Amodiño
Hoxe andei amodiño. Saín da casa devagar. Non tiña présa. Case sempre ando lixeiro, moi lixeiro, pero hoxe tiña tempo para pasear con calma. Daba gusto andar amodiño ó sol. Este reinaba e reina no principio da tarde. A ver, é un sol de marzo, pero é sol. Quenta se non corre unha pouca brisa. Estes días tivemos brisas tan frías, tan frías que ben se vía que era máis neve que vento. Cunha boa cazadora e un gorro paseinos ben. Mesmo lendo por fóra, ó

frío. Cando quero aguanto coma os heroes.
Viña amodiño polo atallo escoitando o 20 de abril de Celtas Cortos. O tema, cronoloxicamente, non procedía porque hoxe é 3 de marzo. Tampouco queda tanto para o 20 de abril, a maiores de que ese tema vai e cae ben en calquera día do ano. Como andei amodiño, tiven tempo de escoitar algún tema máis antes de chegar ó café. Lembro que un deles era de Morricone e que pertence á banda sonora de Dúas mulas e unha muller. Máis tarde tamén escoitei a Labordeta, así como a Luz Casal cantando Camariñas, acompañada por Luar na Lubre. Agora mesmo acabo de escoitar a un grupo en inglés cun tema frenético. E xa empeza Rod Stewart con Baby Jane. Como se ve, moita variedade. Sempre me gustou a mestura musical. Teño medo que ó escoitar sempre o mesmo ou durante moito tempo ó mesmo autor, me chegue a cansar. Non hai como a mestura, a variedade; desde o rock ata a clásica, pasando polo folk e o tango.
Agora poño o punto final e tamén marcho amodiño porque non teño ningunha présa.
O heroe galego
Levo tres días na busca de Supergal (o Supermán galego) para que me leve ata as alturas e, desde alí, contemplar o panorama, ou sexa, a nosa terra.
Primeiro, nota aclaratoria para distinguir, en algo, ó Supermán de Krypton do Supergal terrícola: Conforme o heroe do cómic usa unha capa, o heroe galaico usa daquelas polainas

que se poñían para rozar os toxos. Segundo Supermán se impulsaba erguendo un dos seus brazos, o noso Supergal ráñase onde lle pica e despega coma un foguete. Ó Supermán sería a capa ou a súa procedencia extraterrestre a que o mantiña no aire e voando. Ó Supergal manteno flotando no aire unhas aspas de mangos de sachos que saen dos seus ombreiros, e de hélice ten tres fouciños que rotan á velocidade dun can de palleiro. Tal hélice está colocada á altura dos riles. O Supermán galáctico ten moito músculo, mentres que ó Supergal galaico lle sae algo de tripa, da que está moi orgulloso.
Non obstante, e a pesar do bandullo, sigo confiando nel. Repito: levo tres días buscándoo. Quero que desde moi arriba me ensine As Encrobas, o encoro de Castrelo de Miño e a Lagoa da Antela, a Chaira de Vide e a Chaira de Penouzos en Baños de Molgas, a lúa polo lado bo e polo escuro, a fraga do Eume e a cascada da Cidadella.
Logo diso, se quere e ten folgos, podemos ir na busca de Supermán. Faime ilusión de que se coñezan. Seguro que o noso bailará unha muiñeira sobre a capa do home de aceiro. Sigo na busca, que xa teño ganas de atopalo.