Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Etiquetado en Galego, por favor

jueves, 18 de diciembre de 2008
Os nomes dos nosos viños rezan maioritariamente en galego e isto non é de pouco; vén de vello. A fins do século dezanove xa se exportaban a Cuba e Arxentina con esas denominacións. Pero era só o nome. Hoxe a situación está a mudar. Os adegueiros van caíndo na conta de que a utilización da lingua galega na etiqueta e contraetiqueta reforza a imaxe dos seus produtos nos mercados inzados doutras ofertas de procedencia diversa. Facelo así singularízaos, e ademais suliñan a inequívoca denominación de orixe, ofrecendo confianza aos consumidores.

Un coñecido economista referíase recentemente a esa estratexia da singularidade ao afirmar que para a creación dunha marca-país, a individualización do concepto ten que basearse na diferenciación dos valores e das emocións que espertan noutros cidadáns/consumidores. Reforzar a imaxe dunha marca valéndose dos valores identitarios dun país, como son a cultura e a lingua, ten unha enorme relevancia para a súa economía.

Abonda con ollar as vitrinas das nosas cafeterías, bares e grandes superficies, para decatármonos da proliferación de etiquetas en cadansúa lingua. O idioma é un valor engadido na publicidade dun produto que ten unha denominación de orixe concreta e unhas maneiras propias de elaboración. Contrariamente a un xeito de pensar absurdo, en vías de extinción , o descoñecemento do idioma no que están redactadas as etiquetas por parte dos consumidores non é un problema para a comercialización en mercados foráneos. Reparemos nas perfumerías: moitos dos bos perfumes e cosméticos que se ofrecen están etiquetados en francés, inglés ou italiano. Mesmo a publicidade que fan esas marcas a través da televisión van acompañadas de voces que pregoan as súas bondades neses idiomas.

Unha boa parte dos nosos adegueiros, levados polo sentido común, estánse a decatar de que etiquetar os seus envases en galego é un acerto, unha maneira de singularizárense nos mercados cada vez máis inzados de ofertas semellantes. No libro Palabras da Terra, recóllense algunhas das súas afirmacións que xustifican a súa decisión de etiquetaren as súas botellas en lingua galega: Un viño feito en Galicia debe levar o nome na nosa lingua, e todas as alegorías que del se fagan, por prestixio ou reclamo para a súa comercialización, deberán ser en galego. Máis rotunda é estoutra: Un solo e un clima son marcas de identidade que nos personalizan como territorio que permiten o miragre de transmutárense nun produto que nos comunica con outras realidades.

Este proceso crecente de identificación do viño coa nosa lingua pódese demostrar con cifras. Se en 2003 era o 3,41%, hoxe é o 30,68% do total das adegas. A progresión é evidente. Aínda así, esta porcentaxe é relativa, podéndose afirmar que a presenza da lingua galega é superior, está no 70% da produción total do viño comercializado, porque as maiores e prestixiosas adegas, as que máis comercializan, mesmo no mercado exterior, etiquetan en galego. Ese medre da conciencia lingüística no uso do noso idioma na etiquetaxe débese ás campañas que desde hai seis anos vén levando a cabo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa decisiva colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Consellería do Medio Rural.

Tamén os consumidores, mostrando as súas preferenzas polas marcas identificadas coa lingua galega, fan posible que esas porcentaxes sexan cada vez maiores. Se reparamos na demanda, podemos afirmar que os viños de calidade etiquetados en galego son merecentes da súa aceptación. Nesta consideración vai implícito o desexo de galeguizar a nosa economía; unha oportunidade que debemos aproveitar todos, e nomeadamente ese amplo segmento da sociedade galega preocupado pola recuperación dos nosos sinais de identidade. Canto máis coherentes sexamos na nosa elección como consumidores, máis avanzaremos na reconstrución desa identidade. Fagamos causa común e pidamos sempre viños etiquetados en galego, por favor.

* Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES