Cando xa se «apagaron» as consignas das manifestacións multitudinarias, quero dar voz as silenciadas e invisibles de todos os días cun breve resumo do manifesto de CEMUDIS (Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidad). O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, levou a reflexionar sobre o seu papel nos diferentes ámbitos da vida, pero as mulleres con diversidade funcional espertan pouco interese social.
O artigo 6 da Convención das Nacións Unidas recolle que as nenas e mulleres con diversidade funcional están suxeitas a múltiples formas de discriminación, acentuadas nas zonas rurais.

Ao mesmo tempo di que adoptará medidas para asegurar que gocen de todos os dereitos en igualdade de trato e condicións. Con todo, a realidade é ben distinta xa que os nosos dereitos fundamentais vense vulnerados de forma directa ou indirecta por parte doutras persoas, organizacións, empresas ou administracións públicas. A pesar dos avances conseguidos nos últimos tempos temos que enfrontarnos a situacións de violencia e desigualdade con múltiples caras como a explotación, o maltrato e o abuso. Representamos un grupo sobre o que pesan prexuízos no ámbito familiar, escolar, laboral e social. O concepto de violencia de xénero é difícil de delimitar e os nosos datos poucas veces aparecen nas estatísticas.
A base do cambio cara unha sociedade equitativa, debe vir da man dunha educación en igualdade e diversidade. Por iso, é para garantir as mesmas oportunidades, é necesaria unha proposta metodolóxica con perspectiva de xénero e cos recursos adecuados ás características de cada persoa. A recente lei LOMLOE aposta por unha educación inclusiva, pero aínda queda moito por facer para que as nenas estean incluídas realmente no sistema educativo e poidan acceder despois ao mundo do traballo en condicións dignas e igualitarias, e afastarse así das peores cifras en todas as variables relacionadas co emprego.
En materia de accesibilidade non podemos esquecer as barreiras, sobre todo, á hora de acceder a transportes, servizos ou atención socio sanitaria. É indispensable garantir unha linguaxe inclusiva, accesibilidade universal e deseño para todos, así como contribuír á capacitación de equipos de profesionais da saúde que faciliten a prevención e/ou detección para non quedar expostas a calquera tipo de violencia.
Para conseguir un mundo verdadeiramente xusto hai que seguir sementando «sororidade», loitar contra as inxustizas e cambiar a realidade na que vivimos. O colectivo de mulleres con diversidade funcional é invisible en moitos aspectos e, demasiadas veces, somos as grandes ausentes no marco de debate das mulleres. Por iso reivindicamos ante os poderes públicos e a sociedade en xeral ese cambio real que fomente os valores de autonomía e independencia persoal. O noso lema está a ser: Todos os dereitos, para todas as mulleres.
Remato cunha frase de Rosa de Luxemburgo: "Por un mundo donde seamos socialmente iguales, humanamente diferentes y totalmente libres".