A finais dos anos 40 meu avó Pepe de Santalla foi facer a mili a Zamora. Alí coñeceu a Feliz que ía ser a súa dona para sempre. Despois Feliz cambiou Zamora por Monterroso e empezou unha vida leda de traballos que sen dúbida fixo a casa Santalla máis grande. Era unha muller cun sorriso que o dicía todo. Por iso a palabra que a define para sempre é a de amabilidade. Proba disto é que, unha vez xubilada, dedicou os seus mellores anos á Asociación da Terceira

Idade de Monterroso. Daquela etapa recórdanse as viaxes que organizaba e como coidaba da xente á vez que a animaba a saír da casa e gozar da merecida xubilación.
O seu sempre foi a relación co entorno e a cultura. Por iso, mentres ela puido e quixo non houbo mellor líder para esa asociación. Sempre foi unha muller extremadamente desprendida e iso constitúe a principal ensinanza que lle deixou aos fillos e aos netos, que vimos nela como se pode ser feliz facendo feliz ao entorno. Quizais non haxa outro xeito de felicidade ou quizais este sexa o máis digno. En todo caso esta claro que a nosa avoa Feliz fixo honra ao seu nome a través dunha vida de traballo á que lle escribiu un epílogo de solidariedade na súa última etapa.
Que isto o diga un neto quizais estea rodeado de subxectividade pero resulta que o concello de Monterroso vén de recoñecer a unha serie de mulleres que sen dúbida influíron no desenvolvemento do pobo. Un recoñecemento xusto e necesario. Entre estas mulleres atópase Feliz porque, sen dúbida, puxo alicerces de benestar para facer un Monterroso máis feliz. Neste sentido, como neto, recordo con admiración a xubilación da miña avoa. Non porque ela a merecera (que a merecía) senón por como soubo gozar dela dándose totalmente ao seu pobo e preocupándose porque a súa situación chegara na última etapa da vida alí onde a vida non lle permitiu chegar. Persoalmente se algo lle pido ao futuro é chegar a este xeito de xubilación.
Unha muller que soubo vivir, ensinou a vivir e deu oportunidades de ledicia. Por iso cabe desexar que todas e todos atopemos unha Feliz que nos equipe de ilusións na derradeira etapa da vida.