Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Julia Iglesias Arias

miércoles, 15 de marzo de 2023
O 4 de marzo de 2023, o Orfeón Lucense, Coro da Catedral de Lugo, dirixido polo seu titular Marco M. Fernández Mosquera cantou por Julia na igrexa lucense da Milagrosa co mesmo sentimento que Julia cantou para nós, connosco, para vós; para todos os que expresamos sentimentos que só sabemos transmitir cantando.

Julia, contralto, foi unha das nosas voces máis veteranas e entrañables. O paso do tempo vai incorporando voces novas a unha labor cantora común, e ese mesmo tempo, a veteranía que se traduce en experiencia e saber, que proporciona sutilezas e recursos cando a potencia se aminora, é a época dourada na que quen canta disfruta máis do saber facer; da inmorrente paixón por cantar.

Cando en 2007 celebramos os primeiros 25 anos da refundación do Orfeón Lucense por don José Castiñeira Pardo, entregamos cadansúa placa de homenaxe aos cantores que durante eses vintecinco anos formaron parte do Orfeón; formaron parte de nós. Falando onte con Eduardo e José Antonio os fillos de Julia e Antonio, lembramos aquel acto fermoso no que Julia e outros varios compañeiros e compañeiras recibían aquel merecido recoñecemento polo entusiasmo, o traballo, a perseverancia ao servizo da catedral, de Lugo, da música, e deste Orfeón que agora cumpre 42 anos nesta etapa, e 143 desde que no século XIX o fundara Xoán Montes.

Nos primeiros 25 anos desta nova etapa, vividos connosco por Julia, sabemos que tivemos máis de mil actuacións públicas nas que que ela interviu na inmensa maioría, sendo imposible levar a conta de ensaios e ilusións; de actuacións e sacrificios; de satisfaccións e de entrega, porque para formar parte dunha agrupación coral tanto tempo e tan intensamente, requírese un gran esforzo e entrega, capacidades e estudio; unha dedicación abnegada… pero tamén comprensión e axuda nas familias, colaboración e sacrificio por saber que este oficio de cantar non só depende da voz, da saúde, do coñecemento e da técnica… Como en todo nesta vida, require agarimo e sintonía; amor, en fin, por parte de todas as nosas unidades familiares.

O 4 de marzo cantamos a Julia, por Julia, agradecéndolle todo o traballo, o agarimo e a ledicia que trouxo o Orfeón… e cantámoslle á súa familia aquí presente, a Antonio que hai tempo nos deixou, para darlles as grazas por haber compartido connosco (e co coro de San Francisco Javier, no que tamén participou) tanto tempo, tan intensamente, un anaco tan importante da vida de Julia.

E rematamos cun canto de Lowell Mason que Julia, sen dúbida cantou connosco no alén, mirando a Deus cara a cara: "Mais preto de ti, Señor".

(Xulio Xiz é Presidente do Orfeón Lucense. Palabras na misa de despedida de Julia Iglesias Arias, veterana compoñente do Orfeón)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES