir como un dantista a quen lle presentase a obra, non o propio Dante, senón a mesma Beatriz. Ou máis ben, en tal caso concreto, facéndome sentir como se a miña obra a presentase a mesma feminista Ulrica, ou, máis fantástica e concretamente aínda, a propia María Kodama que inspirou a esta. O texto que leu o 17 de maio de 2008, Día das Letras Galegas, na Casa da Cultura de Bos Aires (antigo edificio do diario "La Prensa", situado na Avenida de Maio), foi inmediatamente publicado como "De Borges y de Galicia" no número monográfico dedicado a Borges por "Moenia. Revista Lucense de Lingüística & Literatura", cuxa área literaria eu mesmo dirixo na Universidade de Santiago de Compostela.

Anos despois, na mesma cidade, "Evohé. Revista Cultural do Campus de Lugo", dirixida entón pola polifacética Cristina Fiaño, dedicaría outro intercultural monográfico ao "Borges caleidoscópico", no que se aludiu así mesmo a María Kodama na entrevista borgesiana que me fixo o poeta e periodista Héctor Acebo. A aínda na mesma provincia de Lugo, a Casa Museo Álvaro Cunqueiro publicaría máis tarde o meu estudo comparatista "Borges e Cunqueiro, creadores de labirintos", onde tamén comparece o texto titulado "El laberinto" no "Atlas" de viaxes confeccionado polo labiríntico demiúrgo con María Kodama.

Mais o labor de María Kodama non se acabou co home Borges, senón que se estendeu por todo o mundo a través da Fundación Internacional Jorge Luis Borges, que por suposto presidiu en Bos Aires, e na que tiven a honra de que nos acollese a Carmen Blanco e a min antes de abrirse ao público. Mostrounos alí, dun xeito tan próximo como personalizado, a biblioteca de Babel de Borges, o arquivo do Congreso do Mundo de Borges, a esfera armilar do Aleph de Borges, o tigre de porcelana turquesa dos Tigres Azuis de Borges, ata a austera cama do Outro, o Mesmo, que foi Borges... Lembrando infinidade de anécdotas felices e tamén de tristes tribulacións, con nós riu e con nós chorou, fíxonos interesantes proposicións intelectuais e aceptou interculturais proxectos galegos, e eternizou aqueles momentos inesquecibles facéndonos numerosas fotos e posando en moitas outras con nós por todos os recantos daquel inesgotable labirinto cósmico.

José Ángel Valente, que tratou algo e admirou moito a Borges, como estudei nun artigo presente nos meus libros "Borges y todo" e "Valente infinito", escribiulle: "Usted, Borges, es un artífice mayor de la prosa y del verso en lengua nuestra. Pero, además, ha sido y es usted artífice mayor en la creación de su persona, de sus personas o sus máscaras". Por isto ninguén podía ter máis creto, para falar dese Borges integral, que María Kodama, escritora e tradutora como Borges e Valente e encarnación da sensibilidade intelixente e intelixencia sensible de Oriente e de Occidente. Así o demostrou cando en 2011 disertou na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nun encontro organizado polo xestor cultural e polímata biosófico Marcos Lorenzo no que tiven a honra de presentala e así mesmo de presentarlla persoalmente á hispanista María Kodama, musa de Borges e amiga de Galiciachinesa Zhou Wei, quen escribiría sobre Borges en China na citada revista "Evohé". Puiden comprobar alí, en efecto, que a alquimia borgesiana funcionaba repetindo a fórmula máxica: "Yo pronuncio ahora su nombre, María Kodama", xa que o resto é só literatura, como dixo Verlaine, por certo, segundo Borges, con excelente literatura.

Logo, Carmen Blanco e máis eu tivemos a honra de guiar e de rexistrar fotograficamente a María Kodama por lugares emblemáticos de Galicia polos que manifestou especial interese, como a Catedral de Santiago, onde quixo ver funcionar o botafumeiro; o Casco Vello de Compostela, cuxas entrerrúas a fascinaron; o Parque da Ferradura, onde se sentiu feliz como un fento de Olga Novo; as rosalianas ourelas do río Sar, onde adorou a Colexiata; o Paseo Marítimo de A Coruña, que lle encantou; o Atlántico reflexado nas galerías de cristal, que lle motivaron o inmediato desexo de mercar alí un apartamento para pasar parte do ano; a baía dende a Torre de Hércules, faro onde departiu con turistas de Arxentina emocionados por encontrala en Galicia; o memorial "Xermolos de Paz e Liberdade", onde quixo que lle lese en galego e traducise ao castelán o meu poema "Paz para sempre", alí inscrito, e co que concordou palabra por palabra como pacifista arxentina precisamente filla dun xaponés pacifista que a educou no pacifismo que ela mesma tanto transmitiría a Borges...

Gustou da tortilla de patacas ao estilo de Betanzos e do polbo preparado á feira, dedicounos libros compartidos con Borges, escolleu como regalo noso uns pinchos metálicos para aperitivos con forma de botafumeiro para lembrarse permanentemente de Galicia e de nós na Arxentina e regalounos dúas vieiras coa catedral compostelá inscrita para que renacésemos con ela cada día de Venus. Mais tamén se emocionou mentres escoitaba recitar a Borges viaxando no noso coche entre Compostela e A Coruña en gravacións que non volvera ouvir dende a morte do escritor. Moito do moito que nos contou foi gozosamente relatado por min no escrito "Borges y los regalos del universo", publicado na revista "Jot Down Cultural Magazine" e recollido no meu libro "Borges y todo", que editou en Madrid Del Centro Editores: https://www.jotdown.es/2012/11/borges-y-los-regalos-del-universo/

Rica en vida e culturas, María Kodama enriqueceu a obra de Borges compartindo con el as raíces do Occidente europeo, pois non en van traduciu a "Edda Menor" de Snorri Sturluson dende o islandés antigo, e tamén aproximándoo ao seu Oriente orixinario, pois con ela visitou o Xapón que inspirou os "17 haikus" de "La cifra" e con ela estudou árabe ata a fin dos seus días. Inversamente, Borges arrastrou a María Kodama a traducir do alemán e a prologar xuntos "Cien dísticos del Viajero querubínico de Ángelus Silesius", unha aventura na que o poeta arxentino retomou a lingua que aprendera autodidacticamente en Xenebra para ler a Shopenhauer e a Nietzsche e para logo pasar tantas noites cheas "de Hölderlin y de Angelus Silesius", como escribiu no seu poema "Al idioma alemán". María Kodama recordou con moito gozo esta aventura tradutora cando lle descubrín a curiosa talla de anxos con anteollos no retablo barroco da igrexa compostelá de Santa María Salomé, que tamén fascinara a outros poetas aos que llo amosei, como José Ángel Valente e Tera Blanco de Saracho, quen o alude na súa borgesiana "Fantasía aleph".

Nos nosos encontros arxentinos e nas nosas excursións galegas con María Kodama ensarilláronse as mil e unha historias borgesianas coas que nos obsequiou, tan minimalista como caudalosa, esta Scheherezade austral, haiku e saga como Xapón e Islandia, pero tamén ecuménica e viaxeira como Bos Aires e Santiago de Compostela. Ela sabíase "nómade na viaxe, pero tamén no pensamento, pois o instinto libertario só necesita da viaxe interior", tal como postulou a ensaísta María Lopo no seu lúcido e policéntrico ensaio sobre o lugar publicado en "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas". Descanse pois María Kodama agora en Borges, ou sexa, no universo exterior e así mesmo no interior, que é todo canto hai.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES