Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sacerdotes? Para que comunidades? Para que igrexa? Para que mundo? (7)

jueves, 16 de marzo de 2023
22.- NESTA SEGUNDA PARTE IMOS MIRAR MÁIS CARA AO INSTITUCIONAL. Teño que dicir que esta preocupación que agora vou relatar, volveu renacer con forza en min xa hai anos ao ler dous artigos. La religión de mercado, de Eric Toussaint. El secuestro de Jesús por parte de la Igrexa, do P. Díaz Alegría. Vou reproducir en citas literais un fragmento de ámbalas dúas.

1ª.- A RELIXIÓN DO MERCADO.
"Case todos os dirixentes políticos, xa sexan da esquerda tradicional ou da dereita máis acérrima, sexan do Sur ou do Norte, confesan unha verdadeira devoción polo mercado, e en particular polos mercados financeiros. En realidade habería que dicir que eles montaron unha verdadeira relixión do mercado. Vexamos como nolo expresa Eric Toussaint: "Cada día, en todas as casas do mundo que teñen televisión ou internet, celébrase unha misa dedicada ao deus Mercado durante a difusión da evolución das cotizacións da Bolsa e dos mercados financeiros".
Ollemos e analicemos co autor a realidade actual: "De aquí a algúns séculos, quizais se lerá nos libros de Historia que, a partir dos anos oitenta do século xx, fixo furor certo culto fetichista. Ao pobo dos crentes convídaselle a entrar en comuñón cos deuses Mercados mediante a pantalla de TV ou do computador, o diario, a radio ou a xaneliña do banco. Ata nos recunchos máis recónditos do planeta, grazas á radio ou a televisión, centenares de millóns de seres humanos, a quen se nega o dereito de teren as súas necesidades básicas satisfeitas, son convidados a celebraren aos deuses Mercados. Valería a pena preguntarse: por que a estes operadores se lles outorgou esta dimensión relixiosa?"
Valoración: A igrexa, todas as igrexas, secuestradas polo Mercado. Con Deus dentro, e todo o seu persoal, entre eles eu. Todo vai no ‘lote’! Subrogados automaticamente con obriga de servir e obedecer. Esa é a lei empresarial e do sistema! A quen servimos? De quen somos servos, escravos ou bonecos? Do sistema inxusto, alienante e opresor ou servidores fieis dás persoas e das familias e dos grupos de vida, dos que sofren e dos que teñen dereito a celebraren festa, como fixo Xesús de Nazaré, o Cristo? Isto segue a cuestionarnos seriamente o "regreso ao futuro".

2ª.- "PERO QUEN PENSA NO SECUESTRO DE XESÚS POR PARTE DA IGREXA?
Sigamos ao venerábel xesuíta, o Padre José María Díez-Alegría Gutiérrez. "O secuestro consistiu en quitar do medio a Xesús para pór no seu lugar á Igrexa. Á operación foron contribuíndo, a través da historia, sobre todo, os xerarcas e, en xeral, os «homes de Igrexa». Naturalmente o secuestro realizouse con guante branco. Un pouco coma eses secuestradores (algún houbo), que tratan a corpo de rei ao secuestrado": "O Señor xa está sobre as nubes, nun retiro celeste". E quen conta na terra, é a Igrexa. A Xesús téñeno os «homes de Igrexa». E hai que ir a eles, para poder chegar a Xesús. (Que logo, no fondo, case non é chegar, porque os homes de Igrexa están sempre á espreita para dicirche que eles dominan a túa relación con Xesús, e quítancho, se ti non fas o que a eles lles dea a gana)".
E comenta: "Eu non digo que a acción de secuestrar fose realizada de mala fe. Habería algo de mala fe, quizá larvada, nalgúns. Ou en moitos. E habería noutros, se cadra moitos ou moitísimos, que actúan dunha perfecta boa fe. Pero o secuestro está aí."

23.- SIGAMOS. E OS SEMINARIOS? DE QUEN SON? POR QUE DOUS NA MESMA DIOCESE? QUE ESPIRITUALIDADES VENDEMOS? SON PARA 'OPIO DO POBO'? PREGUNTOU ALGUÉN.
Os formadores todoseles elixidos polos bispos diocesanosson persoas 'equilibradas', escollidos como mestres cabais de vida e esperanza? Ou máis ben, tal vez, hai visos neuróticos e mesmo psicóticos, de tolos ou fanáticos con espírito da seita da quenda que toca?
Por veces case é difícil distinguir e saber se non estaremos nun novo Palmar de Troia. Que distinción hai entre unha seita ou outra? Non vou citar os exemplos concretos en España. Están nos medios.
Que formadores e "directores" espirituais? Que espiritualidade ou espiritualidades proxectan? O Papa Francisco fala máis ben de "acompañantes", nunha entrevista recente.
Pode realmente encher a vida dun home como opción radical de entrega en totalidade, e de por vida, unha tal pirámide xerárquica teocrática, con mandos (bispos e curiais desequilibrados e con tortículis de tanto mirar aos sistemas imperantes, sexan ditaduras militares, señores da guerra, dictablandas, sistemas económicos, adoradores do becerro de ouro? Nese altar e de xeitos ocultos sacrificanse a cotío polos sistemas dominantes a cota que corresponda de mulleres traficadas, nenos roubados, grupos de persoas manipuladas, mandos intermedios segundo o status ou rol que convén a quen lle toque a quenda de explotación, etc.? A as igrexas son coniventes?: "En fin, debemos recoñecer que ás veces, incluso algúns responsábeis eclesiais, son coniventes desta forma de pensar e de actuar, contribuíndo a xerar indiferenza e exclusión". As acusacións están aí.
Vale iso unha vida? Que deus masacrador está detrás pedindo eses sacrificios?Que teoloxía sectaria e ritualista de alienación de masas se está a invocar?
Onde fica a dor, o sufrimento das persoas no mundo e nas nosas freguesías? Son e somos comunidades e fraternidades de iguais para o anuncio gozoso da Boa Nova? Ou somos instrumentos ritualistas adormentadores de masas "segundo o libro", igual para todos: O eterno "comasemprismo". "Aquí, sempre se fixo así". E se non se fixo, agora faise. Porque, quen agora manda aquí, son eu.

HAI QUE VIVIR! QUE PARA ISO ME FIXEN CURA! O REFUXIO NO CULTUAL E NO CREMATÍSTICO?
Estamos volvendo a un "funcionalismo funerario" case exclusivo e agora controlado totalmente polos negocios pingües das organizacións multinacionais, que operan nas contornas da morte, e tanatorios. ('Decesos', en linguaxe culta). O gran valor fundamental é o crematístico. Son empresas. E nós estamos a sermos unha peza máis, subrogada, con todas as obrigas desa engrenaxe dominante.
Volver ao "enterrismo". Iso urxe recapacitar en algo importante: Sobre que bases serias, reais e eficaces está asentada a economía actual do sacerdote?
Porque, si é verdade que hai que poder vivir. Pero desde que presupostos e utopías?
"OS SEMINARIOS EN XERAL ESTÁN MAL". "Peor do que confirman e prefiguran os datos "oficiais" e as estatísticas". Estamos ficando sen sacerdotes -sen Eucaristía- e a explicación de tan lamentábel achado non é outra que a falta de vocacións que foron e se di que son "sacerdotais". Precisamente o 7 de novembro do pasado ano 2022 o Papa Francisco encomendou a dous bispos uruguaios -Mons. Trúccoli e Fajardo- a misión de formar unha comisión certamente delicada para a Igrexa en xeral e moito máis para a española, que acolle a sombra dun acrónimo tan reverentemente xerárquico como a CEE". "E volvemos aos séculos anteriores, en latín, con rutinas imperadas, sen humanismos: Inmersos no "misterio".
A teimosía no uso arestora do latín. Latín que xa non estudaron nin entenden. Ou é que volvemos ao máxico e á maxia? Por que?

24.- E PORÉN DETESTAN O USO DA LINGUA PROPIA. É que Deus non entende "o galego" por que non é unha lingua digna de Deus e do seu culto. E estanse denegando inxustamente funerais e incluso sacramentos cando os piden expresamente: que sexan na súa lingua propia, materna e da Comunidade. Que dixeron o Concilio Galego e o Vaticano II a este respecto?
Revestidos de que autoritarismo. De que e para que? Para escondermos que e de quen?
E isto vale para todas as administracións, públicas e privadas. Non podemos arruinar o patrimonio espiritual máis nidio dun pobo, o que temos como herdo máis sagrado secularmente para custodia e transmisión como lingua culta e de calidade que vale para todo. "Só os féridos e duros non nos entenden, non!" Así cantamos no noso Himno Galego que tamén é oficial "e debe ir á misa".
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES