Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 24 de marzo de 2023
Unha anomalía

Creo que levo dous días sen respirar. E o caso é que non afogo. A ver, síntome un pouco inchado e véxome algo así coma vermellón. Nada máis. Sigo coa miña vida de sempre, coa miña rutina diaria... lectura, escritura, películas, vicios; onte caeu unha sementeira de patacas e un pouco de fochicar pola horta, pero nada do outro mundo. Ó mellor igual foi o po do Nitramón o que me obstruíu a gorxa e as fosas nasais. Non o sei. Só sei que levo dous días sen respirar.
Pingas de OrballoHoxe andei en médicos e doutores, mais non conseguiron atoparme nada. Mesmo me auscultaron ben auscultado -porque lles soltei o pensamento da voaxa do mineral- e nada atoparon. Miráronme con estrañeza; parecíalles imposible que, incluso ó falar, non botase o aire. Eu ben que o notaba e eles, ó final, tamén o comprobaron: poñéndome espellos diante do nariz e lapas de chisqueiro. Nada, non respiraba.
Apreciei que os médicos e doutores quedaban preocupados. Eu máis contento que unhas pascuas. Porque me notaba pletórico e, iso si, por unha vez e ante o mundo, sentíame distinto. Conseguía chamar a atención.
Vou camiño xa do terceiro día e sigo sen respirar. Algo máis inchado, si, pero feliz. Cada vez máis vermellón, si, pero con ganas de seguir. Non creo que vaia inchar ata estourar, nin tampouco que me volva roxo por completo. Sei que teño unha anomalía, pero o tempo pasa, todo cambia e a vida segue. Sen afogar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES