Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Paco, Robert Burns e Don Plácido

jueves, 02 de marzo de 2023
Houbo unha moi longa relación entre Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e Plácido Castro. Cimentada nunha compartida militancia galeguista desenvolvida en anos de tantas esperanzas arredor da reivindicación do autogoberno para Galicia, acabou desembocando mesmo nunha complicidade persoal e familiar que elevaron espiritualmente o nivel daquela lealdade mutuamente profesada ao país.

Nos anos corenta, con Plácido vivindo en Vigo o seu desterro, ambos os dous compartiron moitos momentos e proxectos, especialmente lúdicos no entorno de Coruxo e na compaña dos Álvarez Blázquez e outros. Aínda baixo os efectos da represión franquista, as afinidades e solidariedades axudaron a todos a atravesar aquel escuro período.

Despois, cando Plácido se trasladou a Londres para exercer na BBC, o contacto con don Paco foi igualmente intenso a través da correspondencia mantida para elaborar os programas en lingua galega, nos que Plácido inventariaba tamén as novidades bibliográficas que chegaban dende Galicia e das que del Riego daba escrupulosa fe.

Ao seu regreso, xa asentado en Cambados, nas súas visitas a Vigo había tempo para retomar os encontros en faladoiros varios; e igualmente don Paco sería un dos asiduos nalgunhas celebracións culturais que tiñan o Salnés como referente, principiando polas festas do Albariño.

Cando eu andaba a preparar a biografía de Plácido para a colección de Galegos na Historia, don Paco, na Penzol, sinaloume trazos importantes daquel home grande e de carácter introvertido, apaixonado e culto, cunha vida tronzada trala guerra civil e a partires de entón abondosa en reveses de todo tipo. Non faltou cando o concello de Cambados dedicoulle unha rúa no municipio ao que tan ligado estivo.

Na andaina que iniciamos no século XXI para recuperar a figura de Plácido contouse sempre coa achega entusiasta de don Paco, que tanto concorría disciplinadamente para conmemorar o seu centenario como para significar o papel que tivo na participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas.

Del Riego e Plácido Castro son dúas figuras salientables dunha mesma época e con influencias mutuas labradas nesa longa relación. Non falta mesmo quen observe na gabanza feita por Plácido das "Burns Nicht", a propósito do recoñecemento en Escocia do moi admirado poeta Robert Burns, que arrancan do século XVIII, un fundamento que puido servir de guía e inspiración a don Paco para alentar entre nós a institución do propio Día das Letras Galegas a principios dos anos sesenta asociándoo aquí coa figura de Rosalía de Castro. Ambos os dous poetas compartían tanto a defensa dunha lingua entón pouco prestixiada como tamén o senso social da súa misión lírica.

Xa nun artigo publicado no Pueblo Gallego o 11 de marzo de 1927, Plácido, botando man tamén de Burns, suxire a creación dun Día de Rosalía, ilustrando as moitas posibilidades dunha iniciativa semellante entre nós. Tamén apunta a importancia de adquirir a súa casa natal ou a referencia do exemplo escocés para celebrar esa día, o auténtico de Galicia, con forte raíz popular.

Os procesos en Galicia maduran lentamente pero se perseveras, as cousas chegan.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES