Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tempo para amar

martes, 28 de marzo de 2023
Dicía Séneca que non é que teñamos pouco tempo, senón que o aproveitamos mal. Non podo estar máis en desacordo con esta declaración de principios. Se aprendemos a arte do bo vivir, do que nos falou Aristóteles nas súas obras éticas, a vida do home é un suspiro. A medida que imos cumprindo anos e miramos cara atrás decatámonos da fugacidade extrema da vida. "Á miña idade -díxome un día o Dr. Fernández Albor, cando xa era centenario- o Nadal chega cada tres meses".

Só doulle a razón a Séneca en que perdemos un tempo valiosísimo en actividades tan estúpidas como, poño por caso, os debates interminables sobre a aprobación da acta da sesión anterior. Vivín reunións tan kafkianas que o tempo empregado en acordar o que dixen ou deixei de dicir na última xuntanza podía durar máis que o resto do conclave.

Esta semana comprobei a través da moción de censura de Vox que tamén os políticos son mestres na perda de tempo. Só o sentido común dun Tamames nonaxenario foi quen de preguntar con sincera inocencia a Pedro Sánchez, despois de que terminase a lectura de "un tocho de 20 folios que lle pasaron por correo electrónico", e de escoitar o discurso de hora e media da "presidenta segunda": "Por que temos que falar tanto?" O vello profesor foi tan educado que non quixo engadir: "para non dicir nada", aínda que o pensou, como todo o mundo.

Sempre me fixo reflexionar a maxistral composición que José Ángel Espinosa "Ferrusquilla" (cantante, compositor e actor da época de ouro do cinema mexicano) titulou "O tempo que che quede libre", aínda que a letra renxa as orellas do século XXI. Ferrusquilla suplicaba un minuto de amor. Foi tal a súa fe no amor que compuxo "Échame a mi a culpa". Iso é amor: unha das poucas cousas que, a diferenza do tempo, debemos gastar a mans cheas neste mundo.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES