Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Documento da paz para o 2009 (I)

miércoles, 31 de diciembre de 2008
Á beira do Camiño: Documento da paz para o 2009 (I)

(A coordinadora de crentes galegos Irimia (Redes cristiás de Galicia) ven de publicar o comunicado que ofrecemos dividido en dúas partes (I e II).

Agora que sabemos… queremos e podemos


(Decrecemento, austeridade compartida, esperanza global)
Estoupou a burbulla. Non era certo que da suma dos egoísmos e das avaricias individuais resultase o progreso xeral e indefinido. Tampouco desta volta era certo. Os “capitáns cobiza”, os novos super/heroes das finanzas, cos seus contratos blindados, os seus paracaídas de ouro e os seus incentivos por colocar no mercado participacións en créditos tóxicos e outras ousadías irresponsables, culminaron esta desfeita. Unha desfeita deseñada por economistas de dereita e por políticos engaiolados polo mercado total e absoluto. A bebedela inmobiliaria, o diñeiro fácil. Abundancia inxusta e antiecolóxica, con pés de barro. E aló, no fondo, a relixión neo/liberal, co seu paraíso de usar e tirar, resultando ser unha estafa perigosa.

Acordamos, así, outra volta da alucinación, do crecemento ilimitado. Espertamos da ilusión, nada inocente, do “aquí e agora”, do “todo e xa”, do “quérelo?, pois cólleo!”, alistados, á forza, na tropa máis privilexiada, inconsciente e consentida do planeta: a do crédito instantáneo, a do antollo constante, a da adolescencia perpetua.

Un sistema baseado na depredación ilimitada de recursos limitados é suicida. E, ademais, convulso. E por un momento, entre convulsión e convulsión, podemos recobrar a lucidez do elemental, da realidade real: a da escaseza dos bens, a da limitación da enerxía, a do planeta ferido, a do reparto sempre adiado.

Agora sabemos, ademais, que o consumo per cápita de televisións de plasma e móbiles de última xeración non é un indicador de felicidade, porque nos enche moito máis o estarmos cos amigos e o falarmos cara a cara, de balde e de vagar, sen deberlle nada ao Capital. Sabemos que o Nadal non está nos grandes almacéns, senón no encontro e na mesa compartida e nos corazóns renovados. Somos case conscientes -dispensando a propaganda- de que a nosa ratio de consumo de vehículos de alta gama non nos fai diferentes e superiores, senón, se acaso, máis vulnerables que os senegaleses que inician en patera a procura do seu novo mundo. E temos a poderosa impresión de que non existen as guerras preventivas, que a invasión de información encobre a mentira interesada e que o armamento de última xeración no traerá a paz ás xeracións últimas.

As comunidades cristiás de base de Galicia queremos, no limiar de 2009, recuperar a mirada radical e esperanzada de Xesús de Nazaré. De Xesús o encuberto, o inédito, o manipulado. Queremos recuperar a súa angueira histórica e tanxible e brindala como fonte de inspiración e utopía para todos e todas, gratis, para piadosos e descridas, para os que se teñen por emancipados e os que están en camiño, para os que disque van e para os que xa volven, para as que aínda empurran a historia e para os que xa se resignaron.

Xesús é chamada a un camiño de austeridade, natural e sen anuncios, mentres nas pousadas de Belén e de todo o mundo non haxa sitio en igualdade para todos e todas. A súa aposta inmanipulable fala da solidariedade radical, da que brota espontánea do corazón humanizado pola compaixón, a que iguala a confesantes de calquera confesión, con tal que vistan ao espido, acollan a forasteira, compartan mesa co famento, acompañen ao préso, coiden á enferma. É a oferta dun camiño de encontro e xustificación íntima, de sentido e felicidade en tempos de crise planetaria, unha aposta simple, radical, obxectiva, e non condicionada nin reservada a adscricións eclesiásticas, partidistas ou ideolóxicas. O que cómpre é facer homes e mulleres novas, unha sociedade que poña no centro da súa atención á persoa espida, inmigrante, famenta, présa ou doente, calquera que sexa a causa última pola que se fai, con tal que sexa unha aposta honesta. Esa é a clave do encontro en igualdade e gratuidade, por máis que os crentes ao xeito de Xesús vexamos nese excluído o rostro mesmo, doído e esperanzado, do Deus Liberador, do que toma partido por todos desde as vítimas.

E, Xesús, o traballador de Nazaret, o que nace simbolicamente nos cortellos e chabolas, o mesmo que é acollido e celebrado por marxinados e perseguido por tiranos, é chamada á imaxinación creativa, resistente e profética. Fronte á compracencia branda e enganosa do consumismo para todos, Xesús apunta a unha felicidade na austeridade elixida e compartida, na non violencia activa, na construción da paz, na limpeza de corazón, na loita pola xustiza. O seu estar no mundo é, así, chamada a un cambio de mirada, de sensibilidade e de rumbo. A lei, toda lei, o sistema, todo sistema, ten que estar ao servizo do home. E da muller. Por iso gozamos tanto debullando espigas en sábado. (Continuará).

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES