Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As guerras da fame africanas

viernes, 31 de marzo de 2023
A agresión militar contra Ucraína tamén é agresión contra Europa, contra a democracia, contra o seu estado social. O benestar do pobo ruso, acostumado ao silencio, importa pouco ao autócrata. Menos aínda importan os estómagos africanos. Ou de cómo alimentar a fame cambiando trigo, millo e xirasol, por mentiras.

Tamén se ataca a Europa provocando exilios masivos pola fame. Pero hai outras guerras máis aló da provocada por este nostálxico de imperialismos pasados. Tax Justice Network alerta de que África perde cada ano 86.300 millóns de euros en fluxos financeiros ilícitos. Ou o mundo rico comportándose con África como un Robin Hood equivocado. Trátase da depredación polo mundo desenvolvido dos recursos que África precisa para financiar o desenvolvemento.

Así que os ministros africanos de Facendas e Finanzas, esixen no órgano da gobernanza mundial, a ONU, medidas contra o segredo financeiro. Contra a opacidade que permite extraer o diñeiro africano, muxindo aínda máis un continente saqueado tantas veces de seres humanos. Séculos esquilmando os recursos: minerais, petróleo, gas, ouro, diamantes, madeiras nobles, peixe, café, cacao.

África é grande e diversa: 1.206 millóns de habitantes, cantidade que dobrará na metade do século. Por iso vai necesitar todos os recursos naturais e financeiros para o desenvolvemento. Se pasan das mans europeas ás chinas e rusas non estraña que os máis novos, preparados e arriscados escapen cara á veciña Europa. Nin o muro de auga do Mediterráneo, nin os valados de arames, nin o auxe da ultradereita xenófoba impedirán o paso.

Resulta paradóxico que mentres países africanos fan esforzos pola decencia e a transparencia fiscal, outros como Suiza e EE.UU seguen nos primeiros lugares do ránking da ocultación e a trampa fiscal. Os diñeiros son así de turbios cando circulan por lugares opacos.

A proposta da OCDE de aplicar un imposto mínimo do 15% aos estrondosos beneficios das multinacionais vólvese pospoñer ata 2024. Os poderes económicos son así de potentes, de intocables. Máis fortes que os democráticos gobernos da xente. Ese 15% de impostos deberían proporcionar 144.000 millóns de euros imprescindibles para manter o estado de benestar.

Agora, os suculentos negocios na absurda guerra de Ucraína, armas, alimentos, petróleo, gas, electrecidade volven quedar, máis aló das poutas de Putin, en poucas mans. Polos sumidoiros dos países ricos esvara unha corrente caudalosa e turbulenta de diñeiro cada ano. De África cara ao mundo rico. Diñeiro invisible. Mentres as cámaras de televisión só mostran unhas ducias de miles de africanos, acosados e desquiciados, escapando da terra esquilmada. Fuxindo das guerras que disparan misís de fame deste tan lonxe.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES