Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tomás Barreira Suárez (1883-1961), un xesuíta na defensa da Galiza (1)

jueves, 23 de febrero de 2023
Na páxina 153 das "Noticias" da Provincia xesuítica de León de outubro-decembro de 1961 hai unha breve noticia necrolóxica que leva como título "In memoriam. Necrología del P. Barreira" sobre o pasamento deste xesuíta lucense no que se poñen de relevo as súas apreciábeis virtudes de tipo relixioso e pastoral, mais no que non se alude de xeito ningún á considerábel atención que el lle dedicara á dignificación dunha Galicia habitual e rutineiramente considerada como entidade máis ou menos inculta ou estraña.
Aludirei seguidamente, en primeiro lugar e a xeito de introdución, ás informacións que se poden ler neste apunte necrolóxico como preámbulo das que logo exporei sobre a súa persoa e a súa actividade, tamén (de momento sen máis concreción) de signo "galeguista". Falecería Tomás Barreira na enfermería xesuítica de Salamanca na tarde do 5 de novembro de 1961 despois de tres meses sen se poder erguer debido a unha "dura e dolorosa esclerose". Fora trasladado a esta enfermería no mes de marzo dese mesmo ano. Sobre estes case oito meses da súa estancia en Salamanca indícase ó final da nota necrolóxica: "Poco y difícil ha sido el tiempo que ha pasado aquí en Salamanca con nosotros, pero también nos ha dejado ese testimonio de bondad, sacrificio y simpatía tan suyo".

Reproduzo seguidamente a parte central desta nota necrolóxica, dado o escaso coñecemento que destas informacións se adoita ter en xeral alén dos círculos internos da propia institución xesuítica. Velaquí o que nela se di:
"49 años de trabajo incansable en nuestras Residencias o en pueblos, como misionero popular.
En sus primeros años de su vida religiosa le encontramos por tierras americanas, por Colombia y Cuba. Ya en 1923, trasladado a León, estabiliza sus ministerios en nuestras Residencias... León, Orense, Salamanca, Palencia, Carrión, Gijón, La Guardia, Vigo y por fin Coruña han sido testigos de la presencia de este hombre que pasó haciendo el bien y a quien 'el trabajo le rendía, pero él no se rendía al trabajo', según escribe un Padre que convivió bastantes años con él.
11 años ha pasado en la parroquia del Sagrado Corazón de Vigo.
Hombre de una disponibilidad admirable. Era disponibilidad heroica que se adapta a este o al otro ministerio de la parroquia, que lleva con simpatía la catequesis y cuida de sus parroquianos enfermos. Era esta una de sus ocupaciones preferidas, de las que con más amor y asiduidad practicaba. Estaba pronto el Padre a dar su cariño al que lo necesitase. Varios años le encontramos de visitador de las cárceles.
Su celo era admirable. Nada le arredraba cuando se trataba de administrar los últimos sacramentos, ni el frío ni el calor, ni la noche ni el día.
'En su vida privada, escribe un Padre que le trató, debió ser muy sacrificado, pues recuerdo haberle oído decir una vez con toda naturalidad que en una ocasión en que tenía que predicar en un pueblo, como perdiese en Santiago el coche de línea, se echó la maleta al hombro y se fue hasta allá andando. No me extrañaría nada que en su vida de misionero hubiera habido muchos rasgos como este'. Hasta aquí el Padre. Sabemos además que el Padre Barreira no usó cama para dormir hasta los 3 últimos años de su vida en que la Obediencia se lo impuso.
Con estas grandes virtudes jesuíticas de trabajo, celo, caridad, disponibilidad, austeridad poseía el Padre una conversación amena e interesante. Un trato cordial y simpático que se ganó el cariño de sus fieles tanto jóvenes como mayores. Mucho sintieron los vigueses que se marchase a La Coruña y su muerte la recibieron con expresiones de sincero sentimiento".


De modo que importantes virtudes humanas e tamén "divinas" semellan ter tomado asento na vida e comportamento deste sobranceiro lucense: bondade e espírito de traballo, dispoñibilidade ("heroica") para calquera acción boa cos demais e poucas condescendencias ou branduras consigo mesmo; amigo especial, xa que logo, de enfermos, presos, pobres ou necesitados. Todo isto é o que doadamente se desprende do texto mesmo desta crónica necrolóxica.
Unha vez dito isto, cómpre aludir xa a algúns datos biográficos máis relevantes de Tomás Barreira para enmarcar así en certa medida o seu modo concreto de proceder nas circunstancias que lle tocou vivir.
Segundo a información existente no "Archivo de España de la Compañía de Jesús en Alcalá de Henares (AESIA)", o propio Tomás Barreira deixou constancia na súa declaración manuscrita (en latín) ó entrar no Noviciado da Compañía de Xesús en Carrión de los Condes (Palencia) o 13 de xaneiro de 1912 de informacións coma estas: Nace o 21 de novembro de 1883 na parroquia de Santa María de Bascuas (pertencente ó concello de Lugo e a poucos quilómetros de distancia desta cidade). Os seus pais, Rosendo e María del Pilar, eran de profesión agricultores. Incluído o propio Tomás, eran na familia un total de once irmáns (nove varóns e dúas mulleres). Comenta tamén o propio Tomás que ata os quince anos residiu na casa familiar, realizando seguidamente desde o ano 1899 no Seminario de Lugo, como seminarista "externo", toda a súa formación sacerdotal: catro anos de Humanidades, tres de Filosofía e cinco de Teoloxía. Recibiu finalmente a ordenación sacerdotal o 18 de maio de 1910, entrando -case dous anos despois da súa ordenación sacerdotal- na Compañía de Xesús. Debido a todo isto, tiña el xa á súa entrada na Compañía 28 anos, unha idade pouco habitual entre os que ingresaban como novizos na Orde dos xesuítas.
Cómpre de paso indicar aquí que a Tomás lle precedera na súa entrada na Compañía de Xesús outro irmán, case nove anos maior ca el (nacera o 2 de marzo de 1875), de nome Ángel. Como seu irmán Tomás, fixera Ángel a súa carreira sacerdotal no Seminario de Lugo e fora ordenado sacerdote no ano 1899 (é neste mesmo ano cando o seu irmán Tomás comeza pola súa parte os seus estudos no mesmo Seminario de Lugo), actuando seguidamente na súa diocese de Lugo como coadxutor, ecónomo e párroco antes de entrar -igual ca Tomás despois- na Compañía de Xesús en Carrión de los Condes no ano 1909, dez anos polo tanto despois da súa ordenación sacerdotal e cando xa tiña 34 anos (unha idade aínda maior cá que tería Tomás cando entrou na Compañía). Mais -a diferenza de seu irmán- Ángel recibiría axiña destino xesuítico -nada máis rematar os seus dous anos de noviciado- a Colombia, onde continuaría inicialmente coa súa formación xesuítica no Colexio xesuítico de San Bartolomé de Bogotá para exercer posteriormente diversas actividades apostólicas nese país. Así pois, Ángel Barreira, o irmán de Tomás (e a diferenza deste), exercería tralo tempo de noviciado en España toda a súa actividade xesuítica en Colombia, onde falecería no Seminario de Pasto o 30 de novembro de 1925, con só 50 anos de idade (1). De modo que non lle foi posíbel dedicarse á súa terra de orixe, terra que lle prestara vida e desenvolvemento humano.
Volvendo xa a Tomás Barreira, cómpre indicar inicialmente que as súas cualificacións académicas no Seminario de Lugo non deixan de ser ben boas, pois no conxunto dos seus estudos nesta institución (incluídos os seus estudos de Dereito Canónico) acadou 5 "Benemeritus" e 18 "Meritissimus". Na visión que de si mesmo ten Tomás Barreira, a teor da súa anteriormente mencionada declaración escrita en latín a pouco de entrar no Noviciado de Carrión de los Condes, indica que se percibe a si mesmo como dotado de boa "intelixencia", "entendendo ben e con rapidez os temas que estuda", engadindo ademais: "Teño unha propensión natural e voluntaria a todo tipo de estudos". Reflectindo aquí tamén significativamente, ó se referir a este tema, unha situación social e familiar que poderiamos estimar fráxil ou precaria: "Creo que os estudos non prexudicaron a miña saúde, xa que son da opinión de que, aínda que debido ós mesmos padecín algunha vez dores de cabeza, iso habería que atribuílo máis ben á penuria de alimentos ['ciborum penuriae'] ca ó traballo dos estudos"...

No que toca xa directamente á súa vocación relixiosa á Compañía de Xesús, semella ben significativo o seguinte texto que traduzo tamén do latín:
"A miña vocación comezou, tendo arredor dos vinte anos, tan suavemente que apenas eu mesmo a notaba, de modo que eu mesmo cría que endexamais sería relixioso; con todo, desde esa época e sempre medrando moi suavemente ata mediados do ano que acaba de transcorrer chegou a converterse nunha verdadeira e clara vocación de Deus e isto coñecino polas seguintes razóns: 1ª Porque o que é duradeiro, suave, firme e bo vén de Deus; 2ª porque sempre me compraceu en todo a pobreza, ser gobernado pola obediencia e estar ligado á castidade; 3ª porque, así como no mesmo Seminario experimentei que aquela vida ordenada e baixo a disciplina dos Superiores contribuíu non pouco ó ben da alma e do corpo, moito máis espero obter iso no perfectísimo modo de vida que a Compañía de Xesús profesa".

Rematados os dous anos de Noviciado en Carrión de los Condes. Tomás dedicarase seguidamente nesta mesma localidade e durante varios anos máis, segundo os acostumados usos xesuíticos, a estudos clásicos e humanísticos.
Con todo, hai un momento, tras estes anos de estudo e formación nesta localidade castelá, no que semellaría que Tomás vai seguir o mesmo camiño cara a América do seu irmán Ángel. Efectivamente, no catálogo xesuítico do ano 1919 aparece Tomás dando clases de Aritmética e Lingua Española, ó tempo que exerce outras funcións relixiosas e educativas, no colexio xesuítico de Bogotá, onde residía tamén seu irmán xesuíta Ángel (poucos anos tardaría porén este último -tal como xa indiquei- en falecer: no ano 1925).
Tras esta relativamente curta estancia duns tres anos en Colombia, trasladaríase Tomás a Cuba. Será agora no colexio "Nosa Señora de Montserrat" de Cienfuegos onde actuará durante un ano como prefecto de disciplina ó tempo que imparte tamén docencia.
Deste modo remata a relativamente curta xira de Tomás por América, que se correspondería de feito co que na xerga xesuítica se denominan os anos de "maxisterio", entre os anos de estudio de filosofía e os seguintes de teoloxía, por máis que no concreto caso de Tomás este tiña xa cursados no Seminario de Lugo os estudos de teoloxía previos á súa ordenación sacerdotal. Debido a isto, e de regreso definitivo xa a España ó final da súa breve estancia en Cuba, dedicará Tomás só un ano á actualización dos seus previos estudos teolóxicos (no canto de cursar os catro normais dos non sacerdotes) no colexio xesuítico da Nosa Señora de la Antigua na localidade biscaíña de Orduña.
Aquí remata –para dicilo dalgunha maneira- o tempo da formación intelectual e relixiosa ordinaria de Tomás Barreira, por máis que dedicase aínda o ano 1924 a realizar a chamada "Terceira Probación" na barcelonesa Santa Cova de Manresa (2). Pois é xa no ano anterior, é dicir, en 1923, inmediatamente despois da súa volta de Cuba, cando iniciará de verdade o seu propio apostolado relixioso e cultural en diversos ámbitos e lugares, que o ocupará de feito intensamente durante os case corenta anos que lle restan aínda de vida.
Desde a súa volta de América e (se prescindimos da súa curta estancia en Manresa) ata principios dos anos trinta Barreira vivirá case unha década en León (na Residencia xesuítica desta cidade: rúa Conde de Luna, 1), onde segundo os catálogos destes anos se dedicará ós diversos modos de apostolado habituais neste tipo de Residencias, mais tamén a visitar cárceres e hospitais, misións populares etc., sendo ó tempo o encargado –cousa que en boa parte pode considerarse como indiciaria das súas persoais preocupacións intelectuais e culturais- da biblioteca da súa Residencia xesuítica leonesa.
No entanto, os catálogos tornaranse agora mudos respecto das actividades e domicilios concretos dos xesuítas (entre eles naturalmente os de Tomás Barreira), obrigados de feito a viviren "dispersos" en distintos grupos ("Coetus") -ata trece eran os tales "Coetus"- despois do decreto do goberno da República de disolución da Compañía de Xesús e de nacionalización dos seus bens con data do 24 de xaneiro de 1932. Este mutismo dos catálogos respecto dos lugares onde de feito residían os diversos e pequenos grupos de xesuítas abrangue o período que vai desde o Catálogo do ano 1932 ata o do ano 1936 inclusive.
Será, porén, no catálogo de 1937 cando desaparecen por primeira vez os mencionados "grupos" de "dispersos". Consecuentemente, de Tomás Barreira podemos saber xa agora de maneira oficial que reside na Galiza, xunto con algúns outros xesuítas, na Residencia de Ourense, situada na Plazuela del Corregidor, 17, 2º. O seu Superior (exercendo este cargo desde o 30 de outubro de 1934) na cidade ourensá era o asturiano (nado en Celada, concello de Villaviciosa) Indalecio Llera (1866-1947). De feito, xa no ano anterior (1936) aparecían T. Barreira xunto con I. Llera como integrantes dun pequeno grupo ("Coetus" I) formado por ámbolos dous e outros seis máis.
En calquera caso, segundo o catálogo de 1937, Barreira exerce xa o cargo de "Ministro" na Residencia ourensá. Ou sexa, é o encargado oficial do correcto funcionamento das tarefas domésticas externas dos membros desa pequena comunidade, aínda que en dependencia de I. Llera, o seu superior inmediato. Ó tempo aparece Barreira no catálogo deste mesmo ano como dedicado a actividades de tipo pastoral por diversos lugares ("Oper. disc."). A teor do catálogo do ano seguinte (1938) Barreira continúa aínda residindo en Ourense, mentres que o seu anterior superior I. Llera é trasladado á Residencia de Xixón, ocupando agora o seu anterior cargo como Superior da Residencia de Ourense Virgilio Revuelta.
Mais no Catálogo de 1939 non aparece xa Barreira residindo en Ourense, senón en terras alén da Galiza: en Salamanca, na Residencia xesuítica da rúa Serrano, 2. Cómpre indicar de paso xa aquí que non é impensábel que este distanciamento xeográfico de Galicia puidera ter polo menos algo que ver cos problemas que de feito lle viñeron enriba a Barreira debido a unha concreta decisión súa, decidida e crítica, respecto dunha importante instancia eclesiástica, asunto que estaba directamente en relación coa problemática relixiosa e política da Galiza. Máis adiante volverei sobre esta cuestión.
En calquera caso, Barreira continuará en Salamanca, nos anos 1939 e 1940, coa súa intensa actividade relixiosa e pastoral na barriada de "La Prosperidad" e mais coas súas visitas ós cárceres, hospitais etc., angueiras ás que xa se dedicara con anterioridade na súa etapa leonesa.
Porén, e con posterioridade a esta súa estancia salmantina, ou sexa entre os anos 1941 e 1946, vai dedicarse de maneira máis directa e sostida ás actividades específicas das misións populares (o que nos catálogos vén indicado coa abreviatura latina "Mission. discurr.") por moi diversos lugares do territorio xesuítico da denominada provincia xesuítica de León (3). Esta actividade como misioneiro popular realízaa tendo como base (loxística, poderiamos dicir) diversas e sucesivas casas ou residencias xesuíticas como a da cidade de Palencia (no ano 1941), o palentino Seminario Menor de Carrión de los Condes (ano 1942) e, sobre todo posteriormente e durante catro anos, a Residencia xesuítica de Xixón (de 1943 a 1946).
Mais finalmente, e ata practicamente o remate dos seus días, Barreira volverá á Galiza das súas fortes e primarias vivencias humanas e da súa intensa formación sacerdotal prexesuítica, aínda que non a terras lucenses nas que os xesuítas non dispoñen de casas, nin tampouco xa ó Ourense dos seu primeiro reencontro coa Galiza trala súa entrada na Compañía de Xesús, senón a territorio primeiramente pontevedrés e logo, aínda que de xeito máis curto (en certo modo a xeito de despedida da súa terra e case tamén deste mundo), á cidade coruñesa da torre de Hércules. Deste xeito poderá completar Barreira o seu xiro vital galego (e galeguista) desde o seu Lugo natal ata terras coruñesas, non sen antes moverse activamente nas ourensás e pontevedresas (e nestas, de maneira especial, en Vigo).
Así pois, tralo anterior período, especialmente intenso e traballoso, das misións populares (de 1941 a 1946) vai residir agora durante dous anos –case a xeito de acougo temporal- na soidosa e idílica paisaxe onde o río Miño se entrega enteiro ó Océano Atlántico, ós pés do Monte de Santa Trega, máis concretamente no Colexio de San Francisco Javier de A Pasaxe - A Guarda (Pontevedra), hoxe lamentabelmente en ruínas. Gardo ben na miña lembranza esta paisaxe e este colexio porque nel cursei -morriñento rapaz- durante dous anos (1945/46 e 1946/47) os estudos de "Ingreso" e "Primeiro Ano", tal como figura no Catálogo dos Alumnos deses anos. Coincidimos neste colexio, xa que logo, ámbolos dous durante un curso (o de 1946/47), que para el sería o primeiro (dos dous que alí residiría) e para min o segundo e último nese colexio. Nese ano eramos -segundo constato no Catálogo dos Alumnos- entre Ingreso e Primeiro un total de 75 alumnos. Barreira chegara alí próximo xa a cumprir os seus 63 anos e exerceu no colexio -segundo me instrúe o Catálogo xesuítico dese ano- como Ministro, Procurador e confesor dos alumnos. Hoxe, se nos volvésemos ver (o seu porte esvaéceseme agora porén inevitabelmente na lembranza, transcorridos xa máis de setenta anos dende entón), aínda tendo moitos datos sobre el, serían porén seguramente moitos máis os que precisaría aclarar polo miúdo con el...
Hai unha información concreta nas "Litterae Annuae" (desde o 1 de setembro de 1947 ó 31 de agosto de 1948) en relación con esta casa xesuítica da Guarda na que se di (traducindo do latín ó galego) o seguinte en relación con Tomás Barreira: "pronunciou moitos sermóns en diversos lugares e deu algunhas veces Exercicios Espirituais en Tui e na Guarda e estivo encargado desde o mes de febreiro da nosa capela pública" (4).
Agora ben, transcorrido este curso 1947/48, é dicir, tras el rematar os seus dous anos de estancia (1946-47 e 1947/48) no colexio da Guarda, iniciará en Vigo unha nova e diferente actividade apostólica, enmarcada nunha parroquia que só había un ano fora confiada ós xesuítas. Comeza así a súa relativamente longa etapa viguesa de once anos (ata despois do verán do ano 1959).
Trátase da parroquia do "Sagrado Corazón", que tiña entón a súa base ou centro de operacións na rúa Felipe Sánchez, nº 196. En realidade era a rúa Areal (nº 11), á que lle fora subtraído este seu nome tradicional había só poucos anos, tras rematar a guerra civil, para ser renomeada co nome do comandante militar franquista da praza de Vigo, Felipe Sánchez Rodríguez. A parroquia fora administrada (con anterioridade ós xesuítas) polos salesianos, que se encargaron deste labor durante cincuenta e tres anos e llela arrendaron ós xesuítas o 8 de setembro de 1947 (5). Foi así como a parroquia empezou a depender dos xesuítas de Vigo e, máis concretamente, da comunidade xesuítica do coñecido Colexio "Apóstolo Santiago". Foron eles xa que logo os que se encargaron de administrar e de lle dar novo impulso á parroquia: inicialmente os PP. Bernardo Chanes (como párroco), Celso González e Cesáreo Mariño. Mais a estes se lles engadiría xa no ano seguinte o P. Barreira, tras este rematar a súa estancia no colexio da Guarda. A presenza dos xesuítas nesta parroquia viguesa chegaría ó seu final o 3 de outubro de 1959 (e con ela tamén a do P. Barreira), sendo xa dende esta data para adiante atendida por sacerdotes diocesanos (6).
Unha das actividades do P. Barreira, a pouco de chegar a Vigo e tras se incardinar como coadxutor na mencionada parroquia, sería a solícita atención que lles dedicou ás xentes do mar, a teor polo menos da breve referencia que a el se fai no mencionado escrito conmemorativo nestes termos: "Por el año 1950 se revitaliza la cofradía de pescadores [...]. En esta cofradía de pescadores el P. Barreira trabajó y pasó mucho tiempo hablando con los marineros" (7).
Desde os últimos meses de 1959 ata o mes de marzo de 1961, ou sexa, durante ano e medio, estando xa durante este tempo na Residencia xesuítica da Coruña (rúa Fonseca, 8), Barreira irá percibindo o decaer das súas forzas, sendo entón trasladado –tal como se indicaba na necroloxía citada ó comezo deste artigo- a Salamanca onde nos deixaría a comezos do mes de novembro dese mesmo ano. Segundo comentaba o descoñecido autor desa necroloxía, "os vigueses sentiron moito que se marchase á Coruña e a súa morte recibírona con expresións de sincero sentimento".
En realidade, a actividade de Barreira en Vigo (o mesmo cá actividade que con anterioridade desenvolvera en Ourense) non foi só estritamente relixiosa, pastoral ou social, senón tamén cultural ou intelectual en consonancia coas persoais calidades que o capacitaban para iso e o seu persoal interese pola presenza da Igrexa nos debates culturais e políticos do tempo, nada doado, en que lle tocou vivir. Aludirei agora a algo disto, comezando en primeiro lugar coa súa etapa ourensá –conflitiva desde un determinado punto de vista- para volvermos logo de novo a Vigo. Esta súa actividade está directamente en relación coa Galiza e de maneira especial coa súa dignificación, dado que era o país no que nacera e no que demorada e intensamente se inculturara durante a súa mocidade, con anterioridade á súa tardía entrada, xa como sacerdote, na Compañía de Xesús.
Foi seguramente durante a súa estancia na cidade de Ourense cando Barreira contactou cun dos persoeiros máis importantes do galeguismo político do momento, D. Ramón Otero Pedrayo (só pouco máis de catro anos máis novo có xesuíta), pois polo propio Otero Pedrayo sabemos da súa relación con Barreira. O Partido Galeguista fora fundado en decembro de 1931, poucos meses despois, xa que logo, da proclamación da República, e na Galiza comezábase loxicamente a cobrar nova conciencia da necesidade de promover a lingua e a cultura propias a tódolos niveis, social, político, eclesiástico etc. Baseándonos en relativamente recentes investigacións (8) sabemos agora que Otero Pedrayo, en canto recoñecido intelectual católico, intentou no ano 1934 influír e facer presión sobre as autoridades vaticanas en primeiro lugar, e despois tamén sobre o Nuncio (F. Tedeschini) –nada afecto polo demais a galegos ou galeguistas- para que se levasen a cabo no país galego os convenientes cambios en relación coa inculturación da Igrexa no país, dada a clamorosa ausencia nela da mesma (9). No primeiro e extenso escrito, que Otero Pedrayo dirixe no mes de xuño de 1934 ó Cardeal Eugenio Pacelli, dise por exemplo o seguinte:

"Es notorio y hasta proverbial que los naturales de Galicia sobresalen por sus condiciones de inteligencia y sólidas virtudes morales, hasta el punto de ser gallegas las grandes figuras de la Política, Ciencia y Economía de España, y sobre todo cuentan todas las ramas de las actividades superiores con una proporción de gallegos superior a la de hijos de otras tierras de España. Hay una sola excepción, y es que en el orden eclesiástico, de algunos lustros a esta parte, los gallegos están siendo víctimas de postergaciones y desprecios, con evidente quebranto de las sabias normas pontificias relativas al fomento de las vocaciones eclesiásticas indígenas. No es creíble que las inteligencias gallegas despiertas para todas las ramas del saber, se atrofien cuando se trata del estudio del ministerio eclesiástico. Más lógico es buscar la explicación de este hecho en la falta de justicia con que los Superiores eclesiásticos, no gallegos, de España, tratan y juzgan cuanto a los gallegos dice relación, llevados de un espíritu de odio, que desde hace unos siglos los anima, quizá ante la evidente superioridad de los gallegos" (10).

Significativamente e a teor das informacións que nos proporciona J. R. Rodríguez Lago, no informe que remite o político ourensán a Roma recoñécese porén o encomiábel labor de inculturación na realidade galega realizado por algúns relixiosos, entre os que é nomeado explicitamente o noso "Tomás Barreira Suárez" (11). Isto significa polo tanto que Otero Pedrayo coñecía e apreciaba o labor reivindicativo da Galiza do xesuíta lucense.

...Continuará...

NOTAS:
1. Na información xesuítica do seu falecemento figura Ángel Barreira como nado en "Basenas (Lugo)". "Basenas" é obviamente un erro no canto de "Bascuas". É ben sabido que nos Catálogos internos actuais da Compañía de Xesús só figura a localidade natal dos diversos xesuítas recollidos nas súas páxinas cando se fai neles constancia final e oficial do seu pasamento. Con anterioridade a esta lutuosa data os catálogos non queren saber nada do sempre fermoso lugar onde se nace... De modo que -como se ve- as mortes dos xesuítas non deixan de aportar así e todo ós investigadores, aínda que algo serodiamente, importante información sobre as súas vidas. Quero aproveitar esta ocasión para indicar aquí de paso que non sempre foi isto así e coido incluso que sería bo volver ó antigo uso, interrompido polo que me parece (debido a razóns que ignoro) hai arredor de dous séculos. En efecto, é doado comprobar que nos Catálogos impresos referidos á "Hispania" dos anos 1818 a 1820 (ambos inclusive) aparece, por exemplo, aínda indicada na lista final do catálogo a "patria" (ou sexa, o lugar) de nacemento dos distintos xesuítas, mais dende o ano 1827 para acá deixa xa de se indicar tal "patria". Na provincia "Galliae" (Francia) a edición común de 1814-1818 indica tamén o lugar de nacemento, mais nos anos 1820 e 1927 tampouco se fala xa de "patria". E nos catálogos de Rusia indícase tamén aínda "patria" ou "locus" nos anos 1785, 1788, 1790, 1800, 1815 e 1820. Sospeito que debeu de ser máis ou menos entre os anos 1821 e 1826 cando se modificou a normativa en relación coa confección dos catálogos internos da Orde, suprimíndose desde entón a indicación do lugar de nacemento.
2. É no ano seguinte, o 2 de febreiro de 1925, cando Barreira emitirá ademais os chamados "últimos votos" relixiosos.
3. Neste contexto, remito o lector interesado ó meu libro Crónica de un encuentro-desencuentro cultural. Análisis antropológico de las misiones populares jesuíticas en Galicia (Madrid, Universidad Pontificia Comillas, 2015). De feito, na p. 129 desta obra aludo explicitamente ó P. Barreira cando no ano 1942 dá, xunto co tamén xesuíta Gregorio Sánchez Céspedes, unha misión popular en Tomiño (Pontevedra), na comarca do Baixo Miño.
4. Ver Caixa 404 do Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia (no Colexio xesuítico Apóstolo Santiago de Vigo).
5. Ver o folleto conmemorativo 100 años de parroquia. Parroquia Sagrado Corazón de Xesús, p. 7-8.
6. Cf. 100 años de parroquia. Parroquia Sagrado Corazón de Xesús, p. 12-14. Sobre o ofrecemento dos salesianos desta parroquia ós xesuítas e a aceptación por parte destes pode consultarse o texto da conferencia inédita de Evaristo Rivera Vázquez do 18 de abril do ano 2001 co título "En el centenario de la parroquia del Sagrado Corazón (Vigo) 1901-2001" na Caixa 406 do Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia (no Colexio xesuítico Apóstolo Santiago de Vigo).
7. Ver 100 años de parroquia. Parroquia Sagrado Corazón de Xesús, p. 10. Tal como indica Evaristo Rivera Vázquez no seu libro Colegio Apóstol Santiago. Historia de una larga peregrinación (Vigo, Colegio Apóstol Santiago, 1993), a parroquia "estaba en un barrio humilde y marinero" (p. 433).
8. Cf. Rodríguez Lago, José Ramón, La Iglesia católica y la cuestión nacional en la Galicia de la Segunda República. En: Procesos de nacionalización en la España contemporánea, eds. Mariano Esteban de Vega / Mª Dolores de la Calle Velasco (Ed. Universidad de Salamanca, 2010), p. 189-209. Posteriormente, do mesmo autor, tanto Cruzados o herejes. La religión, la Iglesia y los católicos en la Galicia de la guerra civil [Gaxate (San Pedro) - A Lama (Pontevedra), Edicións Nigra Trea, 2010], p. 62-63 como a súa posterior publicación La Iglesia católica en Galicia, 1910-1936. Entre la revolución de Portugal y la cruzada de España (Santiago de Compostela, Andavira Ed., 2012), p. 246-247, 257.
9. Cf. Rodríguez Lago, La Iglesia católica y la cuestión..., 191-192, 196-199.
10. Estes parágrafos do escrito de Otero Pedrayo recólloos de Rodríguez Lago, La Iglesia católica y la cuestión..., 191.
11. Cf. Rodríguez Lago, La Iglesia católica y la cuestión..., 192.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES