Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manifesto ecopoético de Claudio Rodríguez Fer

Rodríguez Fer, Claudio - martes, 21 de marzo de 2023
Manifesto ecopoético de Claudio Rodríguez Fer no Día Mundial da Poesía 21 de marzo 2023, 19:00
en Santiago de Compostela, desde o balcón do Teatro Principal (Rúa Nova, 22)

Saúde e poesía a todo o mundo e a toda flora e fauna que o habita:
fentos felices, cereais e poetas, gatos da rúa e gatas da lúa,
traballadores na terra, no mar e na noosfera, peixes, vieiras,
liques, tigres de tenrura, irmandades do sangue e da clorofila,
fungos, todas as árbores e as aves do mundo en harmonía...
Porque quen non está coa vida está coa morte.

A poesía chega plena de amores e cargada de clamores,
forxada contra a intranscendente banalización da cultura,
contra o insostible consumismo irresponsable,
contra a falsaria superficialidade demagóxica,
contra a irreflexiva e insolidaria frivolidade acrítica,
contra o anticlímax ecocida que provoca cambio climático,
quentamento global e efecto invernadoiro no planeta,
contra a guerra que liquida individuos e especies
verdes e de todas as cores do arco iris,
contra o sistema social, económico, político e cultural dominante
que depredou a natureza e degradou o medio ambiente,
desprezando e excluíndo a diversidade cultural de marxes,
de indíxenas, de clases, de peles, de sexos e de xéneros,
e privilexiando unha produción capitalista explotadora e inxusta
ata facelo hexemónico mediante a xerárquica e homoxeneizante
globalización mundial,

contra isto e pola paz natural da biodiversidade en equilibrio
precisamos dun pensamento radicalmente ecolóxico
que nos lembre a interconexión da humanidade
cos demais seres animais, vexetais e minerais
da Terra e acaso do Universo infinito,
sen centros, sen periferias e sen fronteiras,
porque a existencia é sempre coexistencia
en permanente resistencia como o maquis,
e a supervivencia precisa máis que nunca
dunha poética vital que fusione poesía e acción,
xa que, en realidade, contra a parálise,

POESÍA É ACCIÓN
A poesía nunca está nas palabras.
A poesía non está nestas palabras,
senón nos actos que provocan.
Por isto este poema é un acto radical
ou non é nada.
A poesía é dicir, resoltamente,
que a poesía nunca está nas palabras,
senón no que se fai cando se escribe,
senón no que ti fagas cando a leas.
Non existe a poesía,
senón probas de poesía.
A poesía é acción ou non é nada.

Palabra, acto e pensamento,
palabra totalmente integral
que só se produce en liberdade e pola liberdade,
como se crían ceibes sardiñas e anduriñas,
porque poesía é conxuntamente
pensamento, acto e palabra,
materia de onte, de hoxe e de mañá,
como a natureza e a utopía,
sempre proteicas contra o artificio e contra a distopía
e a favor das liberdades que dan vida.

Liberdades para dicir e vivir o que non se pode dicir e vivir doutro xeito,
porque senón a poesía non tería razón de ser
e porque ademais a poesía non ten equivalente
e por tanto non ten prezo,
como o existir de cada individuo vexetal ou animal.
Igual que ocorre co verdadeiro amor,
a poesía nin se compra, nin se vende.
Como o león e como a cebra, a poesía non é unha mascota,
vivindo por vivir, como un leopardo ou como unha cadela
chea de vida insurrecta por moito máis de mil anos.

A poesía respírase ata o fondo.
A poesía vaga errante, imparable, irredutible
coma os cabalos e como as eguas salvaxes.
porque o mundo se dispuxo sen límites
para que nos amásemos nómades.
A poesía vívese
e ademais só en liberdade.

Dicía Lorca que todo artista,
e particularmente se é poeta,
resulta sempre anarquista.
Sexamos, pois, poetas
e liberemos a Terra, contido e continente
con todos os seus seres, dos poderes opresores.
Clímax poético fronte a inferno climático.
Liberación coa xenerosidade do amor
contra a usura do desamor
xa que non hai máis amor que as probas de amor.
E porque así todos os poderes do planeta
desocuparán os seus últimos dominios
definitivamente liberados polo amor vital.
Depuremos a natureza dos poderes
e dos seus ávidos intereses mercantilistas
se queremos que viva,
porque a natureza,
como a poesía,
é esencialmente anarquista.

Isto é o ADN do amor
e tamén da poesía,
e por tanto da vida
que só se dá na natureza:
potencialidade infinita.
Dalo e recibilo todo
sen renunciar a nada.

Saúde e poesía para todo canto hai.
A loita continúa.

Festival de Poesía Alguén que respira!:
A obra e a vida de Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) atravesan todos os ámbitos da cultura galega desde hai décadas, sexa como creador, activista ou estudoso de distintas manifestacións. Autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. na poesía, cultivou a temática erótica, ecolóxica e libertaria dende o seu primeiro libro, Poemas de amor sen morte, ata o último, ADN do infinito, pasando por Tigres de ternura (Premio da Crítica española) e a compilación inicial Vulva, na que figuraron tamén Historia da lúa, A boca violeta e Cebra. A apertura á diversidade intercultural apareceu coa mesma radicalidade experimental en Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Viaxes a ti e Unha tempada no paraíso (con introdución de Olga Novo), así como no cancioneiro vital A muller sinfonía. A súa triloxía poética memorialista, centrada na resistencia antifascista en Galicia, está formada por Lugo blues, A loita continúa e Ámote vermella, mostras do seu irredutible compromiso coa memoria histórica (polo que recibiu o Premio galicia Mártir). Reuniu a súa lírica en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, así como a súa poesía cinegramática en Cinepoemas (con edición gráfica de Cristina Fiaño) e a visual e obxectual en Corpoética (con presentacións de Lily litvak, Olga Novo, Manuel Fernández e Antonio Gamoneda), sempre en sintonía remoderna e antiposmoderna co surrealismo e demais vangardas históricas.

Traducido a numerosos idiomas ou coordinador con Carmen Blanco de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, que contou coa colaboración de numerosas voces desde Galicia pero tamén desde fóra dela (Chomsky, Valente, Goytisolo, Gamoneda, Brossa, Litvak), Rodríguez Fer é autor de numerosos ensaios, como Poesía galega (Premio Losada Diéguez de Investigación) e de libros e edicións sobre Dostoievski, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Valente e escritores en galego, como Castelao, Dieste, Pimentel, Fole, Ángel Johán ou Carballo Calero.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES