Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A voltas co cambio climático

viernes, 17 de marzo de 2023
Velaquí un desafío planetario para o que non serven fronteiras. Sucédense os Cumios do Clima en salas climatizadas. Na COP27 en Exipto, ningún acordo sobre o punto máis relevante: a redución do uso dos combustibles fósiles. O fracaso dos líderes nos seus cumios condena ao planeta aos seus abismos.

A teimuda realidade colócanos diante dunha emerxencia mundial que demanda gobernanza global. Iso, ou enfrontarnos en poucas décadas ao fin do ecosistema humano. A sementeira de malas noticias anestesia contra o medo. Os científicos advirten de que os gases con efecto invernadoiro teñen causado o quentamento observado desde a mitade do XX. Connosco ou sen nós, o planeta seguirá xirando. Daquela, libre do 'virus' máis letal, o humano. Que envelena a atmósfera, sementa de plástico os océanos e depreda con cobiza os recursos. O que tolea o clima é a deforestación e a queima de xigantescas masas forestais, pulmóns do planeta. O que inflúe no cambio climático son os combustibles fósiles. Desde a 1ª Revolución Industrial no XVIII, as emisións de gases medraron ata acadar a maior concentración en millóns de anos na delgada capa da vida que é a atmósfera.

Grazas ao coñecemento dos científicos e ao activismo sensato temos conciencia do perigo que ameaza. Pero aínda falta solidaridade global. Cambiar de modelo esixe sacrificios e non botes de tomate contra Os xirasoles de Van Gogh.

Xa somos 8.000 millóns dunha soa especie consumindo e expulsando da mesa ao resto dos veciños. Os paradigmas de consumo exacerbado teñen creado diminutos arquipélagos de benestar nun vasto océano de mundos invivibles que degradan os ecosistemas, acurralan as especies vivas e rexeitan aos que viven o cambio climático á intemperie.

O quentamento global é real e non ten que ver cos ciclos naturais. Resulta da actividade dunha única especie, a nosa, entre oito millóns de especies vivas. É a nosa responsabilidade enfrontar esta emerxencia. Os prazos son curtos e as medidas urxentes. Iso, ou unha especie de Armageddon que abocaría ao fin da civilización.

Os Acordos de París de 2015 foron torpedeados polo excesivo Trump e a pasividade doutros grandes contaminadores, China, UE, India, Rusia. Só a acción global da familia humana pode frear un proceso inexorable. Ignorado polos que loitan contra o cambio climático con ar acondicionado e termostatos. Ou climatizando os estadios no Mundial de fútbol de Catar, que cimenta a riqueza sobre o gas, o traballo esclavo e o desprezo dos derechos humanos.

Mentres os medios adormecen a opinión pública cun catálogo de catástrofes, inundacións bíblicas, devastadores incendios, ondadas de calor, furacáns xigantes, aquí seguimos. Como burros na noria negacionista ou despreocupada. A voltas co cambio climático.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES