Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vida era iso

Agís Villaverde, Marcelino - miércoles, 08 de marzo de 2023
Lémbroo sempre ao meu carón desde que tiña uso de razón. Foi un deses zurdos contrariados aos que de pequeno atáronlle a man esquerda para que aprendese a escribir coa dereita. Non sei se, en parte por esta razón, non progresaba adecuadamente na escola, senón que ía máis lento que os demais. Cando a xente lle preguntaba cantos anos tiña non sempre se acordaba e repetía: "pregúntalle ao meu primo Marcelino".

Eu creo que, máis que primo, foi un irmán para min. O mellor compañeiro de xogos, o mesmo ao que se lle meteu na cabeza dedicarse ao atletismo cando todos xogabamos ao fútbol, ou, como moito, ao tenis, con raquetas de madeira que fabricabamos con táboas.

Botámonos noiva ao mesmo tempo antes de cumprir os 11 anos, no pobo claro, e mesmo chegamos a bailar con elas nalgunha verbena. Tamén iamos xuntos ás festas das parroquias veciñas cruzando sen GPS o Monte Castrove no coche de San Fernando. Só un día, que eu lembre, foise sen min a unha festa de Dorrón e, ao regresar, tirou estrada adiante para Sanxenxo, en lugar de retornar cara a Poio, ata que atopou a unha alma caritativa que lle mostrou o camiño.

Estudou a especialidade de metal nun Centro público de Formación profesional de Pontevedra e sacou o seu título, mentres eu estudaba o bacharelato, o COU e o demais. El fixo a mili por terra, no corpo de escaladores e esquiadores de montaña nos Perineos, e eu fixen hora e media de mili na Mariña, o tempo que tardou o inspector médico en declararme inútil. Pero nada diso nos separou porque as nosas almas tiñan complicidades moito máis profundas.

Só agora, cando o vexo loitando a brazo partido pola súa vida, decátome de que a metade da miña alma está nesa mesma unidade de coidados intensivos. Está a escalar en solitario unha das súas últimas cúspides e algo esmorece dentro de min porque non podo facer nada. Non é xusto!
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES