Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De re varia

lunes, 06 de marzo de 2023
Seminario
A Lugo

Nacín e mamei en Moldes,
pero en Lugo desteteime
ó entrar no Seminario
cando tiña doce anos.

Con diversos altibaixos,
a desteta foi dorida:
durante o día sufrindo
e pola noite chorando.

E xa sen dentes de leite
-e con moita disciplina-
encomecei a roer
cos duros dentes da vida.

A roer Grego e Latín,
Historia e Xeografía,
Relixión e Castelán.
O Galego… nin pensalo.

Tamén un pouco Francés
e algunhas nocións de Hebreo.
Filosofía escolástica.
Teoloxía tomista.

O silencio era sagrado.
Soamente se falaba
nos moi escasos recreos,
con Deus e a Virxe María.

Tamén falabamos algo
con César e Cicerón,
con Virxilio e con Ovidio,
con Horacio e con Platón.

Ler a prensa, oír a radio…
tiña un estrito castigo.
Falar galego entre nós
tiña multa pecuniaria.

Recordo os gratos paseos
dos domingos pola tarde,
recorrendo a muralla
ou marchando ata Nadela.

Recordo que varios xoves
iamos tamén á Tolda,
a Ombreiro, á Fervedoira,
incluso ó campo de tiro.

Se no ceo había nubes,
-ameazando tormenta-
entón iamos ó Parque
de Rosalía de Castro.

Pero sempre que chovía
quedabamos sen saír:
algúns xogando ó pimpón,
mentres outros, ó frontón.

Recordo a Semana Santa
e a Festa do Corpus Christi.
Sobre todo as procesións,
tan solemnes e vistosas.

Recordo que os cinco bispos,
unidos con sete alcaldes,
evocaban en silencio
que Galicia foi un Reino.

Recordo o frío do inverno,
frieiras en mans e pés,
disciplina tridentina,
e a densa néboa do Miño.

Esta néboa tan chorosa
ascendía dende a Tolda
ata a cerna da cidade,
ata os osos dos lucenses.

Recordo as meditacións,
que daban os xesuítas
coa ameaza do inferno
pra toda a eternidade.

Pra atacar as tentacións
mailos malos pensamentos,
poñiamos o cilicio
polos venres da Cuaresma.

Todo isto sucedía
a mediados dos cincuenta,
cando nas nosas aldeas
non había un só aseo.

Así e todo, hai que dicir
-con talante agradecido-
que este Seminario foi
salvación pra moita xente.

De faltar o Seminario,
moitos nenos das aldeas
seguirían nos seus pobos,
agarrados ó arado.

E, a pesar das súas fallas,
nunca agradecerei ben
todo o ben que me fixeron
no severo Seminario.

Por iso, loados sexan
este centro educativo,
San Froilán, mailo seu lobo,
e a Virxe dos Ollos Grandes.
Silva, Manuel
Silva, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES