Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quebracabezas da ciencia

viernes, 24 de marzo de 2023
Afirmar que a ciencia non ten respostas para algunhas preguntas que se formula o ser humano é unha trivialidade. Pero aínda que ofrecer exemplos é fácil, dar razóns é difícil, por discutibles. Neste artigo pretendo apuntar un pouco, se me desculpan o descoido da sistemática expositiva, do que fun anotando dalgunhas lecturas ocasionais. Evidentemente, a ciencia non chega a todos os lugares: Basta pensar o moito que progresou a Medicina e as necesidades que non ten cubertas.

Empecemos pensando que esta mesa sobre a que estou escribindo ten unha estrutura dun número elevadísimo de partículas con propiedades que non posúe ela en canto tal, tan estrañas que nos permite preguntarnos como se unifica o máis grande co máis pequeno, unha ignorancia da que a ciencia aínda non nos librou; e nin tan sequera sabemos se chegará a facelo, é dicir, se o noso cerebro será capaz de instrumentalizar as necesarias capacidades cognitivas para iso.

Partir da complexidade da realidade a coñecer e das experimentadas limitacións do noso coñecemento é necesario, pero non suficiente para fundamentar o alcance das nosas posibilidades cognitivas, que sorprenden. Creo que isto é algo que se nos pasa bastante desapercibido, porque o noso cerebro permite complementarse mediante a creación de instrumentos auxiliares para estender o coñecemento. Poño exemplos. O cerebro humano, ao través da historia do Homo Sapiens, logrou superar certas limitacións, ás que fai referencia o filósofo belga Maarten Boudry, investigador do Departamento de Filosofía e Ciencias Morais, da Universidade de Gante: Detectáronse a luz ultravioleta, as ondas de ultrasón, raios X, as ondas gravitacionais, etc.

Evidentemente, todo isto axúdanos a superar as nosas limitacións e sitúanos noutra perspectiva de preguntas diferente das que nos facemos habitualmente, posto que agora é máis pertinente preguntarse ata onde poderá chegar o cerebro facilitando a creación de complementos cognitivos que nos permitan superar as limitacións psico-biolóxicas, incluso con instrumental técnico, como microscopios, contadores Geiger, etc. Non obstante, debemos evitar caer no error de pensar que así a nosa propia natureza queda libre do peche das súas capacidades cognitivas da realidade. Por suposto que non, porque a abertura á creación de complementos e instrumentos técnicos adecuados a certas funcións, permítelle estender ese coñecemento da realidade, burlando a complexidade da mesma ata un límite indefinido; pero sen alterar os peches psico-biolóxicos, que nos seguen afectando. Seguramente procede investigar as "argucias" cerebrais para burlar os atrancos.

O filósofo belga tamén se fai eco dunha sospeita de Colin McGinn, quen opina que algúns enigmas filosóficos , como o problema da mente -corpo, é dicir, a forma en que os procesos físicos dan lugar á conciencia, resultan imposibles de resolver, porque as súas verdadeiras solucións son inaccesibles a mente humana. Pero... cómo sabe iso?. ¿Non ocorrerá que os nosos antepasados non tiñan necesidade de posuír eses coñecementos para entender o cosmos máis amplamente co fin de propagar os seus xenes, como opina o psicólogo Steven Pinker?.

Velaquí as dificultades que encerra, e as viravoltas que implica, situarse correctamente nunha perspectiva correcta para abordar as limitacións que experimenta o ser humano no seu coñecemento da realidade. Porque... ¿debemos entender as limitacións do home/da muller para dar resposta a esas preguntas "misteriosas" como algo que se presenta naturalmente insuperable, ou ben como algo pendente de que se cheguen a crear complementos que permitan que tales limitacións sexan transcendidas?. Ah...!. Pero aínda nos queda outra posición que se debe a Richard Feynman, intelixente físico norteamericano, que axudou ao desenrolo da bomba atómica e confesou que non entendía as súas propias teorías, é dicir, a mecánica cuántica, que ninguén a entende, pois... ¿quen entende que as partículas podan estar en dous lugares á vez?. Non obstante, estas rarezas cuánticas confirmáronse en varios ensaios experimentais, e os científicos foron capaces de aplicar as correspondentes teorías.

Pero non nos limitemos a considerar exclusivamente eses complementos cognitivos como materialmente técnicos, xa que contamos tamén coas Matemáticas, que sabido é que nos permiten representar conceptos nos que non poderíamos pensar só sen este auxilio de carácter formal e intelectual; e sumemos a isto a nosa capacidade de crear cultura, estendendo os nosos coñecementos aos semellantes. Todo isto leva a algúns investigadores a abrigar a esperanza de que é posible que chegaremos a comprender como o cerebro da lugar á conciencia, ao sentido e á intencionalidade. Polo tanto, encerrarse en que NUNCA seremos capaces de coñecer isto ou aquilo pode converterse nunha postura excesivamente pretensiosa, alardeando de prudentes.

Segundo parece, tamén os políticos se ocupan desta temática. Así o confirmou Donald Rumsfeld, ex-Secretario de Defensa de EE.UU., que distinguiu entre a IGNORANCIA COÑECIDA, na que están as cousas que SABEMOS QUE NON SABEMOS, e a IGNORANCIA DESCOÑECIDA, na que están as cousas que NON SABEMOS QUE NON SABEMOS, sobre as que nin tan sequera é posible formular pregunta algunha. A este respecto, Boudry, sobre estas incógnitas descoñecidas, di que nada se pode afirmar sobre elas; pero non debería darse por sentado dende o principio que algunhas sempre serán descoñecidas, porque isto desencadea arrogancia.

En todo caso, o cerebro do ser humano é unha marabilla indiscutible, pois segue subtraéndose a unha explicación científica suficientemente convincente da súa orixe e ao proceso que xerou as capacidades cognitivas correspondentes nese ser, porque non parece moito o que se sabe da súa evolución, aínda que o que habitualmente se di que se foi adaptando adecuadamente para dar resposta as necesidades vitais. Pero como a resposta está relativizada polos medios, cando estes son moi heteroxéneos e complexos, hai que pensar que non bastan os impulsos xenéticos con respostas que desencadean unha mesma conduta. Consecuentemente, e polo que respecta ao ser humano, é mester unha dotación de varias condutas dispoñibles. E isto levaríanos a facer unha exposición con apoio na paleontoloxía, na psicoloxía evolucionista, e nas ciencias que atinxen ao coñecemento, e ata na mesma "primatoloxía". Pero a coordinación de todas estas fontes élles un verdadeiro quebracabezas, sen contar os que encerran os principios epistemolóxicos que están aí para garantir os resultados da funcionalidade estrutural do mesmo coñecemento científico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES